acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

25 de novembro
imaxe da wikipediaChegamos ao 25 de novembro, a data instituída para reivindicar a eliminación da violencia contra a muller. Cada ano paramos nesta semana e facemos reconto, mobilizámonos, realizamos actos en memoria das vítimas, reparamos nas contradicións desta sociedade que non acaba de asimilar que temos dereito ao espazo, e sinalamos todas e cada unha das agresións e dos malos exemplos que non axudan a avanzar neste camiño longo e lento, que contribúen a manter a violencia.

A violencia forma parte das nosas vidas. Aínda hoxe, a xustificación da violencia exercida contra as mulleres segue nas mentes de moitas persoas. Cando se informa da indesexábel morte doutra muller, hai nalgunha casa un home que segue dicindo con rotundidade: "a saber que faría". Xa, un brután, un analfabeto, unha persoa sen formación, sen recursos... Ou non, porque a violencia contra as mulleres é verdadeiramente transversal, aféctanos a todas, independentemente da nosa clase social, grao de independencia, formación ou ideoloxía.

Hai semanas morría asasinada unha moza de Vigo. As primeiras informacións foron confusas e absolutamente desafortunadas. Foi escandaloso ver como se recolleu a información nalgúns medios, pois incluíron valoracións sobre o carácter da vítima. Como é posíbel que un medio de comunicación se salte as normas que deben guiar a elaboración desta información e nos sitúe no terreo do "a saber que faría"? De que serven as medidas formativas e correctoras cando un medio de comunicación colabora na agresión á vítima? Aínda temos que volver dicir que non existe causa ningunha que xustifique o asasinato violento dunha muller?

Temos un problema cos exemplos.

Co exemplo dese medio de comunicación que reaccionou igual que o machista insensíbel que sigue dicindo "a saber que faría".

Como temos un problema co exemplo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza que esta semana sae poñéndose a medalla de que en 2012 van realizar unha colaboración coa Consellaría de Educación para, nos centros de ensino, formar para eliminar a violencia contra as mozas. Interesante iniciativa, en principio e en abstracto. Mais pregúntome: como se pode, ao mesmo tempo e desde a mesma administración, manter a un número moi elevado das súas traballadoras sen convenio colectivo, negándose reiteradamente á negociación?. Acaso pensan que iso non é unha agresión, agresión aos dereitos das mulleres. Refírome, naturalmente, ás traballadoras dos distintos servizos que dependen do Consorcio galego de servizos de igualdade e benestar. Hai unha contradición maior ca esta, que ás traballadoras dos servizos de Igualdade non se lles respecten os seus dereitos laborais, eses sobre os que moitas delas teñen que asesorar a tantas mulleres? Que pensan as usuarias dos servizos cando saben que a persoa que as asesora non ten convenio colectivo? A desigualdade, a negación dos dereitos é a base sobre a que se asenta o maltrato.

Mais que imos agardar dun partido que ten entre as súas destacadas dirixentes a mulleres que botan por terra as reivindicacións das traballadoras? Tras tantos anos de reivindicación e loita, sufrimento e negociación para acadar os cativos dereitos que as mulleres temos en materia de maternidade, dereitos que deben ser revisados e ampliados, é insultante ver que a que algúns sinalan como probábel vicepresidenta do goberno do Estado español estea desenvolvendo a súa actividade política sen gardar as seis semanas de permiso obrigatorio despois do parto que prescribe a lexislación. Que imaxe se quere trasladar con isto? Pretenderá o empresariado no futuro pór de exemplo a quen se incorporou á súa actividade habitual mesmo aos once días de parir? Algúns escusan o seu comportamento no feito de que formar parte do goberno non sucede moitas veces na vida. Non nos vale, se o goberno dun estado prescinde das persoas polo único feito de estaren de permiso de maternidade, entón mal goberno nos queda, moi mal goberno para a igualdade e os dereitos das mulleres.

Mal exemplo. Mal exemplo nunha organización que mesmo pretende darnos leccións sobre maternidade e familia.

O 25 de novembro está vixente. Hoxe, mañá ou o ano que vén. Denunciar as agresións das que aínda somos obxecto, reivindicar o exercicio dos nosos dereitos, acadar o espazo que nos corresponde, é aínda a tarefa urxente de mulleres e homes.

Foto: imaxe do mausoleo das irmás Mirabal.

Artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-11-2011 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
NUNCAMAIS: UNHA LOBA DE MAR NAS AUGAS GALEGAS
Foto de Alfredo LópezA foca Nuncamaisiña apareceu o día 2 de xaneiro de 2003, aproximadamente as 13 horas, na praia de Arnela, Muxía.

Eu formaba parte do equipo da CEMMA que chegou recollela a Negreira, onde nola entegaron os compañeiros que viñan de Muxía. Estivemos horas e horas lavando nela.

Este foi o artigo que lle dediquei e que se pubicou en A Nosa Terra en xaneiro de 2003. Cando o escribía, non sabía que, malia os nosos esforzos, malia a nosa esperanza, Nuncamais acabaría morrendo envelenada.

O outro día dei en falar da memoria daqueles días e lembrei este artigo, que, outra vez por causa da memoria, recupero.


NUNCAMAIS: UNHA LOBA DE MAR NAS AUGAS GALEGAS


Desde o día 2 de xaneiro, case desde o mesmo momento en que se iniciou este novo ano, Nunca Máis non é só o nome da carraxe dos galegos e galegas, o berro que sae de todas as gorxas, é tamén o nome do pequeno animal que nos visita, que conmove o noso corazón ao mostrarnos até que punto é cruel a nosa desgracia.

Recolliamos o día dous unha foca, de a penas tres meses de vida, tintada de negro. Cando a vimos, pensamos que non se recuperaría. Con cada un dos seus pelos tan negro coma os seus ollos, arfaba con difiultade, envelenada polos gases do fuel que impregnaba o seu corpo. A pequena, como todas as da súa especie, abandonara a custodia materna para inspeccionar as augas do Atlántico e, deste xeito, chegou a Galiza, sen saber que nesta viaxe atoparía un inimigo no camiño.

Nuncamais foi recollida en Arnela, unha praia de Muxía, a mesma vila que enfrontou desde o primeiro día esta traxedia, gracias aos voluntarios da SEO, improvisados Xoáns Bautistas para a ocasión. Sete horas despois fregaban nela con aceite e xabón os voluntarios de todo o ano, os que todos e cada un dos días do ano saen ás nosas costas para saber deses seres que tanto nos atraen: os mamíferos mariños. Os mesmos voluntarios que levan xa varios anos devolvendo ao mar golfiños e focas que veñen ás nosas costas, feridos, cansos ou enfermos, voluntarios que seguen sendo anónimos para os gobernos, xordos á petición dun centro de recuperación para a fauna mariña e dun orzamento económico para esta actividade, tan necesaria e tan custosa. Autoridades xordas pero non invisíbeis, pois ben saen despois nas fotografías e nas reportaxes, cando a foca é unha vedette de interesantes réditos políticos. Son da CEMMA, pero poderían ser de ADEGA, SGHN, Gerrilleiros das Fragas, CES, FEG, etc, etc? Tantas organizacións ecoloxistas galegas que levan anos e anos loitando polo noso país, ignoradas ou desprezadas polo goberno, que non as ten en conta e que as ningunea nas actuais circunstancias, rendido ao arrecendo de Madrid que lles vén da man das organizacións españolas, ou chamando a especialistas estranxeiros que descoñecen a nosa realidade, a nosa natureza, e que fan un traballo que se podería facer con persoal galego perfectamente.

Os voluntarios, como dicía, fregaban con impaciencia para retirar da pel da foca o fuel apestoso o máis axiña posíbel, pois tan importante como limpala era conseguir que deixase de respirar esa sustancia. Nuncamais deixábase facer, a pequena loba de mar non ensinaba os dentes, deixábase rañar, dar a volta, fregar, coller en peso, baldear, cortar o pelo onde había ferida; deixou que lle fixeran un lavado de estómago, que a pinchasen unha e outra vez e logo durmiu para espertar renovada ao día seguinte, por fin libre de petróleo e selvaxe, disposta a medir a profundidade dos seus cairos en quen non fose do seu agrado.

E esta é a cifra da nosa esperanza, este o noso desexo máis firme, o de recuperar a nosa cor, a cor da area e do mar, a cor dos homes e das mulleres galegos. Nuncamais, unha loba de mar que inicia agora a súa recuperación, será tamén o símbolo da nosa salvación para este ano, como ela nós tamén precisaremos de coidados continuos e de vixilancia, para non esmaiar, para salvarnos para sempre. Se o consegue, Nuncamais abandonará estas costas para regresar á súa terra natal, probablemente Irlanda, e así recuperará a memoria da súa especie, será un individuo con futuro para a súa tribo, unha femia plena, nai de novas xeracións que agrandarán a súa nación. Coma ela, nós tamén deberiamos tornar con novas forzas ao noso ser, restablecer a nosa dignidade e ter unha memoria forte, que non esqueza a aprendizaxe destes días, se como Nuncamais aspiramos a ser nais de novas xeracións para un país con futuro, con identidade, deberemos afrontar a realidade e non deixarnos convencer por explicacións imposíbeis, por palabras torticeiras, comprobar cal era o amor á nosa nación que nun momento tan crítico coma este algúns nos profesaron. Agora máis que nunca non podemos esquecer, para que nunca máis ?

Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 18-11-2011 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Lembranzas da tecedeira de Vitoriano Taibo
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 15-11-2011 13:36
# Ligazón permanente a este artigo
MEMORIA
Foto Marta DacostaNON PODEMOS ESQUECER.

Tal día como hoxe, non podemos esquecer.

Este poema foi escrito para ler no remate da MARCHA EN DEFENSA DO MAR ante as Illas Sisargas, cabo da Hemida de Santo Hadrián. Esta marcha celebrouse en Malpica o 8 de xuño de 2003, convocada por colectivos ecoloxistas e apoiada pola Plataforma Nunca Máis, na conmemoración do día mundial do Medio Ambiente.

A foto fíxena o 22 de febreiro. Desde finais de novemebro de 2002 comezaron aparecer animais petroleados e mortos, nun auténtico andazo que durou meses e meses.

SISARGAS

Desde aquí
á esquerda das areas de Seaia
sentide o berro que nace do fondo da terra,
do mesmo centro do planeta.
E un berro espiral,
un arrecendo imposíbel que nos abre a memoria,
que nos trae a esperanza de loitar contra as serpes,
coma onte
a liberación da terra
nas mans do ser humano.
Mirade as Sisargas,
nas súas pedras nace a risa.
Védeas,
non son illas, son
un tesouro agochado,
unha hucha herdada por nós
habitantes desta terra emprestada.
Unha hucha,
unha hucha para a risa do océano
e as centáureas,
unha pedra magnética
que marca o extremo sur dun camiño imaxinado,
inventado e andado polas lobas do mar,
as pequenas exploradoras do Atlántico,
as fillas de Ith, que volve.
Hoxe non é un día máis,
hoxe é outro día
na loita contra a serpe,
a descomunal serpe negra da mentira,
a fedorenta serpe negra do capital,
a desprezábel serpe negra dos desleigados.
A mesma serpe negra que lanzou contra as rochas
o corpo vivo da balea
envelenada.
Aquí,
nos cantís e nos cons das Sisargas
non estará o arao,
sacrificado no nome da cobiza,
por iso aquí
á esquerda de Seaia
onde os arroaces soñan un mar de peixe,
cando a mañá camiña cara ao sur,
debe continuar a loita
contra a serpe e o veleno,
contra a serpe e o veleno,
contra a serpe e o veleno,
agora.
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 13-11-2011 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
O polo con ameixas de Marjane Satrapi
Esta semana tocou lectura con imaxes. Botei man dos libros que trouxen de Viñetas desde o Atlántico e as ideas comezaron bulir na miña cabeza... de momento quedan aí, fermentando.

O último que rematei de ler atopeino en Vigo o outro día, é ?Polo con ameixas? de Marjane Satrapi. Esta obra recibiu o premio ao mellor álbum no Salón de Angouleme en 2005 e parece que tamén vai dar lugar a unha película, como xa sucedera con Persépole, que agora podemos ler en galego.

En canto ao seu contido, esta obra é radicalmente diferente das anteriores. Satrapi relátanos a vida do músico Nasser Ali Khan nos días que van desde que o protagonista toma a decisión de morrer até que morre e retrátanos así o seu carácter, deixando ante nós os motivos reais do seu abandono da vida.

O libro leva por título o nome do prato favorito do protagonista que será quen de rexeitalo malia non ter comido nada en días, porque ten decidido morrer.

Graficamente destacaría o procedemento para ilustrar as lembranzas. Nesta historia en branco e negro, Satrapi deseña as viñetas en que as personaxes lembran o pasado en fondo negro, algo que debeu ser evidentemente difícil de realizar.

Particularmente interesoume a personaxe da súa muller, tan ríxida e malencarada como parece ao principio, mais que ao final vexo como unha muller que se entregou ao amor dun home que se deixou levar pola vida, e agora está profundamente doída, sendo esta dor a orixe do conflito.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 05-11-2011 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0