acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Chus Nogueira fala de Acuática alma
No Diario Cultural de onte, 28 de marzo, Chus Nogueira falou de Acuática Alma. Comeza no minuto 38.


Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 29-02-2012 17:11
# Ligazón permanente a este artigo
A subversión do feminino
Artigo publicado este 25 de febreiro en Terra e Tempo:


Hai tempo xa escribín un artigo titulado "Literatura sen xénero". Nel comezaba recollendo unha idea de Luísa Villalta que sostiña que unha das evidencias da homologación definitiva de escritores e escritoras sería a da irrelevancia do sexo do autor/autora á hora de abordar a súa obra, escribir sobre un determinado tema, tratalo dun determinado xeito ... Naquel artigo no que tamén sinalaba que unha das características atribuídas á denominada Promoción dos 90 foi a importancia dun número crecente de escritoras, pretendía poñer os focos sobre o feito de que a incorporación de novos temas e novos tratamentos por parte das escritoras influíran na obra dos nosos coetáneos, como cando Rafa Villar dixera que se identificaba plenamente coas voces femininas do seu tempo.

Volvo ao artigo de entón, con motivo da lectura de As crebas, de Miro Villar, un fermoso libro sobre a incomunicación e a dor que o desamor nos deixa.

Neste poemario, Miro Villar utiliza con habelencia os recursos que as poetas trouxeron á poesía, imaxes e palabras que proceden dun ámbito marcadamente feminino, como é o doméstico, convertido agora en ferramenta para a construción de imaxes. Foi o que María Reimóndez chamou os materiais indignos, como o corpo feminino ou o fogar, e que ten un claro exemplo no poema "As sabas ao clareo": "Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos...".

Villar recolle no seu libro a subversión do feminino. En "Novelas de aventuras" fala das mulleres que len, das nenas que se entregaron ás novelas de aventuras e, malia non ser mulleres as súas protagonistas, imaxináronse sendo as heroínas das historias e na súa imaxinación levedou o desexo de afirmarse: "as mulleres que len foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos."

As crebas son os restos que deixou o amor ao rematar, anacos de madeira ou redes, plásticos descoloridos e inútiles, contaminantes, corpos esbrancuxados e fráxiles de equinodermos, cunchas gastadas pola erosión dos golpes que xa non servirán de acubillo e no medio dese caos sempre hai un obxecto que chama a nosa atención, ese que gardamos e que levamos canda nós.

Lin As crebas como unha longa elexía ao amor esquecido, un diálogo cun suxeito feminino ao redor do cal se constrúen os poemas. Un suxeito feminino que é unha muller perdida, illada, "A resposta está na illa do insomnio que te acosa até deixarte seca, tal outono sen chuvia", á que a voz poética convida á rebelión: "Ergue indomable, libre, contra a farsa dos hábitos, o consuetudinario costume da obediencia.", e á que lle reclama "non te chames Penélope", "non agardes o barco que leva nas adegas outra inmobilidade."

É un paso adiante na dirección correcta podermos falar hoxe de que as achegas das escritoras perténcenlle á literatura e son ferramenta que tamén os autores empregan na construción do texto literario, que xa non son exemplos illados e singulares os de autores que puxeron no centro do texto literario a realidade con nome de muller.

Mais mentres isto sucede no ámbito literario, no mundo laboral, no conxunto da sociedade, os sistema segue reforzando os seus mecanismos de sometemento. A publicidade segue estando destinada a facer de nós mulleres namoradas e desexosas de agradar aos homes aos que nos debemos entregar. Distraídas abrimos o domingo unha revista das que veñen cos xornais e metemos polos ollos acriticamente todas as páxinas dereitas nas que nos anuncian bolsos, perfumes, cremas... tantas cousas marabillosas para que sigamos estando estupendas, con esa pel perfecta e esa dentadura branca e ben colocada como a que vemos nas actrices das que xa non se sabe a idade. O premio a todo ese esforzo será sermos as protagonistas da nosa propia aventura en África, namorando ao perfecto Robert Reford. E deste xeito quen vai dedicar unhas horas libres de pensamento a reparar en que a nova reforma laboral permite supeditar a redución de xornada por lactación ou polo coidado dunha crianza ou dunha persoa dependente "ás necesidades produtivas e organizativas das empresas". Oprimidas e oprimidos pola crise nin reparamos en que os traballos feminizados non avanzan en materia salarial nin en dereitos, mesmo dentro da propia Administración pública que inexplicabelmente mantén ás traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar (moi maioritariamente mulleres) sen convenio laboral.

A literatura é vangarda e cómpre que as ferramentas e os lentes cos que as mulleres ven a realidade se universalicen en todos e cada un dos chanzos da realidade, porque como dicía Teresa Moure recentemente no artigo Nós, as inadaptadas (Sermos Galiza): "A ollada de xénero non é, finalmente, unha cuestión de mulleres" Parafraseando as súas palabras no ensaio A palabra das fillas de Eva, o feminismo é unha alternativa ao poder patriarcal, economicista, uniformizador, explotador, e por iso os homes non están excluídos, senón que son os compañeiros necesarios para que todos e todas transformemos esta sociedade, converténdoa nun espazo habitábel e de futuro.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 26-02-2012 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Día de Rosalía
24 de febreiro. Hai 175 anos nacía Rosalía de Castro. Desde hai uns anos a AELG vén reivindicando que esta data forme parte dos calendario como Día de Rosalía. Para este ano propón agasallar un libro e unha flor, ademais de realizar actos conmemorativos de lectura da súa obra.

Esta tarde estarei en Vigo, ás 19:30 no Marco, lendo o manifesto elaborado para esta data.

Deixo aquí un poema-resposta a outro poema de Rosalía (o poema "Adeus" de Follas Novas), un texto co que remataba o Roteiro literario por Compostela que guiei este ano durante o festival dos abrazos.

?Cando volver, se volvo, tod'estará ond'estaba,
Os mesmos montes negros y as mesmas alboradas
D'o Sar e d'o Sarela, mirandose n'as auguas,
Os mesmos verdes campos, as mesmas torres pardas,
D'a catredal severa, olland'as lontananzas:
?

E si
todo está onde estaba, os montes aínda negros,
as mesmas alboradas sobre os muíños secos
e cansos do Sarela. O mesmo aire severo
da catedral que segue mandando en terra e ceo
Mais xa non tantos campos, nin tan verdes vexo,
e a túa lingua, a nosa, ai, esa si!, desprézana os mesmos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-02-2012 09:02
# Ligazón permanente a este artigo
Neste lugar do mundo
Hai uns días falaba da publicación dun poema inédito no 2º número de La revista Áurea do Ateneo de Madrid, que dirixe Miguel Losada.

Cómpre dicir que neste número hai un capítulo para a poesía galega: "Cinco poetas en lengua gallega", no que se recollen poemas de Yolanda Castaño, Marga do Val, Maite Dono, Olga Novo e eu mesma.

O poema publicado foi o seguinte:

Neste lugar do mundo

aprendemos a lingua do colonizador
como se fose a nosa lingua propia
adestrándonos na súa áspera pronuncia
memorizando todas as palabras alleas
que couberon na cunca do leite con galletas

ensarilladas na súa torpe pronuncia
xogabamos alleas ás nosas propias vidas
sen nos recoñecer nos lugares que nos rodeaban
sen entender as voces nos camiños

foi un tempo de mundos paralelos
a televisión e a escola construíndo un futuro imperfecto
unha rúa que se afastaba dos valados e o ouvear dos cans
no retorno á casa afastada entre os piñeiros

mundos que non se tocaban
realidades diverxentes en que non había espellos
porque nos pariran protoalbaneis dunha vida nova
que xurdía da nada e descoñecía
que, exactamente, a colocara nese lugar do mundo

como espertamos? Picando as pernas nas pugas dos toxos
ou descubrindo a humidade das follas que durmían no chan
dos soutos?
como foi? Caendo sobre as laxes do chan no camiño vello
que levaba a un cruceiro abandonado ou esmagando morotes
nunha cunca vella tintada de viño?
botando sucre nas sopas de cabalo canso mentres o fume
invadía o espazo desde o centro da lareira?
arrefriando as papas de arroz coloreadas de canela moída?
ensaiando o amor mentres o frío se ía cravando nos ósos aínda non danados?

se cadra foi no barolo dos libros que non estaban nos andeis
porque non tiñan a encadernación de pel que os igualaba
para adornar o moble a prazos do salón
ou mesmo na soidade urbana nacida nun arrecendo a salitre
que chegaba nunha volta do vento
que non podía pulsar os laios das árbores ausentes

tal vez na humidade dos teus beixos nun xardín botánico calquera
onde as raíces vexetais profundaban nas nosas entrañas
para descubrirnos a un tempo
a saiba que nutría a súa altura de sombras reparadoras e cómplices

quizais entón
como maceiras novas enxertadas no estripeiro
recompuxemos as células leñosas e comezamos chuchar da terra
para preñar de flores brancas e rosadas, madurar despois
baixo o sol e a chuvia dos presentes sucesivos
aos que nos entregamos

foi así?, desaprendendo asperezas e halando
do fondo da memoria cada palabra pronunciada para que non escoitáramos?
foi así como recuperamos o sanguiño e as ervilles
o tormentelo ou o poexo?

a artesa gardaba o formento e a fariña terceada
até que erguemos a súa tampa e descubrimos
que aquel era o pan que nos saciaba
unha fame vella
que traíamos herdada na larinxe

garda sempre unha presadiña de masa
e sementa centeo e trigo, millo
para que a fame amaine
para que o vento encontre as árbores nas rúas
para que a rúa teña valados e cans que ouvean

para que xoguen a seren arquitectos
dun futuro que entenda as voces dos camiños
un futuro que se recoñeza
neste lugar do mundo
Comentarios (3) - Categoría: textos editados - Publicado o 20-02-2012 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión en Caderno da Crítica
Foto de Tokio, asistentes á presentación de Acuática alma en GondomarRamón Nicolás publica no seu Caderno da crítica unha recensión sobre Acuática alma.

"E este é, ao meu ver, un dos poemarios máis compactos da autora, mesmo considerando a pluralidade de focos de interese que recrea. Quen a estas páxinas se asome advertirá que Dacosta segue a beber das fontes da mitoloxía clásica -Medusa, Ismene, Antígona, Ofelia?-, figuras que resultan operativas, aínda que non só, para afortalar unha das liñas de sentido que poboan o poemario como é a rexa reivindicación da loita, por veces »invisible e teimuda», que protagoniza a muller en moi diversos ámbitos, convidando a adoptar, por extensión, unha postura que vai máis aló da simple belixerancia. E xa que de ecos clásicos se fala cómpre non esquecer que este é tamén un libro que se achega, aquí e acolá, aos grandes temas da poesía de sempre como son a reflexión sobre o rol da poeta, arredor do paso do tempo ou a asunción da morte como algo ao que se lle ve o rostro, que se singulariza para facela máis real, exhibindo unha recorrente e rendible, mais non exclusiva, simboloxía <> ou mariña, tal e como consta no seu título.

Por outro lado, paréceme que esta Acuática alma alicérzase desde a constatación, dolorosa, de ausencias que provocan cicatrices case tanxibles e dispostas coma se dunha sorte de bitácora ou diario se tratase. Elabórase así un discurso intenso, revelador da intimidade, transparente e con arrecendo a verdade, razón que explica a súa fondura abisal e mesmo esa tonalidade estremecida que percorre algunhas das súas páxinas construídas, como non, a través das palabras: esas palabras tantas veces rebeldes que a voz lírica procura porfiadamente, remoendo nelas unha e outra vez, para rescatalas dese pequeno tesouro que vén sendo unha <> que agora se abre para construír un chanzo máis nesa <>, tal e como se recolle nun poema, reconstruída e exposta limpamente con brillantez e sobriedade."

A recensión comeza lembrando aquel recital de abril de 1987: Na cidade espida. Un día destes poñeremos nesta xanela aquel manifesto.
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 16-02-2012 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Acuática alma en Compostela
Convídovos á presentación de Acuática alma este mércores 15 de febreiro na librería Couceiro en Compostela (na praza de Cervantes).

Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 13-02-2012 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Recensións de Acuática alma
Foto de TokioVelaquí algunhas recensións de Acuática Alma, comezando pola amábel presentación que Miguel Anxo Mouriño fixo en Gondomar e Pontevedra:

Miguel Anxo Mouriño, ?Presentación do libro Acuática Alma ??, http://dl.dropbox.com/u/8842847/documentos/Presentaci%C3%B3n%20Acu%C3%A1tica%20Alma.pdf
??a materia prima que alimenta o poemario está composta de sensacións, de sentimentos, de sensibilidades que teñen moito que ver co sufrimento, en xeral, e, sobre todo, coa inxustiza: inxustiza contra as mulleres, por maltrato ou invisibilidade, inxustiza contra os pobos, inxustiza contra os vencidos, inxustiza contra a lingua. Coa súa enorme forza expresiva baseada non só no dominio da palabra senón tamén, e non menos importante, na súa autenticidade e implicación, observa, cunha póla de oliveira na man e na outra unha metralladora de versos, observa, digo, en atalaia alerta a vida que pasa e como pasa, ou volve a vista atrás para ollar na memoria, e dispara, certeira, co seu estilo directo desprovisto de toda retórica innecesaria.?

Xosé Manuel Eyré, ?Crónica parcial dun libro incompleto: acuática alma e o momento da vida?, Galicia Confidencial, 31/01/2012:
??o de Marta Dacosta é un dos mellores poemarios do pasado 2011, e, con seguranza, non só na opinión de quen isto asina.
Acuática alma é un manso fluír de sensacións, de reflexións, de sensibilidades. Un manso e constante fluír de derrotas e necesidades, de cansazos e abismos, de espellos e agardas, de vítimas e invisibilidades. Un manso fluír. Manso, que a poeta traballa con mimo, con delicadeza a forxa dos dos versos que son o trásito da idea; procurando sempre unha expresividade coidada e fonda, mimo e naturalidade nun parto que á vez loita, rebelde, por non se constrinxir senón a si mesmo ou á súa propia peculiaridade pois crime é, espantoso e humanoide crime, pretender encorar o natural nos recipientes que a cobiza irracional e desenfreada lle planifica. Fluír, e o poemario vólvese caderno ou testemuña de vida.?

Dolores Vilavedra, ?Darlle a volta á identidade?, Luces, Rolda das letras, El país, 2/02/2012:
?Tampouco é Marta Dacosta unha autora que se prodigue. Acuática alma é un poemario de madurez, sobrio na forma e contido no fondo, un chamamento á autenticidade que non esquece o diálogo cos mitos pero tampouco coa memoria dos cadavres das cunetas, que non renuncia á reflexión metaliteraria mais tampouco elude a cotidianeidade.?

Montse González, ?Versos corrente de lava?, Luces, El país, 9/02/2012:
?Marta Dacosta homenaxea en Acuática Alma, a forza das mulleres, ?a súa capacidade para superar a dor?, apunta ela mesma. E chama por todas as Ofelias ?como xa o facía n?As amantes de Hamlet?, para instalas a ser libres, a rebelarse contra o sometemento. Porque a violencia de xénero é unha das inxustizas contra as que Acuática Alma ergue a palabra. Como o fai contra o descoñecemento, a frustración ante a construción de imaxes deformadoras sobre as persoas. Ou contra a desmemoria, a mentira, pois ?a historia?, lembra, ?escríbena os vencedores?. Di Olga Novo que ?a poesía é pobre, pero fala coa voz rica dos que non teñen nada?. Dacosta reivindica tamén, da man de Benedetti ou de Mahmud Darwish, a poesía como palabra dos vencidos, do pobo.
Reflexiona, por outra banda, en Acuática Alma, sobre o papel da poeta nun contexto de palabras luxadas ?como as que sustentan, di, as agresións á lingua? e falta de tempo para ?as cuestións que son fundamentais?. Mais, contra a ?triste indeferenza ante a derrota? que xa denunciaba en Pel de ameixa, convida a ?coller folgos?. ?A non deixarnos vencer, seguir loitando para ser, para non desaparecer como pobo?, engade. Acuática Alma parte dun poema sobre un ser que nace da auga, elemento de construción e destrución da vida. A imaxe da auga, como a do sangue, atópase na súa obra desde o seu primeiro libro, Crear o mar a Compostela.?
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 10-02-2012 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Acuática alma en Pontevedra

Convídovos á presentación de Acuática alma este xoves 9 de febreiro na librería Sargadelos en Pontevedra.

Coa colaboración da Asociación Cultural Maio Longo.
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 06-02-2012 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
A identidade en Coetzee
Colonizadores bóers da wikipediaBaseándome na lectura de Verán, de Coetzee, escribía o artigo do mes pasado. Mais quedaba aínda outro tema da novela que me interesou particularmente e que agora deixo aquí:

A identidade.

Antes mesmo de reparar na idea central de que no estudo dun escritor a materia prima esencial e case exclusivamente necesaria é a obra (o cal non quere dicir que esa obra non se analice á luz do momento no que foi escrita, ben ao contrario, porque como todo é produto do tempo histórico e vital que lle tocou vivir ao seu autor), chamoume a atención o seu modo de se sentir sudafricano.

Ao longo do libro imos percibindo o que quedará definitivamente claro na entrevista da personaxe de Martin, a penúltima, a que nos achega definitivamente ao escritor. Coetzee é un sudafricano branco e iso é fundamental para entender a súa relación coa terra que o viu nacer e todo o que desta consciencia identitaria se deriva. Resúmeo así a través das palabras de Martin:

?a nosa presencia naquel territorio era legal mais ilexítima ... Considerabámonos transeúntes, residentes temporais, e nese sentido sen fogar, sen patria?

Eu aínda non lera unha definición tan consciente do colonizador. A persoa sábese invasora do lugar ao que pertence. Naceu alí, mais non debera ter nacido, pertence a un pobo que ocupou pola forza o país do que agora é cidadán. E non ten outra patria.

É se cadra esta consciencia identitaria o que crea o absurdo ao que o propio autor recorre para construír a novela. Coetzee, pai e fillo, son como Vladimir e Estragón agardando a Godot, só se teñen o un ao outro, detéstanse e necesítanse, desexarían estar afastados o un do outro, mais non poden separase nin sequera un metro. Sempre agardando polo que non chega, un sentimento de pertenza non invasora a un espazo, a un fogar. E esa é tamén a relación co país, con Sudáfrica, o desexo de irse (na novela moitos sudafricanos brancos están a agardar para irse vivir aos EEUU), e o magnetismo que Sudáfrica exerce sobre eles.

?Os seus devanceiros, á súa maneira, e os meus á súa, traballaran duramente, unha xeración tras outra, a fin de despexar unha extensión da África salvaxe para os seus descendentes, e cal era o froito dos seus esforzos? A dúbida no corazón daqueles descendentes sobre o seu dereito á terra; unha inquietante sensación de que non lles pertencía a eles senón, dunha maneira inalienábel, aos seus donos orixinais.?

Foi a outra visión de Sudáfrica, ben diferente da que percibín a través da novela doutra sudafricana, Nadine Gordimer.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 05-02-2012 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
balea2 de Estevo Creus
Eu ía durmir, mais no último momento abrín o libro de Estevo Creus, balea 2, e quedei enganchada, até chegar á metade do libro. Lía un poema e, como me gustaba e me tiraba un sorriso, líao en voz alta, para compartilo.

Ía durmir, mais quedei en

a divina tortura
adiviña tortura para pais en uso ou á que me sometía o meu irmán David antes de durmir


non é un coche e tampouco é unha balea
¿Qué é?


En canto puiden seguín enganchada a esa poesía diferente, que tamén expresa o que sentimos, que non se ancora na melancolía, malia a dureza irrecoñecíbel dalgúns textos.

Poemas para saborear e sorrir, para sentirse nena ou non, para saberse inocente, ou camiñar as rúas do mundo coa mesma ilusión coa que saímos calquera día, desexando vivir sen tregua.

Outro libro de Estevo que non me deixa indiferente, unha esixencia que eu lle fago á poesía.

contraetiqueta.
Crítica da psiquiatría 2


a ver, nenos! a ver quen sabe o que son as baleas!
as baleas son peixes?
as baleas son mamíferos?
qué son, eh? qué son as baleas?

-bonitas!!!! -berraron todos-

Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 01-02-2012 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0