acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

A senhora dos Açores
arquivo Marta DacostaO sete de agosto, hai un ano case exacto, comprei este libro no Centro de Artes e de Ciências, museo construído na antiga fábrica baleeira da Sibil, en Lajes do Pico, ou sexa na mesma illa sobre a que a autora escribe. Lin a contracapa e dixen, vai comigo, preciso deste libro para logo alimentar a memoria deste lugar, tal e como alimentara un día a fame de coñecelo lendo Afectos de alma de Judite Jorge (tamén unha historia da emigración, moi na liña de A Sibila de Bessa Luís), e como me reafirmara no meu apetito con Mulher de Porto Pim, doutro italiano, Tabucci.

Así que lendo A senhora dos Açores, de Romana Petri, quixen volver á illa, recoñecer eses lugares escuros de pedra lávica, como ela di, os misterios. Procurei o mapa para situar debidamente as localidades de Arcos e Cabrito e lembralas mellor. Busquei entre as fotos e atopei esta foto feita entre Ponta Negra e Arcos, e collín tamén a miña memoria física, é dicir, esa pequena libreta que sempre vai comigo, especialmente nas viaxes, e na que vou anotando todo o que quero lembrar, neste pulso constante coa miña contraditoria memoria. Di así: ?Fomos cara a Cachorro e vistamos a súa costa, chea de pedras con formas que parece que se fixeran onte... Continuamos pola costa contemplando as caprichosas formas que tomou a lava cando baixou cara ao mar, nesta illa que é a máis nova, pois só ten 300.000 anos. Neste lugar vistamos o conxunto etnográfico da cultura do vinho, coas parcelas separadas por muros de pedra negra e as viñas abandonadas, algunha a subir polas árbores, mesmo.? Iso foi o día 8, un día despois de me facer con este libro de Romana Petri.

O libro quere ser un retrato sentimental da illa do Pico. Por iso é fundamentalmente un retrato das súas xentes, das mulleres e dos homes que un día emigraron a Canadá, aos Estados Unidos e que, sempre, sempre se doen desa partida, malia os seus fillos americanos xa na fala e no corpo. Romana Petri destila nas súas palabras un profundo desprezo por esa americanización, e o libro vai deseñando ante nós un retrato real e máxico da illa, coas súas cores e formas caprichosas, cos seus habitantes corpóreos e incorpóreos, cos seus diálogos deste mundo e do outro, sen que haxa fronteira ningunha entre o mundo dos vivos e os mortos, ante a verosimilitude de falar cun home-pranta que xa non está, mais que todos coñecen e aprezan, co que todos dialogan.

Foi un retorno diferente á illa, que hoxe me fai lembrar o doloroso impacto que me produciu a visión dos autoclaves en que se cocía a carne e a graxa dos inmensos cachalotes... alí na antiga fábrica da Sibil.

Literatura nutritiva para a memoria e o pensamento.

P.D. Vén a conto citar a Francisco Castro, Xeración perdida, cunha pequena adaptación, porque agosto é así: ?A escitora parece unha supermuller porque é a única individua no mundo que, cando está de vacacións é cando se pon en serio a traballar, é dicir, a escribir.?
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 10-08-2009 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0