acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Outro acto sobre o 25 de novembro
Ofelia por Waterhouse, imaxe de wikipediaEste venres 30, na galería Sargadelos de Vigo, ás 20 horas, terá lugar un acto poético convocado polo BNG baixo o lema: Dá a cara, non viers as costas!

Alí estaremos con Xabier Paz, Mercedes Espinosa, Xerome Calero, Consuelo Comesaña, María Xesus Louzán e Iolanda Veloso, que nos presentará.

Lerei de novo os poemas protagonizados por Ofelia, e tal vez este outro, de As amantes de Hamlet, coa intención de deixar unha nota de optimismo, nun acto que inevitabelmente nos leva á tristura.

Ordenemos o universo
arrombemos constelacións e órbitas
saquemos brillo á Polar
e a todas as que nos guían.

Descolguemos as nubes,
lavar, dobrar, gardar,
as súas extensións inútiles,
incómodas para a viaxe.
Eu son Penélope
e rexeito teas e fíos
non te vou agardar.

Ordenemos o universo
lavemos a cuberta e botemos pola borda
tanto lastre inútil,
e así, sen peso,
co universo ordenado
debuxemos un mapa para a viaxe.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-11-2007 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Ofelia en novembro
Pintura de John William Waterhouse, extraída de http://es.wikipedia.org/wiki?Eu, a máis desconsolada e infeliz das mulleres, que gocei un día o mel das súas promesas suaves, vexo agora aquel nobre e sublime entendemento desacordado... Canta é a miña infelicidade de ter visto o que vin, e ver agora o que vexo.?

Monólogo de Ofelia na Escena V do acto III do Hamlet.

Hoxe, para lembrar a todas as mulleres vítimas da violencia de xénero, estarei no acto que convoca a Concellería de Servizos Sociais de Redondela. Alí lerei o poema "Non é amor" que xa puxen no seu día nesta xanela.

Mañá, cun motivo semellante, irei a Cuntis, para falar de igualdade, tomando como pretextos distintos textos poéticos de escritoras e de escritores tamén, porque esta tarefa é de todos.

Para min, todo isto é como resucitar a Ofelia.


Pobre Ofelia
cristalizada estás no sangue da loucura
e gardas baixo as unllas a carne do covarde,
como un berro atroz que nos convoca.
Os teus ósos,
espadas de cristal
contra a fame caníval
de posuírnos,
de beber a nosa alma,
zugarnos a vontade,
dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,
pequena Ofelia
non se sacia a sede do covarde.


(poema inédito, lido en Ourense nun acto contra vilolencia sobre as mulleres)
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2007 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
O club da calceta
De VieirosEstes días rematei de ler O club da calceta de María Reimóndez. Matía xa nos sorprender co Caderno de bitácora, e agora non nos deixa indiferente con este traballo.

Unha das cousas que máis me chamou a atención é que a narradora non remata o seu libro ao finalizar cada unha das partes que compón ese xersei metafóirico que representa a unión e a amizade entre este grupo heteroxéneo de mulleres que nos representa a todas. Despois de construír para nós a vida de cada unha das protagonistas, tan diferentes e a un tempo tan representativas, María móstranos o resultado final do traballo, ese xersei colorista e cheo de forza composto por seis mulleres que decidiron cambiar as súas vidas e actuar de acordo coa súa forma de pensar.
Tal vez porque como se di na novela: "Nas películas sempre queda ben o final resolto onde non se ve o futuro, onde non se ve que a parella feliz se separa ao cabo dun tempo, onde non se ve que quen gañou a batalla logo ten que volver a unha vida insulsa." E ningunha delas mantén súa vida anterior, aínda que neste caso é para mellorala.

Destacarei tamén a concepción da felicidade para unha das protagonistas: "creo que son feliz. Porque fixen o que quixen." E Tamén considera que quen non pode facer o que desexa: "Iso é ser pobre".

A novela xa vai pola segunda edición, a primeira é de outubro de 2006, e esta segunda de marzo deste ano. Unha boa noticia, tan boa como contarmos con esta novela escrita por unha moza. Algo está cambiando, lentamente, mais cambiando
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-11-2007 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
Quero un mar
album de Marta Dacosta
Tempo de lembrar este poema escrito hai 20 anos (está en Crear o mar en Compostela), e recitado outra vez unha tarde do inverno de 2002-2003 en Carnota.

Quero un mar habitado do canto das baleas
onde a paz dos corais non sexa profanada.

Quero un mar traspasado cando a noite se achega
por aves non concretas voando cara ás illas.

Quero un mar rodeado de areais sedentos
que en silencio miran de todas as distancias.

Quero un mar libre, ceibo de peiraos progresistas,
de homes posesores que trocan as rutinas,
que acaban co que existe e pensan que poden
descubrilo e repartilo sen medida.
Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-11-2007 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
IMAXINARIO

A pasada ponte de todos os santos celebrouse o Galusca en Lugo e Mondoñedo, baixo o título de O imaxinario na literatura. Alí escoitei estas fermosas palbras de Xabier Gantzarain: ?Só un mesmo lle pode poñer unha imaxe ao seu amor. E coido que é por iso que a xente escribe? Escribo para amosar o que amo, e para que me amen.?

Na imaxe estamos unha parte importante dos participantes empoleirados ao redor da estatua de Cunqueiro.

Todas as veces que estiven no Galeusca resultáronme satisfactorias, polos temas tratados, polos debates posteriores, polos debates nocturnos e por ter a oportunidade de coñecer a outros escritores e escritoras bascos e cataláns, pois esta actividade realízase entre as tres asociacións nacionais, a galega(AELG), a basca (EIE) e a catalá (AELC). Este ano tocounos á galega organizar o congreso.

No gznación publiquei unha breve reseña deses días.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2007 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
8

Aceptei ó relevo de O QUE TEN CU, TEN MEDO e eu pásollo a A CANCIÓN DO NÁUFRAGO, AGARDANDO A GODOT, LAPAMAN, NASAS e a ESTÁS A FALARME A MIN?

Isto vai medrando...
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2007 16:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0