|
|
|
|
As horas de María |
|
 Esta fin de semana lin As horas de María, de Paco Souto. E recomendo este libro, magnífico, que foi o merecedor do X premio de poesía Johán Carballeira. O libro está ilustrado cos manuscritos esborranchados polo propio Paco, o que trae á miña memoria a vella empresa das carpetas manufacturadas de Edicións do Dragón.
Poesía breve, intensa e densa, que nos aproxima da historia de noso, da historia das avoas que sostiveron o mundo, que nos trouxeron até aquí e que nos fan máis dignos, máis dignas, cando as lembramos e admiramos.
A foto non é moi boa e xa ten uns anos, Paco Souto, Yolanda Castaño, Teresa Seara, David Nel.lo e eu mesma experimentando a noite de Lekeitio, nun Galeusca de xa non sei que ano.
Déixovos este poema para ir abrindo boca, se aínda non lestes o que tedes que ler:
PARTO
Resopra
Fol de lume
Seu corpo acendido
Hai só unha hora
Andaba María enorme nas agras
Sachando as patacas
Agora é unha balea varada na praia
Unha egua espantada
Un furacán de desexos
E de augas
Pola boca das pernas
Miña nai asoma a cabeza |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|