|
|
|
|
O Libro das viaxes imaxinarias |
|
 ?Todas as viaxes son un regreso.?
Así comeza O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo, ilustrado por Xosé Cobas.
?... os camiños que emprende o Viaxeiro son vieiros que conducen ao coñecemento e á aprehensión da beleza, que tantas veces hai que rescatar do medio da miseria e do mal.? ?...antes do que nos dá a viaxe... o que se nos está dando é un intre, un anaco de tempo no que temos o privilexio de tomar algo do que non tardaremos en nos desprender.?
Así son todas as viaxes, as realizadas cada día, as que nos levan a outros lugares, distantes ou non, as que imaxinamos, as que emprendemos ao abrir as páxinas dun libro.
Había un ano que o libro agardaba. Chegou a casa despois de asistir á presentación que DoCampo e Cobas nos regalaron aquí mesmo, en Libraida, en Gondomar. E por ese azar caprichoso do tempo e os ollos, non veu ás mans até este mes de xuño, xusto un ano despois.
Lin o libro de vagar e fun anotando todo o que non quería esquecer, como o capítulo XIX: ?Pouco parou o viaxeiro en Adnilo. Os habitantes desta cidade esqueceron totalmente o seu pasado.
?A súa historia, a súa tradición, o que tiñan en común foise nun sopro do vento da desmemoria. Agora descoñecen a razón das cousas... Desde que perderon o pasado non son quen de recoñeceren o presente. Non saben quen son e téñense por ninguén.
?O Viaxeiro viunos e foise ateigado de tristura.?
Cando estaba para rematar o libro, lembrei outro que comezara ler anos atrás, o Atlas do mundo das vivencias, de Louise van Swaaij e Jean Klare, un libro que é verdadeiramente un atlas, mais un atlas que nos mostra lugares como o que ilustra esta anotación: Tensión, un lugar situado nos Montes do Traballo, capital atravesada por unha autoestrada que comunica a Rabia coas Horas Extras e que máis alá lévanos a Atraso e, despois, tomando a estrada do sur, a Reunións, por unha entrada que pasa por Ceca, unida a través dunha pista con Meca. Certamente, coñezo ao detalle eses lugares.
E esta foi a miña viaxe, dos mundos imaxinarios e femininos de DoCampo, inspirados como el mesmo nos di en As cidades invisíbeis de Italo Calvino, ao Mundo das vivencias, que permanecía clausurado baixo unha manta de po e que hoxe abriu de novo as súas páxinas, ás que, con certeza, volverei no futuro, gozando dos seus mapas para compartilos ou discutilos.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|