|
|
|
|
Afogadas |
|
Recollía na anotación anterior un poema de As amantes de Hamlet. Dixen despois nun comentario que este poema forma parte dun conxunto que tiña por obxecto, dentro do poemario, facer dialogar a literatura de tradición oral con outras tradicións literarias, propias ou alleas.
Por iso no libro teñen un papel principal as afogadas, as mulleres vítimas das sociedades humanas ao longo da historia do Planeta, mulleres que non ocuparon o lugar que merecían, porque ese lugar non existe. E pretendín eu crear un espazo literario en que recuperar a súa presenza e o seu legado, esa illa que está do outro lado da noite, esa illa (e si, poden establecerse paralelismos) en que as afogadas volven á vida e ordenan os seus destinos, deixándonos o seu legado.
Por iso a reinterpretación de Ofelia, agora si vista como vítima do maltrato psicolóxico de Hamlet, por iso o amor dunha muller idosa, por iso o sombreiro de Virxinia, a buguina de Alfonsina ou a estrela de Rosalía. Por iso as afogadas, as damas das pozas que descubrín un día nun corredor do IES 1º de marzo, e que memoricei para converter no símbolo da superación, na angueira da construción do propio.
Debeu ser en 1999, mentres facía tempo dei en ler os traballos colocados no corredor do instituto e descubrín unha fermosas lendas das pozas de Mougás, en Oia, que o alumnado recollera para a aula de Sociais. Non sei se tomei nota ou simplemente almacenei na memoria, o caso é que eran un dos elementos que lle faltaba ao meu libro, e entraron nel, xunto coas lavandeiras e as amazonas.
Despois de publicado o libro en 2003, ao longo destes anos falei coa profe, falei con Antonio Reigosa e, ao que parece, o único que queda daquel traballo escolar son estes versos que un día enviei a Galicia encantada para que quedara testemuña daquelas lendas, agora totalmente elaboradas da miña man, mais vivas aínda. Así que esa é unha das partes do libro da que estou máis orgullosa, aínda que hai nel moito máis, oculto e visíbel, luminoso ou escuro.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|