acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Entrevista no Parlamento das Letras
Entrevista no Parlamento das Letras

Parlamento das Letras: Marta Dacosta

A Marta Dacosta sempre lle deberemos ter creado un mar literario en Compostela. A súa voz poética acompáñanos dende hai vinte anos. Dúas décadas nas que foi poallando entre o lectorado un orballar tramadoiro que nos deixou gravada fluencia dos seus sinais: Terra, Muller, Cor, Mar, Tempo.

Poeta de escrita senlleira pero proxección pública gregaria, na década dos noventa revelouse como autora participando en moi diversas empresas colectivas, revistas e fanzines, deixando oír os seus versos en mil e un recitais grupais. Co novo milenio foi afirmando a súa andaina en volumes nos que recuncou na memoria da infancia, o reverso feminino da escrita, o latexo abisal da ánima e aínda as paisaxes interiores de outonal setembrino.

A poética de Marta Dacosta é un Aloia sentimental, subversivo e telúrico. A súa palabra devólvenos sempre a memoria fiel dos días que nos foron facendo, eses dos que aquí fican as cinzas que agora venta para nós.

?¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Xa non lembro ben, mais foi nalgunha revista viguesa das que naceran ao abeiro da ?movida? dos 80. Naquel tempo era unha efervescencia de proxectos, e naceron moitas revistas, moitas veces sen recursos, fanzines fotocopiados, co afán de dar a coñecer a obra de ilustradores ou escritores, o que estaba a suceder naquel momento no mundo da cultura. Nalgunha delas, como Congostra, publiquei os primeiros poemas.

O primeiro libro é do ano 1993, Crear o mar en Compostela, que fora premio do Certame O Grelo. Quen sustentou economicamente a publicación foi a Deputación de Lugo.

?¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

En xeral a poesía non é un xénero que atope grandes ocos para proxectarse, ou cando menos esa é a miña percepción.

Canto aos meus libros, penso que debeu ser Pel de ameixa o que menos proxección tivo. Motivo? Posibelmente a falta de difusión que tanto pexa a literatura en xeral. Neste caso, a Deputación da Coruña talvez non teña feito polos libros nacidos do certame de poesía González Garcés todo o labor de promoción que sería desexábel.

Acuática alma foi quizais o que contou con maior repercusión. Puido incidir nisto a diferencia de varios anos cos libros anteriores, o que puido facer que no momento de se publicar suscitase a curiosidade das lectoras e os lectores e de aí unha maior recepción de público e crítica.

O certo é que tamén a cronoloxía explicaría estas diferencias, pois Pel de ameixa é o meu segundo libro, mentres que Acuática alma é o sexto e máis recente.

?¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Non. Aprendín a levar un caderniño canda min para que non se me perdesen os textos, porque son moito de imaxinar os poemas mentres camiño ou conduzo, sobre todo mentres conduzo (neste caso tiro de gravadora, vantaxes dos móbiles de hoxe en día), e xa comprobei que memorizar os versos que me van saíndo non dá resultado.

?Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Con todas e todos os que cada día deixan un anaquiño de epiderme sobre a pedra milenaria do noso idioma, desde a vontade inequívoca de seren construtores da única casa que pode acubillarnos.

?Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Hai tempo que me dei conta de que son a menos indicada para avaliar obxectivamente os trazos da miña poesía que permitirían establecer a miña traxectoria. O certo é que me preocupa a mensaxe. Preocúpame porque quero escribir neste tempo histórico, que o texto tamén sexa produto e contestación a este momento. Así que por vocación sería poeta civil, mais os poemas acabaron demostrándose intimistas, polo que a miña traxectoria abala entre a denuncia e a emoción, procurando que se unan nun punto que aínda no acado.

Hai anos escribía para unha autobiografía que ?procuro escribir co corazón, co firme propósito de revolverlle o estómago ao que senta fronte os meus poemas, e que aínda teño que escribir o poema máis importante, mais non sei cando poderei facelo, porque ese, o poema comprometido co tempo en que estou a vivir e coa miña condición humana, precisa dunha voz sólida e un pulso firme.? Iso sigo dicindo.

E tamén que como a cociñeira tento coidar cada detalle, até o máis pequeno, mesmo as humildes preposicións e conxuncións, determinantes para a construción e o significado da frase.

?¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Non son de regresar a libros lidos porque non me chega o tempo para ler todo o que quixese. Procuro estar ao día do que se publica en poesía galega. E entre os autores que máis avultan na miña biblioteca están Bernardino Graña e Mario Benedetti, Gioconda Belli ou Xosé María Álvarez Cáccamo, Li Bai ou Ana Luísa Amaral.

?¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Evidentemente á nosa literatura e á nosa cultura fáltalles normalidade, ter o apoio institucional e social que calquera literatura merece. Mais estes volven ser malos tempos para a lírica, a crise, as agresións ao noso idioma, son como mordidas de ratas que van rillando nos libros até que as historias desaparecen.

Recoñezo que os tempos son malos en todas as latitudes e lonxitudes, mais non os criterios que fan da cultura un elemento esencial. E así no noso país redúcese a industria ligada á cultura, contribuíndo ao empobrecemento da sociedade, mentres vemos como noutras latitudes os libros teñen prezos moi económicos, permitindo que a literatura chegue a todas e a todos.

Por iso considero que sobran preconceptos como o de que a cultura non debe estar subvencionada. Ao contrario, cómpre que conte con apoio económico para chegar a todas partes, para ser accesíbel a todas e a todos. Porque entendo que unha sociedade máis culta é unha sociedade máis rica, máis dona de si. Aínda que, se cadra, é isto o que non se quere, o que non queren.

Tamén sobran prexuízos. Hoxe por hoxe a literatura galega articúlase ao redor de diferentes eixes, que deixan fóra as persoas incómodas. Ao final isto repercute na imaxe que ofrece a literatura, en tanto en canto non son exclusivamente criterios e méritos literarios os que imperan á hora de explicar as posibilidades de proxección da obra dunha autora ou autor.

?Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Talvez unha novela que fose a épica das mulleres do Vigo do século XX, aínda que non sexa eu autora de novelas?

?¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Como poeta é insatisfactoria, porque seguimos padecendo as mesmas dificultades de publicación e proxección da obra poética, cuestións que entran en contradición co número de autoras e de poemas que agardan a seren lidos. As redes sociais serven para desbloquear esta necesidade, mais é algo efémero, que obriga á brevidade para captar a atención e que logo se perde no hiperespazo. Cómpre seguir levando a poesía a todas partes, como sempre se fixo, e como seguen facendo moitas persoas.

E a poesía galega, como sempre, dando mostras da súa grandísima calidade.

?Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Deixar constancia do meu agradecemento a ti e ás persoas que coma ti atendedes, reproducides e falades da nosa literatura, porque iso é o que contribúe a facela visíbel, a proxectala.

Sodes imprescindíbeis. Que así sexa por moitos anos.

Grazas.

Anterior Volver á galeríaSeguinte

Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0