Este foi o programa do luns día 23, no que o poema ?non foi suficiente? pecha o programa. Ao longo da semana outros poemas estiveron na páxina de poesía do programa.
Aquí a entrevista do día 26 (no minuto 42:40):
ou destoutro xeito:
http://www.facebook.com/l.php?u=http%3A%2F%2F85.91.64.18%2Fdiariocultural%2FACUATICA_ALMA_MARTA_DACOSTA.mp3&h=4AQHnKDs8AQE5KIDxQJtuZmAlnX-ytD-J1TO0yhxMU_T2VA
Semanas atrás remataba de ler Verán, a novela autobiográfica de Coetzee. Hoxe vénme á cabeza, como me vén a cita do Evanxeo de Mateo transformada polos anos e o uso: polas súas obras coñecerédelos.
E é que ás veces os discursos, as declaracións ou a información nos medios de comunicación acaban por confundir. Como na novela do sudafricano as persoas ou os medios que se pronuncian e opinan teñen intereses para trasladar determinado tipo de xuízos.
Na súa novela, Coetzee crea un investigador que vai entrevistando a diferentes persoas para coñecer o autor de quen pretende escribir unha biografía, el mesmo. Deste xeito relata a forma en que os demais o descoñeceron, deixándonos a pensar en que é así como se constrúe a imaxe da persoa: un crebacabezas que nunca se completa e no que as imaxes están distorsionadas. Nunca nos ven completamente, porque só reparan naquilo que máis lles interesa.
O biógrafo entrevista sucesivamente: unha amante, que verte sobre Coetzee toda o resentimento dunha vida anódina e sen futuro; un colega co que competiu por un posto na universidade que é o único que entende e comparte a súa posición ideolóxica sobre a colonización bóer en Sudáfrica ou a colega e amante que se sitúa equidistante valorando por un lado as virtudes do docente e por outro os defectos do amante. Son brochazos parciais cos que malamente compoñemos a vida do escritor. Visións fragmentarias e incompletas que sobre todo demostran un certo desprezo por Coetzee. En calquera caso, retratos indirectos tamén de quen opina.
O debate sobre o coñecemento da identidade de alguén forma parte do propio desenvolvemento da novela e unha das personaxes acaba por interrogar o investigador: "Repítolle que se me fai raro que escriba a biografía dun escritor deixando de lado a súa obra." E velaquí a cerna da cuestión: podemos coñecer alguén só polo que del nos contan?, Como dicía esta mesma personaxe: "E as persoas que elixiu non teñen intereses persoais nin ambicións propias para pronunciar un xuízo definitivo ...?"
Extrapolando a reflexión, podemos quedarnos simplemente co perfil que constrúen os medios de comunicación dunha persoa ou dun colectivo? Son os comentarios que proliferan na rede elementos a termos en conta á hora de formarnos unha opinión sobre un feito concreto? O certo é que, como na novela do sudafricano, a través dos medios de comunicación e das redes sociais vaise creando un determinado clima, un contexto que acaba por intervir nos acontecementos, influíndo nas reflexións de quen ten que decidir.
Como na cita dos Evanxeos, hai uns noventa anos, escribíalle Victoriano Taibo a Manuel Antonio, "Que nos coñezan polas obras."
Son os feitos os que falan por nós, os que decididamente nos retratan, ante eles non caben interpretacións, son a realidade.
O blog Fervenzas Literarias acaba de facer públicos os mellores libros do ano 2011.
Estes son os mellores en poesía segundo os parrticipantes na enquisa:
1. Poesía completa (Xerais) de Lois Pereiro
2. Acuática alma (Espiral Maior) de Marta Dacosta
3. Desobediencia (A porta verde do sétimo andar) de Rosa Enríquez
4. Versos fatídicos (1994-2010) (Positivas) de Alfredo Ferreiro
5. Antítese da ruína (PEN Clube) de Emma Pedreira
6. Fedor (Sotelo Blanco) de Luís Valle
7. Todas as mulleres que fun (Corsarias) de Andrea Nunes Brión
8. Pintalabios (Toxosoutos) de Ana Cibeira
9. As crebas (Espiral Maior) de Miro Villar e Amantes (Caldeirón) de María Lado
Sorprendida e enormemente contenta de que Acuática alma estea en 2º lugar.
cando esperto á mañá
ou cando agardo ao sono
xa lendo, xa en silencio
no medio do balbordo
o medo impón a sombra
que tan longa se estende
sen que o sol me permita
achar a súa medida
deseñar o artificio
que poida superala
como a vella da praza
cos pratos da balanza
poño e retiro pesas
sen que o fiel se deteña
así que sen sosego
bato na anca erguida
para chegar á luz
só a egua desbocada
que habita no faiado
pode saltar a sombra
que nunca se domina
Este poema inédito foi un dos tres que enviei a Miguel Losada para seren incluídos no 2º número da revista Áurea do Ateneo de Madrid, que se presentou o pasado 19 de decembro.
Actualización en 2012:
Finalmente estaba errada, non foi este un dos poemas publicados na revista Áurea.
Esta mañá entrei nun local, Cristina estaba traballando, mais aproveitou para dicirme que lle gustaba o libro (Acuática alma). Eu non lle preguntara nada. Só cando me dixo que lle gustaba pregunteille se xa o lera e díxome que non, que o estaba gozando aos poucos. Eu engadín, para iso foi escrito.
Si, para iso foi escrito, para ser lido e gozado, se for posíbel, polas lectoras e os lectores.
Naturalmente quedei moi satisfeita, tanto como se estivese a ler unha boa recensión literaria que destacase os logros rítmicos, léxicos, temáticos, o que se entender oportuno, da obra. Por iso queda aquí, como anotación que dea conta dunha recensión crítica da obra.
Porque é especialmente satisfactorio que alguén que non é profe ou que non ten un traballo vinculado ao ámbito cultural? en fin, unha cidadá, diga que está a gustar do teu libro, ou sexa que diga, por tanto, que está a gustar da poesía.