acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

o lenzo

Como eses lenzos en que as capas de lixo van sedimentando até converter o cadro nun coiro escuro en que é difícil ver a imaxe orixinal, real, así o odio solda capa tras capa o desprezo e a mentira ao aceptar como certas as cómodas afirmacións dos maledicentes.

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 31-10-2015 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuviosa néboa...
En todas as ocasións en que me teño achegado á poesía oriental gocei inmensamente da súa lectura.

Así cando lin a Taneda Santoka, ou a Lao Tse. De tal xeito que sempre precisei escribir sobre esas lecturas, como unha forma de reflexionar ou deixar memoria.

Este verán lin a un tempo unha antoloxía do Kokinshuu elaborada por Carlos Rubio e outra antoloxía, Japão no feminino II, elaborada pola portuguesa Luísa Freire. Desas lecturas naceu o artigo: A man feminina, e tamén o desexo de seguir lendo e aprendendo da poesía xaponesa.

Ler El pájaro y la flor, outra antoloxía de Carlos Rubio. Aprender que as distancias poden ser irrelevantes ao descubrirmos afinidades que descoñeciamos:

"O hábito cultural desenvolvido na lingua falada e cotiá dos xaponeses de comprender por medio de alusións, indefinicións, silencios, frases inconclusas e ambiguas é responsábel da capacidade natural do lector xaponés para valorar un poema onde moi pouco se diga e moito se suxira." da Introdución de El pájaro y la flor.

Ou que un poema do XVII pode servir para expresar os teus sentimentos catro séculos despois:

Chuviosa néboa
que esconde o monte Galiñeiro.
Vou contenta.


Adaptación do poema "Kiri shigure" de Bashoo (XVII), un dos autores máis destacados da literatura xaponesa de todos os tempos. Un poema en que, segundo nos explica Carlos Rubio, o poeta expresa a felicidade que sente falando da néboa que lle impide ver o monte Fuji. Certo que o Galiñeiro non é comparábel ao Fuji, mais certo é tamén que nada me impide adaptar o poema de Bashoo para expresar o que sentín neste final de outubro ao volver a chuvia e a néboa impedíndome contemplar o cume gallado do Galiñeiro, un inexplicábel sentimento de felicidade, ou algo que se lle parece.

Así que leo, aprendo e devezo por compartir estes versos, aínda que a adaptación á nosa lingua teña que ser por medio dunha lingua interposta, afastándose así dobremente do orixinal. Mais como non compartir con vós un poema coma este?

De saber
que o amor tanto magoa,
deviría
resío da tarde
que o albor desfai.


Poema de Kakinomoto no Hitomaro (柿本人麿, na imaxe), que morreu por volta do ano 715, recollido na antoloxía Maniooshuu realizada a finais do século VIII.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 28-10-2015 08:36
# Ligazón permanente a este artigo
Memoria de Begoña Caamaño
Este 24 de outubro, un ano despois do seu pasamento, Compostela vivirá unha homenaxe a Begoña Caamaño.

O outono pasado, Eli Ríos convocábanos en nome de A Sega a construírmos un libro colectivo en homenaxe a Begoña. Eu entregueilles este poema, esta reconstrución do mito como Begoña facía, aos pés desa frase súa coa que tanto me identifico.


?Escribo dende un xénero excluído e dende unha lingua minorizada e asumo a responsabilidade que esa escolla conleva?, Begoña Caamaño.



CINCO MIL anos
construíndo
unha imaxe perfecta
distorsio-
nada
medida
moldeada

imaxe que oculta
a faciana que
o tempo
a vida?
esculpiu
mesmo
sobre a dura
pedra



manobra de propaganda e
ocultación



e ti
quen es
a dama perfecta
deseñada para ocupar
a sala do museo
obxecto colocado para ser
o centro das miradas

ou a muller anciá que
se oculta baixo capas de escaiola
autoinvisibilizándose
negando
que o seu paso
pola historia
tamén é fermoso
nas engurras
no corpo deformado
testemuña
de que houbo vida
máis alá
da perfección
efímera


(Nefertiti)
Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 24-10-2015 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
Paseo polo Vigo literario

Este 17 de outubro, o mesmo día que en 1702 as tropas se concentraban en Vigo para defender a cidade do ataque inglés e holandés, que logo se produciría e lembramos como Batalla de Rande, correspondeume guiar o primeiro Paseo polo Vigo literario deste outono.

Comezamos no Paseo de Alfonso XII, tan ligado á miña memoria familiar, pois era o lugar en que atopaba a miña bisavoa Saladina ou o meu avó Suso, que coma outros mariñeiros retirados facía do paseo a súa atalaia para observar o mar, un mar que xa non era o que divisaba Manuel Antonio desde o número 15 en que residiu entre 1919 e 1923. No inicio formulámonos a pregunta de se o mundo das traballadoras e os traballadores do mar ten a presenza debida na nosa literatura. Talvez a resposta sexa que non é así. Manuel María, por exemplo, dicía que aínda faltaba o gran poeta do mar, o poeta que cantase os traballos das súas xentes. Con esa pregunta comezamos andar.

Demoramos case dúas horas en chegar á Estación á Estación marítica, onde lembramos poemas sobre a emigración -a que talvez podería ser a gran épica por explorar segundo Freixanes- ou sobre a represión nesa illa que foi lazareto e alxube, ´, San Simón. Entremedias percorrimos os Peiraos e chegamos até o porto pesqueiro ou paramos ante a imprenta de Juan Compañel. Durante o percorrido lin varios poemas propios, principalmente de Cinsa, mais tamén de Bernardino Graña, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Rosalía ou Curros. Así que finalmente non demos chegado á pedra colocada en memoria de Kruckenberg, que era a intención inicial como sinala esta crónica do diario Atlántico.

Un pracer volver ás rúas doutro tempo, lendo nelas os poemas que escribín mentres as imaxinaba. Houbo un momento, na Praza do Peñasco que a piques estiven de me emocionar, foi antes de recitar Hoxe estou en silencio...

Foto de Marcos López, alumno dlagún obradoiro, que onte asistía a este paseo.
Comentarios (0) - Categoría: Roteiros literarios - Publicado o 18-10-2015 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Paseo polo Vigo literario

Este sábado 17 de outubro fun convidada a guiar un Paseo polo Vigo literario, unha actividade realizada por iniciativa da AELG e desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Sairemos do Paseo de Alfonso XII, "o paseo dos mariñeiros nostálxicos", visitaremos a "praciña de pedra en que aínda hai un pozo", e "repinicando a pedra da Laxe" achegarémonos até rúas que levan a memoria des escritoras de noso. E todo isto porque

Nacín aquí.
Aquí onde o cemento
desterrou o mar.
Aquí onde afogan as ondas pretéritas,
na xordeira do tempo que negamos.

Cinsa será o libro que nos guíe, sen deixar atrás ese poema de Setembro:

Hoxe estou en silencio ...
Comentarios (0) - Categoría: Roteiros literarios - Publicado o 16-10-2015 08:56
# Ligazón permanente a este artigo
Versos desde o Sáhara:

Moncho Boán propúxome levar á nosa lingua algúns versos de poetas saharauís, para incluír nun caderno do Sermos Galiza. Foi así como preparei unha pequena escolma de oito voces, un pouco a cegas, mais procurando que o resultado fose o máis polifónico posíbel. E polo que o Moncho Boán consultou despois nos propios Campos de Refuxiados do Sáhara, parece que non errei de todo na selección.

Dicía eu na introdución que preparei e que non puiden evitar que fose algo ?densa? (como dicir moitas cousas en pouco espazo?): ?O conflito do Sáhara está presente nas súas poéticas, mesmo cando estas son profundamente intimistas?. Talvez por iso elixín un breve poema para pechar a selección, un poema de Nanna Labat Rachid:


Saúdos Zammur

Bailamos a pesar das feridas
e o teu saúdo acariña as miñas meixelas
e os abrazos rescátanme da miña febre.

Esta autora, é xustamente unha das que se expresa na lingua propia das xentes do Sáhara: hasanía, e en árabe. Así que accedemos á súa obra a través do francés.

No ano 2008, a editorial L?Harmattan de París publica o libro A pluma prisioneira. No prefacio podemos ler estas palabras de Georges Jean: ?Esta maneira de ver a realidade que emana dos novos creadores, dá lugar a unha innovación literaria que se desmarca das habituais creacións relacionadas coa vida nómada autárquica, para tratar a cuestión da liberdade política e a invención dunha creatividade propia do mundo moderno.?
Nese libro podemos ler este poema:


O día do meu aniversario
coincide coa invasión marroquí
do Sahara Occidental?
E a miña vida está consagrada ao servizo
do meu país espoliado.

Traducir poesía é para min unha forma de aprendizaxe: de poéticas distantes que non só agrandan o noso coñecemento, senón que mesmo nos permiten achegarnos á nosa literatura con maior obxectividade, e da propia lingua, por máis que non queira distanciarme do texto orixinal.

Por iso procuro, de cando en vez, realizar exercicios de tradución. A pesar dos erros que cometo. Disculpádemos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2015 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
amencer

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 09-10-2015 08:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0