|
|
|
|
Publicar ou non |
|
Lendo aquí e alá, dei, a través do Levantador de Minas, cuns interesantes artigos que reflexionaban sobre a necesidade de publicar e as lamentacións dos escritores e as escritoras, por veces máis ou menos narcisistas, máis ou menos pretendidamente malditos.
Entón, volvín reflexionar de novo sobre os paradoxos do (des)equilibrio literario, poñendo argumentos en cada lado dunha balanza que nunca consigo equilibrar. Porque, dalgunha maneira, todas queremos ver o noso texto nalgún tipo de soporte, mesmo quen di que non... Cheguei á conclusión de que precisamos ver o texto publicado, de que devecemos por ver a cara dos lectores, a ser posíbel de satisfacción. Hai en nós a impaciencia de vérmonos recoñecidos, de ser visíbeis... aínda que, ás veces, non deamos reparado nos límites do aceptábel. E é lexítimo, buscar recompensa a tanto esforzo.
A miña opinión sobre algunhas cousas foi mudando, se cadra porque cada vez me debo máis tempo, porque cada vez a paciencia é máis cara, e os días pasan sen que me encontre coas palabras, nin co ritmo necesario para seguir cultivando o que tanto amo. Por iso as reflexións sobre a profesionalidade foron mudando, porque cada vez teño máis necesidade de tempo e máis consciencia de que sen dedicación non é posíbel chegar até a antesala da nosa utopía privada. Mais aínda así considero os límites da profesionalidade, que é o debate seguinte: a conciliación da necesidade e das débedas, como construír o edificio da dignidade e manter a súa estrutura ao longo dos anos. Se é posíbel, e como debemos interpretalo.
Publicado en A Nosa Terra. |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|