 Nestes días dous novos libros chegaron aos andeis da casa. Agora están aí, agardando impacientes. Impaciente eu, por contar co tempo necesario para me introducir neles e esquecerme do mundo.
O último en chegar foi ?Vivir, unha aventura irrepetíbel? a biografía de Carme Kruckenberg escrita por Mercedes Queixas. O certo é que agardaba por el expectante despois de falar con Carme e recibir a súa ilusión pola publicación do libro. Agora que o teño nas mans véñenme á cabeza todos eses momento compartidos con ela, a súa alegría, a súa disposición, esa enorme vitalidade. Carme sempre se fai querer e para as escritoras que a seguimos no tempo está moi presente.
Lin a presentación obrigada de Mercedes e acabei concordando punto por punto. Estamos ante unha biografía necesarísima. E seguín a súa indicación, lin cada poema que introduce os difetentes capítulos escoitando na miña cabeza a voz de Carme Kruckenberg, e sinto a necesidade de volver aos seus poemas, relelos de novo, escoitala.
Hai días Carme compartía con outras escritoras o acto de homenaxe a Rosalía de Castro que desde a Asociación de Escritoras e Escritores, AELG, celebramos en Vigo. Carme sempre está disposta a compartir os versos de Rosalía, unha autora central para ela, e para todas. E foi un libro sobre Rosalía o que chegou á casa a semana anterior: ?Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria? de Francisco Rodríguez.
Na presentación do libro en Vigo, correspondeume presentar a Francisco Rodríguez, estaba ao seu lado cando nos trasladaba a crítica á recepción de ensaios literarios coma este en Galiza, porque aquí e falando das nosas escritoras e escritores se nos esixe demostrar o evidente. Afortunadamente quen nos olla dende fóra non esta pexado dos prexuízos que nos rodean e afirma con rotundidade que Rosalía foi a mellor escritora do seu tempo, como se exemplificou na presentación.
Mais Rodríguez trasladounos sobre todo o amor por Rosalía, retratándoa ante nós coas palabras dos que a coñeceron, e en todas e todos os presentes medraba aínda máis a imaxe que dela temos. Saímos da presentación co desexo urxente de ler as máis de setecentas páxinas que se nos entregaban, e moitos dos presentes xa o están facendo.
Escritoras. Tantas desde Rosalía. A Carme Kruckenberg podemos escoitala aínda e cómpre que o fagamos. A Luísa Villalta e a Xela Arias só as podemos escoitar xa co corazón.
Lembreinas nestes días de abril, a elas que terían tamén a súa propia idea sobre os debates de hoxe, e dou fe, porque xa a tiñan entón. Elas falaron tamén da necesidade de visibilizarnos.
Visibilizarnos para que o feito de sermos mulleres non nos oculte a nós, nin ás nosas obras. Visibilizarnos para que as nosas ideas e os nosos compromisos non nos oculten por incómodas.
Escoitemos. Atendamos. Son moitas. Están aquí. Que sexan tan visíbeis como corresponde depende de nós, da nosa xenerosidade.
Abril 2011.
Artigo publicado o 25 de abril en A Nosa Terra. |