|
|
|
|
Historia de una anatomía de Francisca Aguirre |
|
Lendo As Crebas de Miro Villar reparei nas citas que realizaba da poeta Francisca Aguirre, nomeadamente do seu libro Itaca e anotei ese título entre os libros que un día tería que ler.
En abril, de viaxe por Araba, fixemos unha excursión a Logroño e alí, nunha librería próxima ao mercado, dei cun libro de Francisca Aguirre. Era, é, Historia de una anatomía, Premio Internacional de Poesía Miguel Hernández-Comunidad Valenciana do ano 2010, publicado por poesía Hiperión.
Francisca Aguirre naceu en Alicante en 1930 e recibiu varios premios pola súa obra poética, en 2011 o Premio Nacional de Poesía.
Estes días comecei ler Hisorira de una anatomía. Aínda teño pendente Itaca, que Miro Villar me segue recomendando, mais xa neste libro atopo a razón para ler que un día lle escoitaba a Xabier DoCampo: gústannos os libros cos que nos identificamos, nos que nos atopamos. E certamente que así me sucedeu con algún dos poemas de Historia dunha anatomía, especialmente neste titulado ?Os ombros?:
Cando na ducha paso a esponxa polos ombros
de vez en cando lémbrome de Atlas:
vaia traballo o seu cargando co mundo.
Esta historia como todos sabemos vén da Mitoloxía
mais sempre pensei que a Mitoloxía
vén da vida. Vén
dese vello costume que ten o home
e a muller
de cargar sobre si case calquera tipo de peso:
o da culpa, o da responsabilidade, o da dor
e até pode que o peso abafante da felicidade.
Porque do que non cabe dúbida
é de que nesta vida todo pesa.
Tal vez por iso o noso esqueleto ten ombros.
Polo que podemos ler en www.alicantevivo.org nesta obra tamén está presente o seu pai represaliado polo franquismo, o pintor Lorenzo Aguirre, a quen lle dedicou o libro Los 300 escalones.
|
|
|
|
Mente que algo queda |
|
O día 20 almorzamos coa nova de que no vindeiro ano 2013 as persoas que traballan para a Administración pública verían recortadas as súas retribucións nun 7%. A propia Radio Galega citaba como fonte a Consellaría de Facenda. A reacción non se fixo agardar e esa mesma mañá comezaron as mobilizacións nos centros de traballo. Ao mediodía o presidente da Xunta declaraba aos medios que non se ía reducir o 7% e que as e os traballadores ían recuperar unha parte da extra detraída este ano 2012, unha parte variábel que sería superior nos salarios máis baixos.
A confusión estaba servida: baixan ou non baixan s retribucións? Recuperamos ou non a extra que nos sacaron en 2012? Cal é a finalidade práctica de que a mesma Administración envíe informacións contraditorias? Usar unha vez máis a táctica do lanzamento das mensaxes preventivas destinadas a vacinarnos e evitar as nosas mobilizacións, críticas e reclamacións; mensaxes que logo se contradín e así créase unha enleada que ninguén entende, para que reine a confusión. Daquela se a CIG di, por exemplo, que se confirma que haberá un novo e lesivo recorte salarial, coas declaracións de Feijóo na cabeza sempre pode haber quen diga que non é así, que o presidente dixo outra cousa. E ficar inmóbil. Tamén para afondar no desprestixio das e dos traballadores da Administración pública, lanzándolle á sociedade en xeral a mensaxe encuberta de que non temos por que queixarnos tanto, que non nos van baixar tanto como din por aí (eles mesmos, reitero)
O día 21 estaba convocada a Mesa Xeral da Función Pública, a unha hora estraña cando menos: as 13:45 h. Todo apuntaba a que non ía haber negociación ningunha, senón unha simple comunicación para a que tampouco se pretendía que houbese un pequeno debate. De feito nin sequera enviaron documentación, iso si, filtráronlle á prensa o que lle interesaba, nunha calculada manobra de manipulación da opinión pública. Todo o mundo podía ter detalles, aínda que non fosen reais, do que ía facer a Xunta, menos as e os traballadores directamente afectados.
Ante a previsíbel proposta de redución salarial, foi convocada unha concentración de urxencia na que as e os representantes sindicais puideran deixar constancia da súa posición contraria ás pretensións da Administración. Dentro da EGAP os representantes sindicais expresaban a súa oposición e indignación. A resposta foi o desaloxo dos representantes dos traballadores e a contundencia policial na porta do edificio contra delegadas e delegados sindicais que agardaban o resultado da reunión.
De regreso da EGAP repasamos a información, mais as contas non saen. Despois de darlle varias voltas quedo convencida de que, en realidade, en contra do que anunciaran, vannos sacar outra vez unha paga extra, mais desta volta repartida. Iso podemos ler entre liñas nas declaracións aos medios. Din que nos están devolvendo unha parte da extra detraída en 2012 e porén non imos cobrar as extras íntegras, daquela, en realidade, estannos sacando outra vez unha das extras de 2013. Acabáramos! Ou sexa que ademais de todas as mentiras que xa nos contaron agora hai máis: para comezar a ocultación de que en 2013 volven quitarnos a extra de decembro, cando o Real Decreto 20/2012 soamente recollía esa supresión só para 2012. E pretenden facer pasar unha devolución parcial do que nos quitaron como un avance! Era o produto do noso traballo e non nolo devolven! seguen quedándose cunha parte!
Isto non hai quen o entenda.
Ou si. Seguramente o presidente e o seu gabinete si, ao fin e ao cabo fano así para que non entendamos nada e para que o conxunto da sociedade pense que si, que nos devolven unha parte da extra e que si, que cobramos máis que este ano 2012. E non, non é certo, a única realidade é que as nóminas das e dos traballadores da Administración están por debaixo das de 2009 e seguen baixando, e isto en cifras absolutas porque se consideramos o valor real dos soldos e dos prezos estariamos a falar dunha perda salarial moito maior.
Non teñen vergonza. Rinse de nós. De todas e todos, non só dos seus traballadores. Coa mentira e a confusión poñen a andar a súa apisoadora e, pasiño a pasiño, empobrécennos día a día ao conxunto da sociedade, a unhas porque somos as súas traballadoras, a outros porque reducimos a nosa capacidade de gasto, e nesta espiral todo se vai a pique.
Este ano baixará o consumo de Nadal nos fogares galegos, e o comercio e a hostalería incrementarán as súas perdas. Xaneiro será un mes complicado. Mais o presidente e o seu gabinete non van ter ningún deses problemas, nin lles importa que outros os teñan. Así ven eles o Nadal e así nolo desexan.
Artigo publicado en Terra e tempo o día de Nadal, 25 de decembro. |
|
|
|
Bases indignas |
|
 Hai días que a anotei na axenda que o día 31 remataba o prazo de presentación de obras ao certame de poesía Manuel Lueiro Rey do concello de Fornelos de Montes. Fíxeno porque teño no caixón un libro agardando unha ocasión así para ver a luz. Hoxe estiven relendo unha vez máis os poemas. Volvín corrixilos, como fago sempre, e vin ao ordenador para ver a convocatoria.
Antes de me poñer a preparar as cousas teimei en ler as bases completas e entón din co parágrafo que reproduzo e decidín, claro, que non me presentarei.
Hai anos declinei formar parte do xurado de novela curta Lueiro Rey polo mesmo motivo, enviándolles unha carta na que explicaba a miña posición. Non acepto que as bases recollan que a obra é propiedade do editor, neste caso o Concello, para sempre, ou mentres queira selo. É inaceptábel. Estáselle pedindo a unha persoa que renuncie á súa obra.
É indigno para as autoras este tipo de bases ou cláusulas. Acepteino unha vez, hai moito tempo. Mais xa non teño idade para estas andrómenas. Nin tampouco para non dicilo, por iso fago pública a miña queixa ou denuncia (e porcerto que no caso dalgunha editorial chove sobre mollado)
Aquí queda.
O libro, seguirá no caixón. |
|
|
|
Herdanza, en Retallos de Gondomar do Miñor |
|
O pasado sábado 15 de decembro, presentouse en Gondomar o libro: Retallos de Gondomar de Miñor, un libro colectivo escrito por 60 veciños e veciñas de Gondomar que foi coordinado polo arquitecto Antonio Soliño. A obra naceu como libro que represente a Gondomar e sexa agasallo de visitantes, ou mesmo habitantes.
En www.valminor.info podedes ler unha crónica da presentación á que non puiden asistir porque aínda non aprendín a estar en dous sitios a un tempo.
Para o libro e ilustrando unha panorámica da Foz do Miñor desde o alto da Paraguda (Peitieiros - Couso, Gondomar)escribín este texto:
Herdanza
Arfa. Só o peito se move no seu corpo tenso que crea unha figura de aparencia guerreira. Desde aquí poderá descubrir a chegada dos homes dacabalo, polos relampos do sol nos seus cascos. E entón sairá correndo de novo, onda aos seus.
Escollérona a ela porque foi a primeira en andar de todos os cativos que naceran aquela primavera, porque nunca enfermara e porque ía cos homes á caza dos porcos bravos. Cando por fin comeza respirar pausadamente, repara nas grandes illas que os defenden do que non se pode ver, mais non deses homes que falan unha lingua estraña e van cubertos de metais refulxentes. Os homes que empuñan os ?gladius?, os homes que rouban todo o que atopan ao seu paso.
Mentres vixía, pensa. Pregúntase se seguirá viva despois de que o sol se poña, se seguirá neste lugar, se poderá seguir adorando as illas que os defenden, se un día outra muller coma ela sentará tamén neste lugar para asexar a chegada doutros guerreiros sanguinarios.
Dous mil anos despois, outros ollos contemplan a distancia, senten a vertixe do Val e procuran as augas de todos os regueiros que conflúen no Miñor: Touróns, Seide, Touteiras ou Morgadáns. Regatos ao pé dos que se ergueron os muíños hoxe esboroados. Desde as pedras do Curutiño do Matalagartos xa non se ve unha extensión de bosques e auga. Tellados e tellados compoñen unha paisaxe profundamente humanizada.
As mulleres e os homes abandonaron os cumes da Paraguda, agora viven onde o río é máis ancho, de costas aos petróglifos, que son a testemuña certa de que a súa estirpe vén de moi, moi lonxe.
Nas terras das que bebe o Miñor, mulleres e homes que non lembramos foron deixando a súa pegada, ás veces imperceptíbel, neses teixos ou érbedos que resistiron ás plantacións de eucaliptos. Outras veces moi próxima, aínda que non reparemos nela, como eses nomes que nos contan a historia de cada pedra, cada volta en que o vento peitea aínda o lombo das eguas indómitas. Sempre nesta lingua que mantemos viva e na que nos gusta dicir: rabaqueta, marrucho, follarca.
É a nosa herdanza. E nós, que a recibimos, debemos entregala, intacta, aos que despois de nós seguirán neste Val, enchéndoo de vida.
Marta Dacosta, xuño 2012
|
|
|
|
Somos poetas |
|
 Onte botei andar un novo caderno na rede.
Chámase Somos poetas e como di na primeira anotación:
Para que?
Pois para que as palabras sexan visíbeis, as palabras das nenas e dos nenos que escoitan o que esta profesora lles conta da poesía, que len o poema que ela lles propón, que atenden ás imaxes, que cantan, que imaxinan, que pensan, que escriben o seu propio poema inspirados nas palabras doutræ poeta.
Aí o está, e durante estes días moi activo, pois hai que publicar os poemas escritos polo alumnado do CEP Neira Vilas.
http://somospoetas.blogaliza.org/ |
|
|
|
Mariñeiro |
|
O pasado 7 de decembro, nas xornadas "Dez anos de loita por un mar de vida" celebradas en Lira, Carnota, participamos nun recital poético-musical que a través dos versos quería facer memoria da catástrofe.
Tamén en 2003, no mesmo Porto de Lira, houbera outro recital. Daquela o recital fora na punta do espigón. Este ano foi dentro dunha carpa que non era quen de evitar facer que nos sentíramos como nun barco, azoutados polo vento do mar.
Neste recital lin, entre outros, este poema dedicado a meu avó, mariñeiro de Vigo, que foi perdendo a razón ao mesmo tempo que o mar, cheo de piche. O poema foi escrito o 11 de decembro de 2002 e está publicado no libro colectivo da AELG: Alma de beiramar.
MARIÑEIRO
O avó xa non sabe se vai saír ao mar
ou se o barco varou definitivamente
no areal dos oitenta e tres anos aínda
non cumpridos.
O avó xa non sabe se vai saír ao mar
ou se vén de regreso,
e a tarde afoga na ría que se afasta.
O avó xa non sabe que tempo ten a avoa
e segue a ver a moza de dezanove anos.
O avó ten os dedos deformados e rotos
a vista ensombrecida, o coiro renegrido,
leva sal, leva vento incrustado nos ollos,
leva anos de humidade, de salitre,
de medo e noite
ás costas.
O avó non pecha os ollos e deixa que o mar saia
en ondadas enormes.
Quizais sexa mellor
que xa non leve a conta
de saídas e atraques,
quizais sexa mellor
que xa non poida ver
este horizonte negro
esta porta infernal
que nos pechou a ría.
|
|
|
|
Parlamento das letras |
|
Este mércores 5 de decembro, Armando Requeixo publicou en Criticalia a entrevista que me fixo para o Parlamento das Letras. Velaquí a introdución:
"A Marta Dacosta sempre lle deberemos ter creado un mar literario en Compostela. A súa voz poética acompáñanos dende hai vinte anos. Dúas décadas nas que foi poallando entre o lectorado un orballar tramadoiro que nos deixou gravada fluencia dos seus sinais: Terra, Muller, Cor, Mar, Tempo.
Poeta de escrita senlleira pero proxección pública gregaria, na década dos noventa revelouse como autora participando en moi diversas empresas colectivas, revistas e fanzines, deixando oír os seus versos en mil e un recitais grupais. Co novo milenio foi afirmando a súa andaina en volumes nos que recuncou na memoria da infancia, o reverso feminino da escrita, o latexo abisal da ánima e aínda as paisaxes interiores de outonal setembrino.
A poética de Marta Dacosta é un Aloia sentimental, subversivo e telúrico. A súa palabra devólvenos sempre a memoria fiel dos días que nos foron facendo, eses dos que aquí fican as cinzas que agora venta para nós."
Grazas Armando, como dicía ao finalizar: quero "Deixar constancia do meu agradecemento a ti e ás persoas que coma ti atendedes, reproducides e falades da nosa literatura, porque iso é o que contribúe a facela visíbel, a proxectala.
Sodes imprescindíbeis. Que así sexa por moitos anos." |
|
|
|
|
|