acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Recital de 1998
O portal www.poesiagalega.org está a publicar os recitais que Letras de Cal organizara en Compostela.

Entre os recentemente engadidos está un recital realizado o 14 de xullo de 1998, no Rúa Nova, recital presentado por Eduardo Estévez e no que interviñemos Carlos Negro, Miro Villar e eu mesma.

www.poesíagalega.org pode recoller no seu arquivo estes recitais testemuña da actividade poética nos 90 porque Rafa Villar gravounos e gardou as gravacións que agora lle está a ceder a este portal.

Moi boas iniciativas, a de recoller estes recitais no arquivo de poéticas contemporáneas do Consello da Cultura Galega e a de Rafa Villar por ter gravado e gardado tantas palabras. E como non, aínda que como digo entre poema e poema sexa como felicitarme a min mesma, Letras de Cal, un fito na historia da nosa poesía que tanto deu e dará que falar.

Para o catálogo de anécdotas: neste recital lin poemas do libro En atalaia alerta. E lin para pechar o recital o primeiro poema do libro, punto de arranque físico e emocional que relata o abismo ante o cambio que vive o eu poético.

Recital no Rúa Nova

(tomo a foto prestada do blog http://crebas.blogaliza.org/ de Miro Villar)
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 28-10-2012 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
O fracaso dunha sociedade
O luns día 22 comecei escribir este artigo, unha descrición da xornada electoral que aspira a analizar timidamente o sucedido o día 21 de outubro.


A aldea está no cume da serra -aínda que poderiamos estar a falar dun barrio ou unha rúa céntrica da capital-. Vive na contradición de estar a menos de vinte quilómetros da Cidade e tardar un tempo considerábel en chegar a ela, por mor da estrada estreita e sinuosa que a comunica co concello ao que pertence. É unha aldea afastada, tanto que nin o cura sobe dar misa, máis que de tarde en tarde e a maior parte da xente da aldea, agás os que traballan na cidade ou na capital do concello, comunícase co resto do mundo a través da televisión.
As e os cativos baixan todos os días da aldea percorrendo varios quilómetros até a escola. O autobús malamente pode tomar as curvas, e cando vén de regreso, máis que xantar merendan, de entrada que a tarde vai. A unitaria que houbera na aldea ficou para os pequenos de infantil durante uns anos, houbo que pelexar por ela para que non a pechasen, explicarlle aos representantes de Educación a orografía do lugar para que comprendesen que, malia ter soamente catro nenos, cumpría que a escola ficase aberta. Mais xa non. Xa non o está, é unha das varias unitarias que fecharon, así que mesmo os cativiños de tres anos andan no bus que parece que vai pola montaña rusa.

Esa mesma escola unitaria fai ás veces de local electoral. Un local frío en calquera época do ano, onde pasan as horas lentamente, mentres a xente vén votar cada vez menos. Nestas eleccións, nas que menos. Dos a penas douscentos habitantes votaron uns cen, foi a mesa electoral con menos participación no concello, e iso fixo que o eterno gañador das noites electorais, o PP, desta volta tivese un 40% menos de votos ca na vez anterior, aínda así levou o 60% dos votos recollidos na urna.

Hai un apoderado do BNG que vai sempre a esa mesa, xa lles sabe os nomes ás mozas que forman parte dela (hai unha certa reiteración no sorteo) e tamén ás interventoras do PP que se presentan con absoluta familiaridade, mesmo sen identificarse, total, alí todos son do mesmo, do mesmo partido có ?alcalde de barrio?, con cargo no concello, que reparte prebendas do máis variado xorne. Desta volta o cacique da aldea non pasou polo local electoral, pode que tivese algunha diferenza co seu partido, votar si votou, iso non pode deixar de facelo, mais as funcións de xefe de interventores que fixera outras veces, non as fixo.


As xornadas electorais transcorren lentas e preguiceiras. Entón a conversa xorde. Quen integra a mesa quéixase, quéixase de que fechasen a escola, de que non lles arranxen a estrada, de que non teñen puntos de luz, de que non teñen transporte colectivo, de que o cura se mete no que non lle importa, que lles afea a conduta no medio do sermón sinalando os seus pecados diante de todo o mundo, que non hai traballo, que o fillo da veciña traballaba no naval e tiña un choio boísimo e cobraba case dous mil euros coas veladas, que mesmo comprara un coche na do ex alcalde e comezara arranxar a casa e pedira unha hipoteca e agora non pode seguir coa obra e ten o coche en venta... O apoderado do BNG sempre alimentou a conversa, como quen bota leña ao lume, para mover á reflexión crítica sobre a realidade. E cada vez que chegaba a noite quedaba pampo ante o reconto que non deixaba lugar a dúbidas. Tan contundente, que mesmo non sabe de onde saían os poucos votos para o seu partido, máis alá daqueles poucos que sempre falan con el e mesmo acoden a algún acto, -polo demais nada que non suceda na práctica totalidade das mesas electorais-.

A noite do vinte e un non foi diferente, dos cen votos longos que había na urna, máis de cincuenta eran do PP, chamoulle a atención que houbese 6 votos en branco ou 7 nulos, algúns por levaren papeletas do PP que non daban ocultado a ira coa que foran rachadas, ou escritos con frases como ?votarei cando me devolvan o diñeiro das preferentes?. Con todo eran moitos votos menos ca en anteriores eleccións, como eran menos os votos de PSOE e BNG. Tal vez a indignación fose a razón dos resultados. A realidade é que nin as siglas de AGE conseguiron mobilizar o electorado, nin deron recollido os votos perdidos por PSOE e BNG, nin igualaron os votos que o BNG tivera no seu día, quedando a unha longa distancia do 50%. Así que ao final o resultado era o mesmo de sempre e os que estaban desilusionados dos procesos electorais non converteran a súa indignación en voto construtivo. E os votos perdidos polo PP, quedaran na casa tamén? Tal vez si, tal vez estaban en Suíza, nas mans de varios mozos e mozas que tomaran a decisión de marchar, ao non ver un futuro claro na súa aldea. Ao final unha grande abstención, tamén incrementada pola emigración ?forzosa? da nosa mocidade.

Ben mirado, debaixo das cifras do reconto agóchase un fracaso social, o fracaso dunha sociedade que atende ás mensaxes dos medios sen discutilas, incapaz de se decatar de que a súa propia realidade e a das persoas que a rodean entra en contradición coas mensaxes recibidas. Unha sociedade que permite que unha parte das persoas que votan, que non son a maioría, decida por todos, mentres é permeábel ás mensaxes de que non hai outra solución ou que todos son iguais, a pesar de que, cando ten un problema, acaba acudindo ao apoderado do BNG, pois sabe que será el quen escoite e procure unha solución até debaixo das pedras. Todas e todos perderon porque ninguén acadou os obxectivos, aínda que os que gobernarán teñen ao seu favor unha lei electoral que multiplica a súa representación malia perderen miles de votos.

Non importa o nome da aldea, nin do concello, non importa nin o nome da comarca en que se sitúa. A historia é real, como as eleccións que se celebraron. Os resultados semellantes dos doutros lugares do noso país, un país que as xentes da aldea esqueceron, aínda que o leven na boca e pisen a súa terra a cada hora, sen darse conta de que na súa man está rematar con todo o que as afasta.

Somos discípulas de Castelao. Ás veces estamos cansas, sempre indignadas e dispostas. E nunca perdemos a confianza.

Terra e tempo, 25 de outubro de 2012
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 26-10-2012 07:57
# Ligazón permanente a este artigo
de como se constrúe unha imaxe deforme
falemos da intención

de como se constrúe unha imaxe deforme

de como se colocan sobre a boca fechada
calumnias ignoradas

de como unha presenza é un parto de odio

de como un murmurio vai formando unha lousa
e apaga toda luz que mostre a realidade

falemos da preguiza

de como non importa a limpidez do vidro

de como é máis doado repetir que buscar

de como prende o xoio e devora as tomadas
mentres afoga o pan
a indolencia paira


Acuática alma, 2011
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 25-10-2012 08:34
# Ligazón permanente a este artigo
Porque soñaron!
Amigas e amigos, se hoxe estou aquí, como vós estades, foi porque xa hai dous séculos houbo mulleres que soñaron que as súas fillas e netas poderían acceder ao ensino superior, ser mulleres con independencia económica, capaces de empoderarse. Traballaron de noite no porto de Vigo, de día nas súas casas para acadar este futuro.

Amigas e amigos, se hoxe estou aquí, expresándome na lingua da miña bisavoa é porque hai cento cincuenta anos que Rosalía de Castro decidiu que a lingua do seu pobo merecía formar parte do futuro e converteuna, outra vez, en lingua literaria, en lingua de cultura.

Estamos aquí porque Daniel Castelao soñou unha Galiza dona de seu e percorreu o país enteiro procurando a aprobación do Estatuto de Galiza e loitou até o último minuto para que a vontade do pobo galego chegase ao goberno da República, deixando encarreirado un futuro que naqueles ensanguentados días se empeñaron en derrubar, mais como o propio Castelao dixo: enterraron semente.

Para eles foi un soño. E loitaron arreo convencidos de que un día o soño sería realidade. Nós tamén soñamos, soñamos que a penas faltan horas para que o pobo galego tome a rendas do seu futuro para gobernar nós a nosa lingua, impedir que o chapapote dos " imbéciles e escuros, os férridos e duros" lixe unha vez máis o noso idioma.

Galiza precisa o BNG, pola nosa lingua, pola nosa identidade, polo noso pobo!

Lembremos os versos de Manuel María:

Temos que encamiñarnos pro albor
i andar polo chao con pé seguro.
Temos que sementar amor e máis furor
pra colleitar espranza e máis futuro!

(intervención no mitin de peche de campaña realizado en Vigo)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-10-2012 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
xa non será posíbel
como pole dos piñeiros
que a chuvia vai varrendo

desaparece
para sempre

e só queda
a agre sensación de que ti, ti tamén
es a persoa a quen se dirixe
cando agrede
desde o máis profundo
descoñecemento

doe
porque a amizade foi un fío
que uniu o tempo

e xa non existe

xa non será posíbel
neste silencio
que acusa
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 16-10-2012 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Votar coa lingua e a cultura
Se vos preguntase a cada un de vós cal foi o voso mapa de Fontán particular, aquel que lle descubriu ao Adrián Solovio de Otero Pedrayo cal era a súa verdadeira identidade, moitas de vós diriades os versos de Rosalía: ?pobre Galiza, non debes chamarte nunca española?. Outros dirían: ?Galiza somos nós, a xente e máis a fala?, como escribiu Manuel María pensando nas nenas e os nenos das escolas galegas. Todas e todos mencionariamos o Sempre en Galiza, o irrebatíbel: ?se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma?.

A lingua e a literatura foi así, para moitas e moitos de nós, a almenara acendida que nos guiou até a nosa identidade e decidimos falala e defendela, porque si, porque nos peta.

Non hai ninguén que non saiba que é a lingua o elemento fulcral que nos conduce a tomar conciencia. Algúns sábeno tan ben que a converteron no único obxectivo a combater. Como un día fixeron ocultando as Actas Escuras, para que as palabras escénicas enfiadas por Vidal Bolaño non nos levasen á reflexión, para que non producisen o efecto pedagóxico que o teatro ten e chegasemos comprender que ocultan a nosa historia, que a manipulan e que a alteran para privarnos de coñecer, por exemplo, canto poder tivo a nosa terra con soberanía plena.

A súa urxencia ideolóxica en impedir que nos desenvolvamos como o que realmente somos, galegas e galegos, destruíu infraestrutura e postos de traballo que emanan da nosa actividade cultural, mentres malgastaban millóns e millóns en españolizar cos seus artistas de cabeceira.

A AELG acaba de facer público o manifesto Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega que remata coas seguintes palabras:

?... trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.?

Son escritora, comecei escribir en galego aos 8 anos por causa da Gramática elemental do galego común de Carvalho Calero, foi a través da lingua que me identifiquei, por iso milito no BNG, por iso asumo representar a esta organización política e son candidata nestas eleccións, porque só co BNG poderemos manter viva a nosa lingua e, con ela, a nosa cultura e a nosa nación. Por todo iso pido o apoio para o BNG o vindeiro 21 de outubro.

(intervención realizada no acto Propostas para unha cultura galega viva, na praza do Toural en Compostela, o 13 de outubro e publicada no Sermos Galiza de onde copio a foto)

Outubro 2012
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 13-10-2012 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
labirinto

vida ou

labirinto de

altas sebes

enganosas


(foto Tokio)
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 01-10-2012 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0