acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Intifada. Oferenda dos poetas galegos a Palestina
Son gotas de sangue as que inundan os poros
das túas cansas pálpebras,
e non queres abrilas, xa coñeces as reixas
do lugar en que habitas.

Mais ábrelas e ollas o teu fillo que mama
o xa, tan pouco sangue, que levas aínda dentro,
ten os ollos fechados, tal vez non quere ver
os sucos do teu peito.

A túa filla está xogando e canta baixo,
de vagariño canta, con ollos moi moi pechos,
e soña que está lonxe, no fogar que non tivo
e pecha máis os ollos e sóñao bonito.

El, xa non te ve, cegado na tristura,
apoia en ti as mans e a dor de vivir hoxe
amándote, arreo. Un cego máis que mira
como medran as reixas
do lugar en que habitas.


Este vello poema foi escrito para ser publicado no libro Intifada. Oferenda dos poetas galegos a Palestina, publicado pola Fundación Araguaney no ano 1989 e reeditado en 2004.
Comentarios (1) - Categoría: textos editados - Publicado o 31-12-2008 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
Placeres Castellanos
"Nais do mundo que ledes este humilde libro, non fiquedes de brazos cruzados agardando unha nova guerra... Os nosos fillos son o noso froito e ninguén ten dereito a arrebatárnolos baixo ningún pretexto."

Estas palabras de Placeres Castellanos, figuran no remate da biografía que sobre a exiliada realizou Elsa Quintas. Hoxe volven ter un intenso significado, volven ser un berro absolutamente necesario.

Días atrás remataba a biografía desta muller que tanto sufriu, afastada dos seus que ían sendo asasinados sucesivamente.

O 31 de decembro de 1939 Placeres ergueuse do seu leito para saudar o nacemento de 1940, Elsa recolle no seu libro estas palabras do diario de Placeres: "As estrelas, a coro, cantaban unha fúnebre marcha silenciosa, como despedida ao exqueisito ano vello, e íanse retirando alegres porque enterraban a un tolo furioso que tantas amarguras producira... O astro rei, con suave sadismo, rompía e desfacía a neve e esta emulaba a unha virxe masoquista, delirante e apaixoada"

O seu fillo máis novo publicou durante anos unha estremecedora esquela en memoria do seu pai, Victor Fraiz, a súa nai e tres dos seus irmáns, todos vítimas do fascismo.

Non podemos esquecer.
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 30-12-2008 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
Quen podía imaxinar que David fose Goliat


Tristes días, tristes, tristes.

"Seis millóns de xudeus aniquilados da forma máis cruel
Un xenocidio imperialista por exércitos fascistas, da historia hai que aprender
As vítimas convertéronse nos verdugos vólvense ao revés
Colonizando territorios palestinos, de novo atentando á sensatez
...
Que farías ti se te botaran da túa casa sen dereito a dicir nada
Pisoteando a túa cultura, mergullado na loucura por perder a dignidade
Palestina esta sufrindo no exilio a opulencia de Israël
Por un goberno prepotente, preparado para a guerra, por ti xa sabes quen

Mortos, mortos, en nome de quen,
mortos, mortos, de Israel,
mortos, mortos, en nome de quen,
mortos, mortos, de Yaveth,

Pedras contra balas unha nova intifada en Cisxordania, Gaza ou Xerusalem

Quen podía imaxinar que David fose Goliat.

Intifada, Intifada
Intifada, liberacion!"


Ska-p, "Intifada"
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-12-2008 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Teoría da información
imaxe da galipediao mércores pasei a mañá lendo o xornal. Non, os xornais, comparando uns cos outros... botando fume. Por iso escribín este artigo:

"Hai tempo xa que tomei a decisión de non gastar en comprar xornais. Farteime. Ademais de discrepar da maneira en que moitas novas eran recollidas, ou de que non se publicasen novas que eu consideraba de interese, houbo momentos nos que me sentín mesmo desinformada. Si, porque é posíbel sentirse así, un exceso de información ben planificado contribúe á desinformación, ou peor, a que o destinatario se forme unha idea errada da actualidade e do contexto en que vive. Non hai mellor receita para esquivar un tema, que insistir e buscar información relacionada con outra noticia pretendidamente impactante.

..., se ... dicimos o que pensamos verbo da forma en que se presenta a información, debemos calibrar as palabras que usamos, non vaia ser que toda a profesión dos xornalistas nos pidan que rectifiquemos. E que pasa cando comprobamos que as novas que se reproducen nos xornais non se corresponden coa información emitida, ou que se lle atribúe a outros a información que unha mesma asina? Que pasa entón? A min pasoume, queixeime ao xornalista que... en ?compensación? á miña queixa... nin el, nin o medio en que traballa, volveron recoller ningunha información da que se seguiu enviando.

Cousas veredes."

Aquí completo.
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 26-12-2008 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
feliz solsticio de inverno
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2008 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
De filme en filme

Polo frío ou pola época do ano, ou se cadra porque tiña que cultivar a preguiza, andaba eu famenta de cine, así que botei man do recurso doméstico e pasei sábado e domingo entre filme e filme.

Puiden ver así No val de Elah e Os falsificadores, entre outras. Gustáronme ambas, aínda que insultase a algunhas das personaxes desde o meu sofá, mais era para iso, para insultalas, que vía o filme.

Con No Val de Elah abominei dos excesos da guerra, da crueldade dos homes, do fanatismo patriótico americano que é un enorme tanque de destrución, mesmo para eles mesmos. Magnífica a escena final da película. Con Os falsificadores reflexionei unha vez máis sobre a condición humana e os (des)equilibrios da moral e da vida.

Moi proveitosos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2008 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
Tal vez exista
Con ese título enviei un poema para formar parte do libro Educación e paz III. Literatura galega pola paz. O libro presentouse o día 10 de decembro en Vigo, mais por motivos de traballo non puiden asistir á presentación.

Vou lendo aos poucos no libro, e gústame, hai textos moi fermosos.

Esta foi a miña achega.

Tal vez exista

Tal vez exista
e teña a constancia dos meses que camiñan
baixo un ceo imprevisto, perdida xa a certeza
da chuvia ou a luz que levan na memoria.

Tal vez exista
e corra na súa canle de inverno, sabedora
de que, en chegando o verán, os tritóns
fuxirán cara ao centro da poza
ou morrerán de sede no seu paso imposíbel.

Tal vez exista
e agrome lentamente dunha noz distraída
e cando sexa só veludo tenro e verde,
unha pega ladroa arrinque até a raíz
a súa curta vida de semente agromada.

Tal vez exista
e queira buscar o sol no oco
das árbores máis altas, mentres a parasita
lle leva a luz e a auga
da terra en que se asenta.

Tal vez exista


Comentarios (2) - Categoría: textos editados - Publicado o 19-12-2008 17:17
# Ligazón permanente a este artigo
Coa palabra na lingua
Onte gozamos infinitamente da palabra, da palabra poética nas voces de Mónica Camaño e Zé Paredes, ou sexa, Teatro Nu, que tivo a ousadía e o gusto de converter en texto teatral un largo feixe de poemas de aquén e alén Miño.
Nas súas voces soaron os versos de Chus Pato, Mário Cesariny, Eugénio de Andrade, Olga Novo, Mª Teresa Horta, Lucía Novas, Rafa Villar, Álvaro Cunqueiro, Eugénio Mello e Castro, Celso emilio, José Carlos Ary dos Santos, Méndez Ferrín, José Afonso, Avilés de Taramancos, Pessoa, Daniel Filipe, A.J. Forte, Novoneyra, Álvaro de Campos, Bernardino Graña, Manuel María, António Gedeao, Ana Romaní, Luís Pimentel, Jorge de Sena, Manuel Rivas e Marta Dacosta.
O espectáculo chámase Coa palabra na lingua e é absolutamente recomendábel, un espectáculo redondo, ben fiado, que vai increscendo e tirando de nós todas as emocións imaxinábeis. A través del fomos descubrindo as posibilidades dramáticas da poesía grazas ao bo facer dos actores e ao músico Anxo Graña, creador de todos os sons posíbeis sobre a escena.

Debo dicir que foi absolutamente reconfortante ver como un texto que escribín hai dezasete anos tomaba vida propia e me demostraba, na voz de Mónica Caamaño, que tiña moito máis poder do que eu lle asignaba. Un poema escrito á volta dunha viaxe por Lisboa, provocado por unha conversa cun veciño de mesa, nunha tasca pequena, ante uns carapaus grelhados. Aquel home desatendeu o seu jantar para convecernos a nós, pequenos ignorantes, de que Camoes era o maior poeta nacido na terra, superior a Dante ou a Petrarca, o mellor poeta de todos os tempos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2008 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
Informe de Europa sobre o estado da lingua
Bo xeito de comezar o día. O informe do Consello de Europa di que non se está a cumprir o Decreto 124 de uso do galego no ensino, di que cumpre unha maior presenza da nosa lingua en infantil, primaira e Eso, mesmo di que debería reforzarse o Decreto con liñas que teñan como lingua vehicular o galego soamente. Tamén nos felicita pola rede de galescolas...

Isto de que lle dean a razón a unha ás oito da mañá senta moi ben, moi ben.

Estou desexando ter o informe para o poder ler demoradamente... porque tamén di que os medios de comunicación non o fan como deberan, que outras comunidades non teñen conciencia de vivir nun Estado plural, ou que a nosa lingua debería estar máis presente no mundo da xustiza.

(na Radio, a Secretaria Xeral de Política Lingüística dixo que ela pensaba que non era así, que por exemplo o Decreto se está cumprindo, aínda que ela non ten os datos, porque iso é cousa de educación ...!!!!)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-12-2008 08:43
# Ligazón permanente a este artigo
Polas súas obras
portada do libro Da vella roseiraDías antes de conmemorarmos o noventa aniversario da asemblea nacionalista de Lugo, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) convocounos en Gondomar para homenaxear a Victoriano Taibo, o que foi mestre da escola de Guillufe (Morgadáns, Gondomar) desde 1930 a 1950 (coa paréntese do desterro entre 1938 e 1942).

... só como éxito rotundo se pode cualificar unha actividade que encheu a escola daquel mestre cun público entregado e heteroxéneo. Alí estaba o pobo de Gondomar, os estudosos e, sobre todo, veciñas e veciños de Morgadáns, entre eles, os antigos alumnos do mestre, os que na segunda xeira da homenaxe lembraría a súa figura e recitarían de memoria os versos daquela aprendidos.

Foi, por tanto, unha homenaxe de xustiza poder recitar de novo ante os seus alumnos os poemas do mestre represaliado por ser galeguista, ante aqueles nenos e nenas de entón que lembran con singular nitidez o enfrontamento entre o seu mestre e o cura de Peitieiros, Cabaleiro, un cura que exerceu de censor e de quen queda triste memoria. De xustiza porque no mesmo lugar en que o mestre foi testemuña, sen sabelo, da fuxida de Alonso Ríos, volveron escoitarse os argumentos que Taibo esgrimiu un día, os mesmos que o levaron a asinar o Manifesto Nazonalista de Lugo. De xustiza porque aqueles nenos e nenas aos que lles roubaron a infancia e o dereito a se coñecer, escoitaban de novo as palabras do mestre, aquel mestre de quen contan que dicía ?Fálame en galego neniña! En galego! Que é tan fermoso coma ti?.

Tantos anos despois a semente prende, ao seu xeito, e ao día seguinte da homenaxe cóntanme que en Morgadáns, unha parroquia das máis conservadoras do concello, non se fala doutra cousa, do ben que estivo o acto, de que había que facer máis cousas como esta, actos culturais que non consistan só en bailes e comilorias, actos para recitar poesía e encontrarse todas as veciñas e veciños. A semente prende, aos poucos.

A mediados de novembro, noventa anos despois da Asemblea de Lugo, volvemos escoitar as palabras de Taibo, as palabras do mestre de Guillufe que dedicou unha parte importante da súa produción literaria a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso político, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra, cunha decisión que tamén o levou a pensar noutros proxectos aínda máis combativos que, xunto coa súa obra literaria, dan mostra do seu pensamento e carácter.

?Na ?Esfera? derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da ?Esfera?, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.? (Carta a Manuel Antonio)

Victoriano Taibo, o poeta.

Victoriano Taibo foi un escritor da Xeración das Irmandades da Fala que pasou ao manuais de historia da literatura como unha referencia menor, pois se trasladou unha e outra vez que a súa obra era debedora de Cabanillas. Se cadra esta afirmación transmitida de tratado en tratado, deu lugar a que non lésemos a súa obra, para xulgarmos por nós mesmos canto había de certo nesa afirmación.

O IEM pediume que realizase un artigo sobre a súa obra poética, e debo agradecerllo, porque entón descubrín quen era realmente Victoriano Taibo, e asumín que estabamos diante dunha inxustiza co escritor e co home. Taibo gozou no seu tempo de ter a consideración de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, mais, como dicía, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos até este novembro cunha escasa obra poética publicada, amortece os logros que puideron quedar do autor. Sempre se considerou a Taibo como discípulo de Cabanillas, e isto non deixou que se lle dese o relevo merecido á súa obra, especialmente aos seus poemas máis líricos, aqueles que clasificamos como intimistas. E a súa obra merece formar parte das antoloxías, pois como outras obras antologadas, contén os seus propios logros.

Mais, tamén temos que considerar ese ?seguidismo de Cabanillas? no seu contexto. Pensemos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela os nosos escritores recibiron o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que levar á práctica a encomenda, pois era súa tamén a convición de formar o noso pobo. É dicir, estamos diante de obras poéticas que necesariamente debían confluír, pois foran xeradas por un mesmo propósito. E por outro lado, insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así o propio Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser ?galeguista?.

Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre nas súas palabras, xa for para gabar a nación, xa for para criticar a quen lle viraba as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.

Artigo recollido no Caderno Xeral da AS-PG
Comentarios (2) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 05-12-2008 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0