acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Contos pequenos

O domingo 30 de outubro, o IEM presentou en Gondomar o libro de Victoriano Taibo: Contos pequenos.

Foi no Auditorio Lois Tobío coa presenxa da familia do autor e numeroso público.

Este é o texto que escribín para realizar a presentación do acto:

Acto de presentación de CONTOS PEQUENOS

?Xa loce e escentilea o sol da fala vernácula, esparexendo as tebras?


"a fala propia, o noso verbo diferenciador, herdo sagro e milagreiro no qu?o povo galego vertéu e moldeóu o seu espírito, ô mesmo tempo que acomodaba o linguaxe a maneira de ser da súa alma, ..., para convertila na nosa forza anímica e xeneratriz, o choer nela o pulo creador do noso intelecto e dos nosos afectos, e dar nela o noso corazón e o noso pensamento trocado en doces sons e suaves armonías.."
Victoriano Taibo, discurso de ingreso na RAG, 15 de outubro de 1948


Boa tarde, en nome do IEM benvidas e benvidos, moitas grazas pola vosa presenza.

Acaba de interpretar para vós Paco Barreiro o conto Para quen cantou o cucorrei?un dos contos dos que hoxe falaremos.

Unha vez máis Victoriano Taibo reúnenos en Gondomar, hoxe para presentar a edición do seu manuscrito Contos Pequenos. Mais comecemos como el querería que fixeramos, lembrando que esta presentación realízase no ano en que celebramos o centenario das Irmandades da Fala, ás que el pertenceu desde o primeiro momento, a fundación da Irmandade da Coruña o 18/05/1916. Taibo participou tamén da fundación da Irmandade de Santiago, da que foi secretario e anos máis tarde promoveu a creación da Irmandade Nacionalista de Ortigueira. Foi ademais asinante do Manifesto da I Asemblea nacionalista de Lugo en 1918. É dicir, integrante e promotor dun momento fundamental na historia de Galiza.

A nosa lingua, a que el definiu como ?herdo sagro e milagreiro no qu?o povo galego vertéu e moldeóu o seu espírito? foi para Taibo a cuestión fulcral, talvez por iso, sempre estivo disposto a cultivala, e non só escribindo libros que logo serían publicados ou non, senón mesmo acudindo aos chamados dos amigos que lle pedían un poema para festexar a comuñón da filla, unha felicitación de Nadal ou coma neste caso, escribindo un conxunto de textos que denominou Contos pequenos e que foron escritos para ser agasallados á familia Beiras Cal, coa finalidade de que tivesen algo que lle ler aos seus fillos na lingua de noso. Era o ano 1955, certamente non había libros para os máis novos como hoxe hai. Aqueles contos estaban dedicados ao meniño Hixinio Ultreia e naceron directamente da tradición oral.

O IEM presenta hoxe, na súa versión orixinal, este conxunto de relatos. Faino por medio dunha edición facsímile, é dicir copia exacta da edición realizada no seu día, acompañada de catro breves estudos elaborados por outros tantos autores: Hixinio Beiras Cal, o pequeno ao que lle dedicaron os contos. Camiño Noia Catedrática Lingua e Literatura galegas na Universidade de Vigo e estudosa dos contos de tradición oral, Gonzalo Navaza profesor da UVigo e coautor do Diccionario Xerais, entre outras obras e Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.

Hixinio Beiras Cal fala dos seus recordos daquela época; Camiño Noia Campos analiza os contos contextualizados no folclore internacional; Gonzalo Navaza Blanco estuda o léxico e as expresións; e Xesús Alonso Montero realiza a ecdótica e historia externa do manuscrito. Esta edición conta tamén cunha versión actualizada ao estándar normativo actual e conta cun vocabulario, coas palabras que, sendo galegas, non se atopan no dicionario da RAG. A finalidade desta adaptación ao estándar actual é facilitar a lectura do manuscrito e axudar a que sirva como libro de lectura para cativos en idade escolar, libro de lectura que por certo está ilustrado por Fino Lorenzo, autor tamén da caixa en que se presenta esta edición.

Este volume, concibido como unha unidade, desmémbrase en tres libros que poden ser lidos independentemente, facilitándolle ao lector o uso que desexe facer: a edición facsímile, o conxunto de artigos sobre os contos e os contos propiamente ditos en versión actualizada.

Para o IEM este acto de hoxe insírese na campaña ?Un día para Taibo?. En que consiste esta campaña? Pois en pór os vimbios para que un día non moi afastado celebremos o Día das letras dedicado a Vitoriano Taibo. Cómpre dicir que dentro desta campaña o Concello de Gondomar xa iniciou o expedente para nomear a Taibo Fillo adoptivo de Gondomar.

O mestre de Guillufe ten méritos abondo, pola súa obra que abrangue varios xéneros literarios, e que o fixo que fora recoñecido como un dos autores principais do seu tempo. Polo seu compromiso e o seu estudo da lingua e mesmo polo lugar que ten na historia da nosa nación, xa falamos da súa participación nas Irmandades da Fala, ao que podemos engadir que participou na formulación dun ensino galego. Ou que tras a guerra civil foi expedientado e desterrado pola grave acusación de ser galeguista. Mais mantivo os seus ideais e seguiu empregando e defendendo a nosa lingua. Porque como din os seus versos do libro A vella roseira: o galego que non fala / na lingua da súa terra / nin sabe o que ten de seu / nin é merecente dela.

A lingua foi o combustíbel que moveu o seu corazón, ?a nosa forza anímica e xeneratriz? nas súas palabras, por iso, desde o IEM, desde Gondomar, reclamamos un día das letras para Victoriano Taibo.

Hoxe, grazas á música e ás voces, especialmente ás voces novas dos nenos e nenas, a nosa lingua brillou na coidada prosa de Taibo, e creo que para esta xornada é acaída unha das frases que refulxe no seu discurso de ingreso na RAG do ano 1948: Xa loce e escentilea o sol da fala vernácula, esparexendo as tebras.

Entre o alumnado que puxo voz aos seus contos, están pequenas e pequenos do CEIP Neira Vilas que son de Morgadáns, a mesma parroquia en que Taibo foi mestre. Por iso quero sinalar que unha das palabras que utilizaron no seu relato O lagarto e mailo sapo, concretamente: ?apolou?, é unha palabra que o mestre reoclleu na súa parroquia de Morgadáns. Taibo fixo un meritorio labor de recollida de palabras que non figuraban nos dicionarios e deulles vida incluíndoas nos seus textos, que logo completaba con léxicos en que fixaba estas palabras, o seu significado e a súa procedencia.

E así chegamos ao remate deste acto e para lle pór o ramo contamos coa intervención de Miguel Anxo Mouriño e Francisco Ferreira. Miguel Anxo Mouriño é escritor e responsábel da sección de Filoloxía e Literatura no IEM, promotor do Premio de Poesía Victoriano Taibo e incasábel divulgador da súa figura, pois é el quen traballa arreo para que a través de actos como o que hoxe nos reúne saibamos cada vez un pouco máis deste noso poeta, vai iniciar a clausura que pechará o Alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira que o seguirá no uso da palabra.


No acto interviñeron tamén:
Alumnos/as de 6º de Primaria do CEP Neira Vilas de Peitieiros, que leron os contos O lagarto e mailo sapo e A noz.
O grupo de teatro de Borreiros Xesta Vermella leron o conto O burriño e mailo porco.
Alumnado de 6º de Primaria do CEP de Sabarís leu O decreto.
E Xián, do CEP Chano Piñeiro e Pablo e Antía do Colexio Ándersen leron O loro de Bieito Cirolas.
Paco Barreiro, Músico. Actor. Intérprete musical e profesional da dobraxe, encargouse da parte musical.

Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 31-10-2016 14:21
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Contos pequenos de Victoriano Taibo
"a fala propia, o noso verbo diferenciador, herdo sagro e milagreiro no qu?o povo galego vertéu e moldeóu o seu espírito, ô mesmo tempo que acomodaba o linguaxe a maneira de ser da súa alma, ..., para convertila na nosa forza anímica e xeneratriz, o choer nela o pulo creador do noso intelecto e dos nosos afectos, e dar nela o noso corazón e o noso pensamento trocado en doces sons e suaves armonías.."

Palabras de Victoriano Taibo no seu discurso de ingreso na RAG o 15 de outubro de 1948: Rosalía de Castro, precursora da fala.

Este domingo 31 de outubro terei a honra de presentar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, ás 19:00 horas e en nome do IEM a edición de Contos Pequenos. Un agasallo para a lingua.
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 30-10-2016 12:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0