|
|
|
|
Resucitar Ofelia |
|
Hai anos que adoptei a decisión poética de resucitar Ofelia. Volvín a ollada sobre esta personaxe que virou para min na imaxe dunha muller maltratada, vítima dese maltrato sutil que é o maltrato psicolóxico, que fixo que unha nena namorada tolease e, tal vez querendo, se tirase a vida.
Shakespeare dános a imaxe dunha nena inocente que se namora dun individuo torturado que, á súa vez, convértese en torturador da rapaza ao facela culpábel dun comportamento que el rexeita e que ela non ten, mais que el lle supón polo simple feito de ser muller. Hamlet odia ás mulleres, é un individuo misóxino que culpabiliza a unha nena, que a presiona e a interroga, que a considera futura culpábel de comportamentos que el acha criminais, e aínda di que a ama.
Millais retratou perfectamente as consecuencias deste maltrato, unha imaxe dunha muller definitivamente quieta, muda, fermosa, tal vez a imaxe que o machismo quixo ter sempre das mulleres, obxectos inanimados que un pode manexar e gozar deles ao seu antollo. E o peor, que moitas veces as vítimas tamén pensan que era, que son, amadas.
Non é doado falar deste pesadelo, por iso elixín a personaxe e busquei o camiño da metáfora e a alegoría. Mais os últimos crimes golpeáronme fortemente, até o punto de ter que apagar o televisor que informaba con detalle da morte da meniña de cinco anos Mariluz. Deste caso arrepíanos a ineficacia da xustiza e o vomitivo proceder dun individuo noxento ao que xa non podemos considerar humano. Mais outro caso que se produce ao mesmo tempo chama a miña atención, e é o asasinato dunha muller de Murcia que foi violada, asasinada e borrada, literalmente. Quen atentou contra dela non só buscou satisfacer o seu comportamento criminal, senón que mesmo tentou borrar a identidade da muller, facela desaparecer queimando o seu corpo e eliminando as súas pegadas dactilares, e isto pareceume unha crueldade maior, unha crueldade sobre outra, unha infamia parella da exercida desde o fascismo contra os pobos e as persoas exterminadas. Os opresores, os asasinos, eran donos da súa vida e da súa morte, prolongaban o seu sufrimento, decidían de que forma horríbel habían morrer e borraban para sempre a súa existencia, no fondo do mar ou nun horrendo listado de números sen nome.
Éme difícil falar deste terrorismo cruel, expresar con idoneidade a miña repulsa absoluta, porque miles de pensamentos pelexan na miña cabeza dándolle voltas a esta tolemia. Penso se é axeitado que os medios de comunicación nos trasladen con exactitude estas atrocidades, se non será peor dar noticia de tanta violencia, porque tal vez xere unha nova violencia. Mais é a solución non informar desta situación? Dicíame alguén un día, nun país afastado, que alí non se informaba das mulleres que eran vítimas do maltrato, mais este existía e as mulleres botaban en falta que aquelas agresións fosen esquivadas polos medios. Pregúntome, como se preguntan hoxe moitas e moitos, que podemos facer para evitar estas situacións, e non sei se lamento que pola miña mente pasen ideas relativas a como controlar, perseguir e reprimir esta crueldade.
E vénme á cabeza a pasada campaña electoral, esa na que os líderes do bipartidismo que nos anula cruzaron palabras sobre terrorismo unha e outra vez, fixeron do tema unha bandeira. Mais, nin eu, nin moitas outras tivemos a percepción de que se adoptaba unha posición tan decidida e comprometida contra do maltrato ás mulleres, sentimos que as mortas non formaban parte das súas mesas de debate, nin das súas propostas máis urxentes, mentres outra muller e outra máis era agredida ou asasinada. E por riba a prohibición sobre o 8 de marzo.
Carraxe, indignación, medo, repulsa, noxo, vómito... Digo de novo que non sei trasladar toda a miña dor e rexeitamento. Por iso decidín un día resucitar Ofelia, tirar da súa man azul, dar calor ao seu corpo afogado, buscar nas súas uñas as probas da covardía asasina, e convencela de que iso non era amor, de que ela non merecía ese trato, de que hai outra forma de amar, de que hai outra forma de vivir, de convivir.
É responsabilidade de todas e todos, unha obriga social tirarmos a Ofelia desa cova de auga, enxoitar as súas roupas e facela respirar de novo por si mesma. É unha tarefa urxente, moi urxente, se cadra, a máis urxente.
30 de marzo de 2008. Artigo publicado no desaparecido www.gznacion.com
|
|
|
|
2 Comentario(s) |
|
1 |
Cheguei a pensar que a violencia destruía... pero arrepioume máis chegar á conclusión de que a Historia edificouse sobre ela... e segue a facelo... é penoso pensar no pouquísimo que ten av#blgtk08#anzado a nosa civilización máis aló do benestar material...
gostoume moito o artigo sobre Roma...
no fondo, ambolos dous nacen da mesma semente... a violencia do poder... |
|
|
Comentario por ekis1331 (01-04-2008 19:38) |
|
|
2 |
É terríbel pensar que hai quen faga da destrución a súa forma de construírse ou que nese ir e vir se enr#blgtk08#iqueza dúas veces: unha ao destruír e outra ao reconstruír. Así se move o mundo, mentres imos morrendo. |
|
|
Comentario por Acuática (01-04-2008 23:58) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|