acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Nélida
Foto da CIGHoxe, todas nos chamamos Nélida. Todas podemos relatar que sufrimos algún día, ou moitos, a discriminación patriarcal que aínda domina esta sociedade enferma, unha discriminación da que non albiscamos o punto final. Mais hoxe Nélida represéntanos a todas, pois asumiu loitar polos seus dereitos e antepuxo as necesidades da súa cativa ao medo a perder o posto de traballo. Con seguridade, Nélida imaxinaba este traxecto, as mulleres sabemos que esixirmos os nosos dereitos pode levarnos a perder o traballo , mais sabía tamén que o que estaba a reclamar era nin máis, nin menos ca un dereito recollido na lexislación, algo que lle corresponde e que non tería nin sequera que demandar.

Unha vez máis, o papel foi papel mollado e a empresa de autobuses Hedegasa decidiu conmemorar o día da muller traballadora despedindo a esta condutora. Desde hai meses veu pretextando diferentes argumentos para impedir que Nélida exercese os seus dereito e procurar que abandonase a empresa. A pesar da lexislación vixente, houbo que recorrer aos tribunais que lle deron a razón á traballadora e lle lembraron á empresa que existían as condicións para dar cumprimento aos seus dereitos.

Deberíamos estar a falar dun situación pretérita, de algo que non acontece xa, mais non, falamos de febreiro de 2010. E así, malia ter pasado xa 43 anos, a filla de Nélida e eu mesma compartimos unha circunstancia común, a de ser empregadas como causa de despedimento das nosas nais. Mais, unha cousa é falar de que en 1966 a única empregada da limpeza dun centro de traballo de Vigo se vise obrigada a deixar o seu traballo por mor da crianza da súa filla, un traballo absolutamente precario, sen contrato, nin cotizacións á seguridade social, e outra moi diferente dicir que en 2010, e cunha lexislación que regula os dereitos ligados ao nacemento dunha filla ou fillo, unha empresa acabe por despedir a unha traballadora, facendo caso omiso da lexislación vixente e sen que a Administración para a que realiza parte dos servizos diga unha soa palabra. Porque é resaltábel sinalar que esta empresa traballa, entre outras, para a Consellaría de Educación.

Nélida terá que seguir reclamando. E sabe que terá o noso apoio. A súa travesía do deserto é fundamental para todas e todos, é unha contestación ás empresas que se negan a cumprir a lexislación porque buscan única e exclusivamente o seu lucro particular, procurando o sometemento dos seus traballadores e traballadoras. Empresas que, como Hedegasa, practican a represión na procura da máis moderna escravitude: traballadoras e traballadores mudos e castrados que temen reclamar os seus dereitos. É o seu mecanismo para vulnerar os dereitos da negociación colectiva, para impoñer o seu criterio, para seguir dominando.

Eu aplaudo a valentía de Nélida e digo que está a loitar por todas as mulleres e, tamén, polos dereitos das fillas e dos fillos a ter preto de si ás súas nais e aos seus pais. Cando reclamamos a extensión dos permisos de maternidade, de paternidade, de lactación, estamos, dalgunha maneira, a reclamar os dereitos dos que van nacer, das nenas e dos nenos de hoxe e de mañá, a nosa propia continuidade, xa que, como hoxe mellor que nunca podemos comprobar, só unhas boas condicións de protección da maternidade propician un mantemento dos índices de natalidade, que logo nos din que son necesarios.

Algo me proe aquí dentro, se cadra a memoria do leite triste da miña nai, de tantas nais que aleitaron ás súas fillas perdendo na batalla da historia. Por iso hoxe desexamos, por enriba de todo, que Nélida triúnfe.

Artigo publicado en www.galizacig.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 28-02-2010 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura do manifesto en homenaxe de Rosalía
O pasado 24, día de Rosalía, lemos un manifesto na súa homenaxe en seis lugares do noso país: A Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo. Nesta cidade demos lectura ao manifesto Agustín Fernández Paz, Xosé M. Alvarez Cáccamo e eu mesma, como vedes na foto do Faro de Vigo (de J. De Arcos). Carme Kruckenberg, que ía estar tamén, non puido finalmente acompañarnos.

Foi outra ocasión para alzar a nosa voz contra os que unha e outra vez nos negan e teiman e ocultarnos.

Do manifesto:
"Nestes días para nós escuros, Rosalía, lembrámoste unha e outra vez. Os nosos ollos percorren infatigábeis os teus versos, de onte a hoxe, e a memoria rescata da súa entraña retallos de poemas que palpitan nas nosas veas e percorren o noso corpo todo. E preguntámonos se este frío imposíbel que se instala na nosa pel é o mesmo frío que ti sentiches ante os que teñen fama de honrados na vila, aqueles que, amparados hoxe no mandato estatutario que lles foi outorgado para promoveren a cultura galega e a defenderen fronte ás agresións, utilízano contra todo o que ti significas, minusvalorando a herdanza túa e todo o que de noso achan ao seu paso aqueles que non entenden non todo o que somos e o que significamos.
...
Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que te alcumaron de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza, dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro.?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2010 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
Maldade
Lendo aquí e alá cheguei a Stieg Larsson, agora envolto de novo na polémica por mor do libro de Kurdo Baski. Así cheguei á wikipedia e sorprendéronme as palabras de Donna Leon criticando Millenium por mor da súa maldade. Xa e é que, de súpeto, a perfecta sociedade sueca deixa de selo, e aínda que a Leon lle pareza esaxerado a propia protagonista Noomi Rapace responde nunha entrevista que: "Suecia ten unha imaxe de país perfecto e equilibrado, mais ... "hai moitas violacións, maltrato a mulleres e racismo que non se mostran para non rachar a imaxe perfecta"

"Algo cheira a podre en Dinamarca..." así que "todo temos pechado por mor do vento".

Entón volveume á cabeza o filme de onte. Maldade, crueldade, represión... outra vez nas entrañas da ferida en que imos apodrecendo. Era A cinta branca, película que recomendo, aínda que non sexa doado vela pois non anda por circuitos comerciais, mais sempre pode haber uns Multicines Norte, ou un cine Imperial en que un empresario ao que lle guste sobre todo o cine proxecte a película.
A min tamén ma recomendaron e certamente paga a pena vela, dá que pensar:


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-02-2010 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
Cousas da lingua
foto Marta DacostaAula de 4º da Eso. Dous adolescentes, 15 e 16 anos, están preparando un traballo. O máis novo comeza facer o esquema. O outro dille:
- Hazlo en castellano, eh!
O máis novo quédase quieto. Pensa un segundo, borra o que está facendo e responde:
- Pois faino ti!

A conversa rematou aí. Intencionadamente. Son amigos. O máis novo non quixo enlearse co seu colega nunha discusión que adiviñou agre e perdida de antemán.

Está fartándose. Leva quince anos acumulando preguntas.

Hora do xantar.
- Quen está impoñendo o que?

(unha persoa moi importante pediume que recollese este feito real na miña xanela. Fágoo e aproveito para inaugurar unha nova categoría: cousas da lingua. Aquí deixarei esas anécdotas preciosas...)
Comentarios (2) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 19-02-2010 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
(14 de xuño de 2004)
Arquivo Marta DacostaEse día morreu o meu avó, Xesús Alonso Covelo, despois de loitar contra a fuxida das lembranzas e, cousas da vida, mentres rescataban os mortos do Bahía.
Secou a pel contra o vento do mar. Loitou por alimentar as súas fillas. Renunciou a todo por amor, como antes del fixera a avoa da súa namorada, a miña avoa Saladina.
Tiña oitenta e catro anos, e unha dura vida ás costas.

Deixoume os mesmos ollos e esta teimosía contra a inxustiza.

Con este poema péchase Cinza.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 16-02-2010 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
24 de xullo en Bonaval

Un poema feito para a ocación, mais que ten moito de íntimo e persoal.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 15-02-2010 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
(1999 Peitieiros)
Foto Marta Dacosta
Desde 1998 este é o lugar en que vivo.
Aquí sigo aprendendo a vivir... e a cociñar rabaquetas.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 14-02-2010 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
(10 de xullo de 1978)
Arquivo Marta Dacosta
Reproduzo o poema novamente, para mellorar a súa lectura:

(10 de xullo de 1978)

Papas de arroz:
Un paíño de canela na man
é o arrecendo que nos envolve,
que escarva na memoria e fai saír
a lembranza máis doce dos poucos anos,
da pequena estatura remexendo,
tirando o limón e a tona,
mesturando arroz, azucre e canela.
A mesma camisa azul,
os chichos de sete anos
e a mornura do leite e o arroz,
case sen espesar, cando chegaba a noite.
Cun paíño de canela traio ao presente
as paredes brancas e as lacenas de obra,
as mesmas en que me agachaba
o día que escoitaba unha canción para min.
Foi case a primeira casa,
a casa das papas de arroz,
das patacas loiras,
dos fritos, con pouco leite,
da carioca que mordía o rabo.
A casa en que xoguei soa
e a cociña era un mundo en si mesmo,
un mundo cunha ventá aberta
sobre o camiño que viña da escola,
que ía a ningures,
o camiño que observaba e repasaba,
mentres cantaba á soidade.

As mesmas papas de arroz
que callaron un día,
tal como ensinaban as anciás,
no vómito e no anuncio do meu sangue.

Comentarios (2) - Categoría: Cinsa - Publicado o 12-02-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura da obra de Anisia Miranda
En nome da AELG quero, en primeiro lugar, felicitar á organización do Salón do Libro de Pontevedra por ter organizado este acto de recoñecemento a Anisia Miranda. Homenaxear a Anisia Miranda é dar as grazas a todas aquelas e aqueles escritores que asumiron a reivindicación de Galiza e, co seu contributo, axudaron a agrandar a casa das nosas letras. É tamén homenaxear ás escritoras e aos escritores que asumiron para si a difícil tarefa de achegar os pequenos e as pequenas inoculándolles a paixón da lectura que, entre nós, tamén é o amor polo noso idioma.

Con estas palabras iniciei a miña intervención o pasado martes día 9 en Pontevedra, no acto de lectura colectiva da obra de Anisia Miranda. Eu lin o inicio da lenda ?A fidelidade de Penélope? do seu libro Mitos e lendas da vella Grecia, como dixen un libro para ler, reler, sobar, subliñar, aprender...
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2010 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
(1971)
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 09-02-2010 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0