acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Vigo en verso

Este 1º de marzo: Ledicia Costas, Cruz Martínez e María Lado son as protagonistas. Falaremos de poesía. Terei moito gusto en presentalas.

Remataremos cun recital.

Ás 20 horas na Casa da Cultura Galega, en Vigo

Actualización do 3 de marzo:

Fotos e vídeos do acto: 1, 2, 3.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2011 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Resposta do Valedor

Esta é a resposta que o Valedor lle deu o mes pasado á miña queixa.

Ou sexa que aquí non pasou nada, seica...

Desde logo non podo dicir que non contestara rapidamente, mais a resposta é completamente insatisfactoria: como nos papeis di que eles son o máximo garante da cidadanía arquivan o caso, e punto.

Aaaaaaarrrrhhhhhhh!
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 25-02-2011 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
Día de Rosalía

"O 24 de febreiro, Día de Rosalía, a AELG organiza unha lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa fixera o pasado 2010. Durante estes actos lerase tamén un manifesto que defina explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva."

AELG

Actualización do 25 de febreiro:

Onte en Vigo a prensa non asistiu.
O recital foi impresionante: Carme Kruckenberg, Rexina Vega, Lucía Novas e Ledicia Costas abriron a lectura dos poemas aos que logo se sumaron: María Diéguez, Rosanegra, Cruz Martínez, Alexandre Ínsua e Anxo Angueira.

Hoxe algúns medios dan conta dos actos de onte: Galicia hoxe, Xornal e non atopo máis nesa relación de medios que habitualmente consultamos (aínda que si se fala de Eurovisión ou dos Oscar...).
Información relacionada: CIG-Ensino.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2011 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Cobiza da gloria
... bágoas, queixas,
traizóns e calumnias, todo sobre a miña cabeza
descargouse de súpeto, quen son e onde, aquí
como errante acadado polo raio no deserto,
e todo se escureceu ante min. E hoxe
consumido por un desexo inédito,
cobicei a gloria para que o nome meu
o teu oído acade ...

Alexandre Pushkin, "Cobiza da gloria", O habitante do outono
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 18-02-2011 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Obediencia de Antón Lopo
Gustoume Obediencia. Gocei da súa lectura e pasei ratos divertidos, ao tempo que conectei de novo coa reflexión crítica que tantas obras de ciencia fición que se asoman ao futuro teñen feito do que está por vir: o control da humanidade.

Se tivese que usar dous cualificativos para resumir o que me pareceu esta novela diría: divertida e retorcida. E se retorcida acáelle ben para definir que nada é o que parece e que as peores previsións sobre a capacidade de conspiración do sistema poden cumprirse, divertida quizais soamente faga referencia á miña recepción particular. Mais como non divertirse, ou regoderase, lendo cousas como:

?... vense os tellados ondulados do Gaiás. A construción do complexo, que hipotecara o país antes da Independencia, cambiara sucesivamente de funcións: de espazo cultural a museo e de museo a parque de atraccións, de parque de atraccións a sede do goberno da República. Nunca souberon moi ben que facer co oneroso proxecto, custosísimo de manter.?

?O castelán perdérase como lingua de uso no Estado había un século. Nos derradeiros anos da monarquía, o nacionalismo centralista tratara de frear os idioma cooficiais cunha lexislación restritiva que introducía o inglés de lingua vehicular no ensino. O efecto foi o contrario do que se buscaba: a comodidade do novo idioma e o peso engaiolante da cultura anglosaxoa gañaron terreo rapidamente e acortellaron o castelán en primitivas aldeas da montaña cántabra.?

Ante fragmentos coma este último sobre o noso idioma o que desexo é que Antón Lopo, como Verne, Huxley ou Orwell, sexa ese visionario que se adianta ao seu tempo.

Por favor!! Con esa República galega que ten como símbolos a ?serea e o fouciño?.

Mais non no que se refere a outros feitos narrados, que non contarei, porque tedes que ler a novela.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 18-02-2011 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Anxos de ferro
Gústanme as historias, en palabras ou en imaxes, tanto que podo pasar horas lendo ou vendo, e iso fixen onte desde as catro da tarde ás dúas e media da mañá: unha cura de cine.

Primeiro foi Anxos de ferro, filme que desde hoxe penso recomendar para coloquios do 8 de marzo, actividades escolares sobre a loita das mulleres... para ver unha tarde de domingo chuvioso mentres repoñemos as forzas perdidas... Na foto vemos a catro das protagonistas.

Mais Anxos de ferro non é unha película para desconectar, ao contrario. Malia que como recolle algunha crítica non é todo o dura que debera cos homes aos que se enfrontaron aquelas mulleres, o filme conecta coa nosa amargura e coa nosa carraxe, porque entendemos perfectamente a dureza da loita, ese estar contra todo armadas da razón, a derrota que nos asedia, a obriga que nos impoñemos e ao final a luz, sempre, despois de longas xornadas de escuridade. Porque toda loita e todo compromiso conduce ao avance.

A protagonista é Alice Paul, unha sufraxista descoñecida para min até onte. No filme é retratada como unha muller decidida, intelixente, que sacrifica a súa vida persoal pola causa que asume.

Dúas escenas: unha, o momento no que abandona, despois da morte dunha compañeira, esgotada e enferma durante unha campaña, e se refuxia na casa da nai quen, ao vela sen ánimos dille que non se pode deixar o rego que se comezou arar. Outra, cando someten a votación o dereito ao voto das mulleres no Congreso dos EEUU e un congresista que se aliñaba cos antisufraxistas recibe un telegrama da súa nai e nese momento cambia o seu voto que pasa a ser determinante para a loita destas mulleres que case deixan a vida.

En definitiva, filme para ver.

Á noite, fun ver Máis alá da vida. Tiña que ver a última de Eastwood, por suposto. A sensación foi agridoce. Realmente preguntábame por que este filme non contaba co rebumbio previo que ten acompañado outros do director. Gustei das historias, saltei na butaca cos impactos violentos que conducen á morte, mais ese mirar do outro lado da vida para reflexionar que hai máis alá deixoume confusa. O certo é que lle dei voltas e máis voltas ás tres historias, porque nada queda claro, a conclusión parecía ser que, como na vida real ante o trauma da morte dun ser querido, cada un de nós pode achar no filme unha explicación diferente, as máis ilusorias, as máis científicas... Así que me pregunto por que este filme, cal é o obxectivo do seu director, de quen considero que non conta historias por contar.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2011 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
... desterrado
descontento de min mesmo, da vida e do mundo,
...

Alexander Pushkin, O habitante do outono.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 11-02-2011 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Carraxe de futuro
Desde o século XX ollabamos cara ao século que andamos imaxinando unha modernidade que seguía os deseños dunha película de Woody Allen. Ás veces había un certo tufo apocalíptico e o certo é que o cambio climático que hoxe invocamos a cada nova treboada ou sol intenso acompaña estes anos difíciles e escuros que avanzan cara á negrume absoluta.

?Un golpe de calor para os incendios e a desesperación do nacionalismo panhispánico para os atentados? eran as conclusións que, na novela de Antón Lopo, se empregaban, entre outras, para explicar a independencia e creación da República de Compostela. O deterioro do clima e a natureza xunto cos ataques á lingua converxían nos albores dun cambio político que levaba Galiza á independencia e o galego a lingua única, despois da extinción do español. Agradábel ciencia fición afastada un século máis, imposíbel para a nosa vida.

O certo é que o século XXI anda entre arroiadas sen límite e tremores de terra, a golpe de normas contra a lingua e de recortes económicos que primeiro pechan medios de comunicación e despois afogan compañías de teatro, case impiden a realización de congresos, reducen á mínima expresión a creatividade da mocidade, tan dada noutro tempo á contestación máis radical, etc., etc., etc. Poderiamos estender a nosa listaxe, porque unha tesoira de dimensións ciclópeas recorta cada día outro lugar de refuxio para a nosa existencia. E no rexeitamento que nos producen volvemos á novela e máis alá da ciencia fición, preguntámonos: serán estas as primeiras causas para unha transformación que nos leve á emancipación tan agardada?

Onte volvín á Alba de Gloria. E como tantas outras veces non puiden evitar emocionarme ao repasar as palabras de Castelao. Fala alí da Santa Compaña dos inmortais galegos, e ao ler os seus nomes ía sumando á memoria colectiva as horas de entrega e sufrimento, aldraxes, incomprensión, mais tamén o optimismo e o alento que os impulsou e desexei que este ?substractum insobornábel da patria galega? saíse esta mesma noite cara ás rúas vellas de Compostela, que andase a súa pedra e o cemento, que rodease os edificios en que conspiran contra a súa memoria e coa súa presenza lles fixese comprender aos que se negan a si mesmos cal é o tamaño da súa destrución.

O inverno vai rematando, mais aínda poden vir nevaradas intensas para o idioma, bategadas veloces contra a liberdade, ondas xigantescas contra a tecido cultural que co esforzo de tantos viñemos construíndo. E logo virá o verán e con el, se cadra, a secura e o lume.

E aínda así, non pode haber lugar para a resignación, porque cada inclemencia deste tempo presente, ha de ser carraxe de futuro.


Aettigo publicado hoxe, 11 de febreiro, en A Nosa Terra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 11-02-2011 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Beloved
Tiven a sensación de estar a debandar unha madeixa. Unha grande madeixa pola que ía tirando aos poucos, mais da que aínda quedaba moito que desenfiar. E así, dando voltas ao redor da memoria, da dor do pasado, a súa inexplicábel presenza no presente fun sabendo, ou mellor, comprendendo como se tocan amor e morte, até que punto.

A crueldade inexplicábel da nai que quere matar os seus fillos para salvalos. Unha historia terríbel que se constrúe para darnos a dimensión da traxedia vivida na carne propia.

?Libertar-se era uma coisa; reclamar a propriedade do próprio corpo era algo bem diferente.?

Beloved, de Toni Morrison, é unha denuncia da escravitude e da marxinalidade á que a sociedade americana someteu os seus membros non caucásicos. Unha denuncia que nos vai impregnando mentres nos entrega, aos poucos, un pouco máis de fío para chegar á cerna do sufrimento, ao mesmo centro da barbarie hai tan só un pouco máis dun século.

?Ele sabia exactamente o que ela queria dizer: chegar a um lugar onde se podia amar tudo aquilo que se escolhesse ? sem presisar da autorizaçao para o desejo -, ora bem, isso era liberdade.? Dificil de entender? Non cando aprendes que unha muller negra non podía amar os seus fillos, non porque era empregada como animal reprodutor que pare futuros escravos que antes logo serán vendidos, fillos dos que tan só sabe o nome, dos que non terá nunca unha lembranza.

Unha historia intensa, na súa estrutura de nobelo que se vai desenfiando, mais que mantén o ritmo de tres partes perfectamente deseñadas que sempre comezan do mesmo xeito: ?O 124 era rancoroso..., O 124 era ruidoso ..., O 124 estava silencioso...? anunciando nese primeiro atributo o resumo das páxinas que seguen. E a linguaxe poética que o envolve todo, construíndo finalmente unha fermosa narración.

É para ler. Non para vos descubrir aquí como é esa historia que nos conta, cómpre iniciar a lectura coa venda nos ollos, retirala e ir debandando a madeixa, aos poucos, comprendendo...

Non sei expresar mellor o moito que me impresionou.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 07-02-2011 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
nin no lugar máis apartado

nin no lugar máis apartado
son quen de allearme
desta perversidade


Tanto esforzo en apartarse da súa viscosidade.
Tantas horas empregadas en pasar desapercibida,
silenciosa,
imperceptíbel,
para acabar caendo na súa rede
pegada ás súas babas de veleno,
sentindo como constrúe o ataúde final,
a casa derradeira,
o lugar definitivo en que serás devorada,
zugada,
anulada,
para toda a eternidade destruída.

Cando se achegue fría
o abismo será inmenso e a man con que me salvas
a derradeira luz para o meu corpo,
quen poderá deter
ese instante definitivo.
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 02-02-2011 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0