|
|
|
|
Raizames |
|
Froito desa angueira por recuperar a memoria da que falaba, acaba de ver a luz o libro Memoria de Peitieiros, un conxunto de 58 fotografías, 54 das cales están acompañadas de textos escritos polas veciñas e os veciños da parroquia.
Nesa condición colaborei neste novo volume, desta volta falando da imaxe que aquí reproduzo (cedida pola familia Fontán Loureiro), na que recoñecína ao instante a algúns dos seus protragonistas, motivo polo que escribín este texto que reflexiona sobre as raizames e aos lugares aos que pertencemos.
Primeiro recoñecino a el, inconfundíbel coa súa altura e delgadeza, a súa faciana singular. Entón reparei nelas, no centro da imaxe, as irmás que visten a mesma chaqueta, recoñecíbeis malia os anos pasados, fermosas naquel día soleado en que se xuntaron ao pé dos monecos de millo catro xeracións de veciñanza, para non esquecer aquel momento breve.
O tempo pasou, xa non están aquí, mais queda o retrato cheo de luz de un día de festa, como esas notas que imos deixando polas nosas vidas para non esquecer. E eu? Que me une a elas e a eles? Como é posíbel que recoñeza a persoas coas que non convivín, ou que a penas coñecín uns días? Por que fago miñas as imaxes dese pasado? Se cadra porque bebo a auga do Matalagartos, porque non me importou desoír o refrán e mesturei monte e fonte, porque incorporei ao meu vocabulario palabras como rabaqueta ou follarca, porque fixen miña a lenda das mouras que se peiteaban no río á sombra dos muíños que aínda non derrubara o esquecemento.
Así, alarguei as miñas raizames que, mentres se nutren do salitre do mar en que nacín, profundan na terra rodeando os petoutos ocultos, bolsas de lava petrificada que lle dan nome a un barrio extenso, Peroleira, e permiten que me manteña firme sobre elas, mentres sigo, empeñada en darlle a volta ao mundo.
Nota:
"mesturei monte e fonte", referencia ao dito: non veñan os do monte a correr cos da fonte, que quere dicir que a xente non se mesture e, sobre todo, que non veñan os de fóra a se meter no noso.
|
|
|
|
2 Comentario(s) |
|
1 |
Noraboa por este labor da recupe#blgtk08#ración da memoria e da historia. |
|
|
Comentario por Hermaco (22-01-2011 12:06) |
|
|
2 |
Grazas. É un fermoso labor que lle hai que recoñecer á Comunidade de Montes de Peitieiros, #blgtk08#especialmente a varios integrantes da súa directiva que son os responsábeis deste traballo. |
|
|
Comentario por Acuática (23-01-2011 11:31) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|