acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

O meu ?Poema á muller galega?
Sei que foi cando comecei afondar no pensamento creativo de Pilar Pallarés que cheguei ao libro A experiencia de ler do irlandés C.S. Lewis, un autor que talvez non é ben coñecido, mais que se dicimos que foi contemporáneo e amigo de Tolkien e autor de obras que as e os máis novos coñecen ben como As crónicas de Narnia ou O príncipe Caspian, comezamos situar. Estes días volvín a esa experiencia de ler mentres redactaba o relatorio sobre Manuel María para o Simposio que a RAG lle está a dedicar. Parafraseando a Lewis dixen que a obra literaria se materializa cando ten lectoras e lectores. Os libros, por moi escritos que estean, mentres non saen dos andeis non son literatura. Foi tamén Lewis quen afirmou que: ?a nosa experiencia das obras literarias sempre levará algunha impronta dos nosos trazos persoais e dos propios da nosa época.?

Necesito partir destas palabras para que se entenda o título deste artigo e para pedir indulxencia se alguén considera que vou máis alá do que di Manuel María no ?Poema á muller galega? (Remol, 1970).

Quero falar hoxe deste poema porque neste 25 de novembro en que volvemos unha vez máis pór o foco sobre a violencia que sofren as mulleres este texto é ben acaído. Este 25 de novembro volvemos denunciar as violencias que sofren as mulleres, todas as violencias. Falamos da violencia física que culmina no feminicidio, esa lacra social que urxe erradicar. Mais antes de chegar a esa violencia física, antes de chegar ao feminicidio, consumáronse outras violencias: a violencia psicolóxica da que tamén na literatura atopamos símbolos coma a Ofelia de Hamlet, ou a violencia económica, ou a violencia social, ou, si, por que non dicilo tamén, a violencia institucional, porque non doutro xeito pode ser cualificada a actual situación que leva á desprotección das mulleres. Falamos de só dous xulgados de violencia de xénero, con tan poucos recursos e acumulando tanto atraso na resolución de conflitos que están a prexudicar gravemente ás mulleres, que acaban por ser vítimas dúas veces. Falamos dunha situación que fai que a propia titular do xulgado de Vigo teña que denunciar publicamente as condicións en que teñen que traballar ou a falta de comprensión da súa tarefa e dos padecementos das mulleres que acoden aos xulgados.

E non podo deixar de dicir que esta situación redunda na violencia económica que sofren as mulleres que dan o paso de denunciar, unha violencia que se prolonga mentres non se celebran os xuízos e mesmo unha vez celebrados, pois o maltratador desobedece aleivosamente as sentenzas.

Hoxe leo o ?Poema á muller galega? coa bagaxe das lecturas da obra das mulleres, coa bagaxe do coñecemento de que somos nós, as escritoras, as que innovamos a materia literaria levando aos poemas os ?materiais indignos? como lle chamou María Reimóndez, non porque ela así os considerase ela, senón porque así son considerados polo lector patriarcal (e non se tome esta frase como sinónimo de home, porque non o é), a saber: o ámbito doméstico, a experiencia da maternidade, a sexualidade feminina?; coa bagaxe que nos permite hoxe ser quen de participar en campañas que queren visibilizar a base da pirámide da violencia (refírome, por supost, a #primAcoso, esa magnífica campaña do Departamento de Igualdade do Concello de Pontevedra que acadou os 5000 comentarios, nada menos). Pois ben, lendo este poema de Manuel María con esta bagaxe, entendo que fala, xustamente, dalgún dos elementos que están na base da pirámide da violencia contra as mulleres.

?Poema á muller galega? está recollido na cuarta parte do libro Remol, a que se abre cunha cita de Noriega Varela: ?Cadro conforme, amigo: hai moitas portas cerradas prá probeza?? que xa nos sitúa de maneira inequívoca ante os temas que o autor vai tratar, porque nesta parte do libro figuran entre outros poemas como ?Fala calquera galego?, ?Mensaxe aos emigrantes galegos?, ?Falan uns campesiños aos que les expropian as terras?? Unha sucesión de xentes que son o noso país. Aí está tamen e previo ao poema do que hoxe falamos o coñecido ?Acuso á clase media?. O ?Poema á muller galega? iníciase cunha cita a Rosalía, ?? viudas de vivos e mortos /que ninguén consolará.?, outro encadre necesario para lermos os versos.

Remol foi publicado en 1970. Os poemas que o compoñen foron escritos entre 1963 e 1968. Estamos pois ante un texto escrito hai medio século e que comeza dicindo:

É criminal, no tempo que corremos,
comparar a muller a mais a flor


se illamos estes versos estamos xa diante da base da pirámide. É verdade que os versos continúan dicindo:

cando as mulleres de Galicia
teñen que emigrar


un xeito de sinécdoque que nos vén dicir que as mulleres non son obxectos decorativos nin materia arrincada á vida para ser contemplada, son traballadoras, como despois aclara:


As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-


Iso son: pasado, pobo, presente, alma e futuro de Galicia e, ao chegar a esa afirmación, Manuel María ?estala? e diríxese aos poetas, a determinados poetas:

As mulleres galegas ?
non foron cantadas
polo poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:


Nótese a ironía con que se refire Manuel María á coñecida ?torre de marfil? en que algúns poetas se teñen pechado esquecendo un dos cometidos centrais de quen escribe, ou suplindo a ausencia de méritos propios coa simpatía dos poderes do momento. Manuel explica por que os poetas da torre de almasí non poden cantar as mulleres galegas:


Seguir lendo aquí.

25 de novembro de 2016
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 26-11-2016 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Fixando a emoción. Simposio Manuel María 2016
Este martes 22 de novembro comeza o Simposio Manuel María que organiza a Academia Galega. O simposio, que dura tres días, ábrese cunha conferencia e unha mesa redonda sobre a súa poesía. Nesa mesa redonda Rosalía Fdez rial, Manuel López Foxo e máis eu, moderados por Mercedes Queixas, tentaremos facer unha descrición o máis completa posíbel do que significa Manuel María na poesía galega contemporánea.

Pola miña parte falarei de cales son as cuestión esenciais no proceso de creación literaria para Manuel María. Para iso boto man dun dos poemas publicados na Autopoética de 1993 e titulo a miña intervención cun dos versos: fixando a emoción, porque considero que Manuel María se centra no seu proceso creativo en fixar a emoción da realidade vivida para lla transmitir ás xeracións futuras. Para el a poesía é comunicación, unha comunicación que ten por obxecto desvelar a verdade e crear a realidade. Por iso, Manuel María vai ter como tema central da súa obra a propia Galiza. A terra, a natureza, o pobo e a súa lingua son realizacións dese tema constantes na súa obra, máis alá de asignacións a correntes literarias e dando lugar a un corpus literario que segue a cumprir hoxe a función comunicativa que o seu autor quixo imprimirlle no momento da súa escrita.

E estes algúns dos versos en que me apoiarei:


?Tantos e tantísimos anos intentando
erguer un edificio confortábel
de música e palabras
?
fixando a emoción que nos conmove
en canciós vagorosas pra que o vento
llas poida transmitir a aqueles que
nos veñan suceder na nosa tribu.?

?A palabra nomea e crea as cousas,
pon orde no mundo
e harmoniza a toda a creación.?
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Manuel María - Publicado o 22-11-2016 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
Cartas açorianas (V). Construír a imaxe do paraíso.
?Dos demais tripulantes pouco podo dicir. Non eran nin mellores nin peores cá multitude de mariñeiros que ferve nos portos. Moitos deles procedían das illas dos Açores, terra propicia para os baleeiros??, Herman Melville, Moby Dick


Ao final, mesmo no lugar máis afastado acabamos por crear as nosas rutinas. Pasear no final da tarde polo porto, coas súas augas transparentes a pesar do tránsito marítimo e os descoidos, e atender a furto á descarga de peixe, coa sensación de estar a roubar cos ollos retallos de vida que non se nos ofrecían a nós. Acadar o Largo da Matriz pasando por baixo das portas da cidade e dando as costas a Gonçalo Velho Cabral, o navegante que en 1432 introduciu as ovellas na illa e en 1444 iniciou o seu poboamento o día de San Miguel, circunstancia coa que se explica o nome da illa. Sentar nalgunha terraza, ler, contemplar, imaxinar vidas e, á hora sinalada, dirixirnos á Adega Regional, onde xogando ás semellanzas atopamos o dobre de Mr. Bean. Naquel e noutros restaurantes entregámonos ao grato labor de saborear todos os peixes que as augas profundas das illas ofrecían. Quenllas, en diferentes formas de presentación, ou lapas grelladas, un dos entrantes máis característicos, unhas lapas que son algo máis grandes cás que podemos recoller aquí.

Cada vez que entrabamos a un restaurante, a primeira parada era o expositor de peixe, comprobar se o que viamos fora xa consumido, sinalar o descoñecido, preguntar o nome. Sempre preguntar o nome, porque, naturalmente, os nomes varían, varían ás veces dentro da mesma ría, canto máis con tantos quilómetros de por medio. Preguntar porque non vaia ser que atope outro curmán perdido, como pasou no Funchal, en que vin saber que o que nós denominamos castañeta vermella é un Alfonsinho da Costa.
Crear rutinas e namorar das pequenas cousas, como os ananás. En São Miguel descubrimos as plantas deste froito, algo máis pequeno e doce có que chega ás nosas tendas e moi colorido. As estufas de ananás impresionáronme. A súa fermosura é o primeiro que nos prende. esa intensidade de toda a gama de verdes e vermellos, as follas alongadas e estreitas, a piña de flores. Os ollos bébedos de cor. O olfacto impactado polo aroma: ?Este fruto delicioso, cujas folhas parecem de zinco, é colhido em verde para o transporte, mas se esperam que amadureça na estufa exala um aroma que faz crescer a água na boca. Com calor persistente e constante humidade, com fumo quando vai deitar flor, obtém-se, do toco negro e mirrado que é a raiz, um enorme e delicioso morango.? Raul Brandão, As Ilhas Desconhecidas, 1926. Natureza exuberante. Xardíns botánicos en que fentos prehistóricos constrúen sombras pracenteiras e a viaxeira sente que está nun deses filmes inspirados en Verne.

E descubrir os labirintos do té. ?O melhor chá dos Açores, delicado e aromático, tomei-o na Gorriana, na casa fidalga do senhor Jaime Hintze, toda ao rés-do-chão e caiada de amarelo, entre o bulício alegre da vida rústica, num lar que a bondade de sua esposa santifica.? Raul Brandão, As Ilhas Desconhecidas, 1926.

Desde o primeiro momento quixen visitar unha das fábricas produtoras de té, o seu cultivo rectilíneo a deseñar labirintos. Foi a primeira saída en vehículo, en canto puidemos conseguilo. Soe ser esta unha dificultade que pode atopar a viaxeira, direi xa que nas illa de Pico foi aínda máis difícil e que en Faial xa foi imposíbel (nunca tentei levar o carro alugado desde antes de realizar a viaxe, mais hai quen si o fai). Pasada a vila de Lagoa do Congro chegamos á Gorreana, plantación e fábrica de té desde 1883. As visitantes contemplabamos as máquinas Marchall que procesaban as miúdas follas e liamos con atención as diferenzas entre ?Orange Pekoe?, ?Pekoe? e ?Broken Pekoe?, mentres as traballadoras, sentadas ao redor dunha grande mesa, manipulaban pequenos montes de follas escurecidas que logo ordenarían en paquetes rectangulares, verdes, negros ou vermellos, coma os tés que transportaban no seu interior. A fábrica, na entrada, ten un mostrador para curiosos e nostálxicos. Alí podes facerte cunha postal de São Miguel ou un paquete de té, ou mesmo podes deixar unha tarxeta, unha mensaxe, un agradecemento, sobre os xa amoreados até ocultar a madeira en que son colocados. Un amoreamento case imposíbel de pequenos papeis que volvería ver no Peter, na illa do Faial, como se o bar fose o taboleiro de mensaxes do Atlántico. Regresamos con tres paquetes, cada un da súa cor e, desde entón, alí onde atopamos té dos Açores, sucumbimos á nostalxia.

Así, día tras día, percorremos a illa. Detivemos o tempo para ver sacar un barco do mar rodando sobre troncos ou como un mariñeiro pelaba un peixe porco. Comprobamos a temperatura das augas e paramos nos portos de negras e inmensas laxes. Ou nun bar con baños feitos dentro dunha lancha baleeira de nome ?A Vigía?, en Capelas. ?É nas vigias que se dá início á caça à baleia?, di Nun? Álvares de Mendoça no libro Memórias de um baleeiro, o primeiro libro que compramos ao chegar a São Miguel. Un libro de memorias escrito por un mariñeiro que andou á caza da baleia, unha autobiografía, un relato ?escrito por alguém que sentiu na carne e na alma ?baleeiro igual aos outros- toda a vivéncia dessa ?caça?, no que ela tem de arriscado e das ?suas? exigências em coragem e perícia.?. Sobre as vixías explica: ?Era bem sabido que o vigia não vigiava só Baleia: vigiava também as pessoas ? Talvez por isso conhecia a vida de toda a gente. Quem tivesse porta ou janela virada para uma vigia, tinha de se acautelar??

Naquela taberna que reutilizou as baleeiras achamos a imaxe dun cachalote realizada polo propio dono. Desde a taberna baixamos ao porto encaixado entre as rochas e de alí fomos á pechada e abandonada Fábrica da baleia, que así se denomina o lugar en que se varaban e procesaban os cetáceos cazados, maioritariamente cachalotes. Alí nas Capelas, a Junta da Freguesia e o Goberno dos Açores ergueron en 1994 un monumento de homenaxe aos baleeiros.

Os grandes cetáceos foron un dos compases que guiaron as viaxes. Ir polo mar fóra nas pequenas zodiacs para ver o horizonte inzado de arroases e comprobar a lonxitude das baleas, aparentemente lentas, escuras, calmas. En São Miguel vimos os golfiños pintados e algunha balea sardiñeira. Deveciamos por ver cachalotes. Talvez por iso a seguinte viaxe foi cara ao Pico e alí, no Canal do Faial, sentir a vertixe dos corpos xigantescos a se sumir nas profundidades.

A memoria da caza da balea é un capítulo fulcral da historia dos Açores e por iso tamén pretexto literario. No volume Mar de baleias e baleeiros que trouxemos dunha das viaxes, lemos un poema de Roberto Mesquita dedicado a estes inmensos seres.


Das entranhas do mar irrompe uma baleia
Que parece um recife a negrejar nas águas.
Vejo-a ostentar primeiro a colosal cabeça
E logo, toda à tona, os vagalhões fender.
Um enorme repuxo aos ares se arremessa
Cada vez que respira o gigantesco ser.



Son os versos finais do poema ?A baleia?, pertencente ao libro Almas cativas escrito en 1922, mais o poeta morre no ano seguinte e o manuscrito permanece inédito até 1931 en que foi editado pola súa viúva e a irmá. Victorino Nemesio estaba empeñado en recuperar a memoria do poeta nacido en Flores, dicía que ?êle exprimiu em parte uma coisa que todo o ilhéu gostaria de dar antes da morte: a angústia e doçura de ser sòzinho no mar?, e foi grazas a Nemésio, que divulgou a súa obra, que acabou por ser recoñecido como un dos poetas representativos do simbolismo portugués. Nemésio dedicoulle versos coma estes:

À memória de
Roberto de Mesquita,
Poeta verlainiano e escrivão da Fazenda nas Flores.

Lá numa ilha perdida,
Sob o sol quase cego,
Houve um poeta que passou a vida
Triste como um morcego?
Sem táxis nem parelhas,
Mas com um pouco de lua e um mar por todo seu,
Que havia de cantar? a solidão e as quelhas
Que emolduraram de sombra e môfo o azul do céu.

Era longe?
Nas entranhas do mar, lá bravo e salgadio
Que nem sempre descobre uma estrela feérica,
O céu áspero era o seu capuz de monge
E só de vez em quando avistava um navio
Ao largo, - para a América ?

A sua ilha enganava àqueles que a procurassem
Nas cartas de marear que levam os vapores;
Enfin, se preguntassem
Por ela, aos capitães, diriam êles: as FLORES!

(Pelo que, cativado, o ocioso viajante
Desceria, esfregando as maos, ao seu beliche)?.




Poema autógrafo escrito o 22 de marzo de 1933 e depositado na Biblioteca Nacional

Foron nove días en São Miguel. Nove días camiñando as lombas redondeadas dunha illa a aboiar no centro do océano. Nove días coma as nove illas para deixar prendido no fondo do Atlántico un fío invisíbel ao que se aferra a memoria. Nove días para construír a imaxe do paraíso: grandes fentas, augas mornas, areas negras, ondas inmensas e un sol difuso. Nove días para ancorar o desexo de retorno.


Artigo publicado en: Sermos Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: Cartas açorianas - Publicado o 05-11-2016 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0