|
|
|
|
Curros |
|
 Esta quincena falei dos Curros en www.gznacion.com. Do bo e do malo.
A foto e o artigo son sobre o curro de Morgadáns, en Gondomar, que no calendario habitual celébrase o primeiro domingo de xuño.
CURROS
Estes días atrás celebrouse no concello de Gondomar o curro de Morgadáns que fora adiado por mor do mal tempo.
O curro de Morgadáns, como todos os curros, ou rapa das bestas que lles chaman noutros lugares, consiste en recoller os cabalos ceibos e reunilos durante a madrugada para baixalos ao curro na mañá para na tarde apañar un a un, cortarlles as crinas, desinfectalos e, nalgúns casos, marcalos. Hai compravenda de animais, especialmente de poldros, tanto para cría, coma para sacrificio.
Este curro está situado a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar e debe ser un dos máis altos da comarca do Val Miñor e Oia. Localízase nun monte que estriba coa Serra do Galiñeiro e o Aloia e ten unhas condicións orográficas idóneas para esta actividade, pois está situado nunha bagoada, dentro da cal o curro, o recinto pechado de pedra, ocupa a parte inferior e está rodeado de árbores, unha delas un inmenso liquidámbar, que dan sombra impedindo que os cabalos estean expostos ao sol, cuestión que incidiría en incrementar o estrés dos animais.
Din que o curro comezou realizarse nunha zona localizada máis ao sur, a un par de quilómetros de distancia, na aba do monte da Peraguda, xa dentro da parroquia de Peitieiros. De feito ese lugar recibe hoxe en día o nome de Curro Vello. Curiosamente dicía aínda un home, un dos ?aloitadores?, referíndose a un cabalo que destacaba pola súa mansedume: ?este é dos de Peitieiros que son os da mellor raza?... será unha forma de falar para dicir que debía ser un cabalo dos que pacen en Peitieiros.
Os cabalos que se reúnen no curro de Morgadáns esténdense por toda a serra do Galiñeiro e chegan mesmo ás abas de Chan do Cereixo, en Tomiño. Hoxe son cabalos xeneticamente moi mesturados, precisamente os cabalos que puidemos ver este domingo eran cabalos de grande porte, altos, robustos, de cores diversas, entre eles cabalos brancos, grises, negros... Se cadra algún destes cabalos podería ter aínda unha predominancia de trazos xenéticos da raza galega, mais aparentemente víanse moi mesturados. En calquera caso eran fermosos cabalos.
Con todos estes ingredientes unha pode gozar da actividade e pasar unha tarde en contacto coa natureza. Mais hai un lado escuro, unha situación a erradicar, hai que realizar un labor de concienciación para desterrar dos curros os comportamentos violentos e agresivos cos animais. Desde a parte superior da bagoada pode comprobarse como hai homes que con tranquilidade e sen violencia apañan os cabalos, sempre con corda, e lévanos cara a fóra. A paciencia destes individuos é perceptíbel en que son quen de dar voltas e voltas ao redor do cabalo até apañalo, non levan vara na man e, cando teñen que marcalos, fano dunha soa vez e sen tentar chegar ao óso. Son as mesmas persoas que conseguen cortar as crinas á primeira e mesmo tirarlle a corda á besta coa propia man, pois o cabalo, que estando nunha situación moi violenta para el, non se sente agredido, deixa que se lle achegue o home.
Mais hai individuos que co pao na man pasan a maior parte da tarde berrando e mallando nos cabalos, son os mesmos que no marcado prenderlle lume no pelo e, incapaces de acertar á primeira, impóñenlle o ferro unha e outra vez. O público protesta e o cabalo retórcese de dor até se deixar caer derrubado no chan, unha estampa pola que sairía correndo do curro. Considero que estes individuos actúan así por medo, porque consideran que o cabalo é unha besta insensíbel que os vai atacar, cando o cabalo é o primeiro en asustarse, cun medo nos ollos que medra cos berros e os paos. Cumpriría dicirlles a estes homes que non precisan ter medo dos cabalos, si respecto, mais que mallando neles só van conseguir asustalos máis e dificultar o traballo que queren realizar.
Nos últimos anos vense mulleres nos curros, en Morgadáns había unha, celebro a circunstancia, mais celébroa especialmente porque aquela moza non só non lle bateu a ningún animal, senón que chegou acariñalos e os cabalos que ela conducía mostrábanse tan tranquilos que eran quen de pacer por entre o medio das persoas. Se cadra é un exemplo a seguir.
Para min, que amo o mantemento das nosas tradicións, os curros son actividades de grande interese, actividades ás que aínda se lles podería tirar máis rendemento procedendo a un estudo de todos os cabalos do monte, investigando na nosa raza galega e na súa mestura con outra razas, traballando para a boa saúde deste gando. Mais tamén amo os animais e a natureza e por iso defendo que actividades coma estas deben levarse a cabo procurando a menor incidencia entre os animais, minimizando ou eliminando todos os factores que contribúan ao seu estrés e tratándoos como o que son, seres vivos que comparten con nós esta terra, seres que teñen os seus propios sentimentos, dereitos e, por que non dicilo, cultura.
En todo caso, quedo coa imaxe dos poldros respostando á chamada da súa nai, pois son quen de se recoñecer cando rinchan, ou co comportamento dunha fermosa egua branca que volveu atrás na procura do seu poldriño canela de estrela na testa, lambéndoo e cheirándoo, nunha actitude como de preguntarlle como se atopaba e que andara lixeiro, monte arriba, cara aos prados de herba fresca e lonxe daquel lugar.
Gondomar, 18 de xullo de 2007.
|
|
|
|
2 Comentario(s) |
|
|
|
2 |
A pesar de ser acuática, vese que é capaz de comprender aos animais terrestre#blgtk08#s. Ou será que entre os terrestres e os acuáticos hai ben pouca diferencia?. |
|
|
Comentario por Hermaco (02-08-2007 20:21) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|