Neste mes que remata quixen reflexionar sobre o que considero que é un obxectivo do sistema: invisibilizar a loita feminista e a determinadas organizacións que a sustentan.
Marzo, mes de celebración e morte
Sabiamos desde hai semanas que deramos un paso substancial na loita feminista. A nosa ousadía ao convocar unha folga o día 8 de marzo, provocou tal cantidade de información e desinformación, que se puxo de manifesto que xa estabamos a avanzar e que acertáramos na decisión adoptada.
O 4 de marzo demostrou que, efectivamente, ese era o camiño. Galegas e galegos tomamos as rúas de Vigo, anunciando o colapso que se volvería producir o día 8. A mobilización foi de tal magnitude que houbo quen estivo lixeiro en apropiarse do éxito e non dubidou en asimilalo falando de ensaio da mobilización estatal, incapaz de aceptar que haxa unha nación que pode darlle leccións de mobilizacións ao resto da Península, até tal punto o centralismo é unha enfermidade que produce cegueira en quen a padece (cómpre dicir aquí que Galiza ten sido exemplar en moitas mobilizacións desde hai varios anos, mais é algo que non transcende a todos os medios, porque Galiza, xa sabedes, non está no centro e recoñecer a capacidade de mobilización de galegas e galegos significa recoñecer a capacidade de mobilización do nacionalismo).
Así que o día 8 comezou cambiar o discurso dos que procuraron durante semanas desinformar, negar e desprezar a nosa capacidade de mobilización. Presidentes houbo que a piques estiveron de declararse feministas.
Todas estas cínicas torpezas o que nos permiten é comprobar a importancia da mobilización realizada.
O día 9 Marcela Lagarde dicía que comezara o século das mulleres: ?ver? familias de até tres xeracións baixo a mesma pancarta e as mesmas esixencias é un triunfo do movemento que marca un punto de inflexión?, e engadía: ?O feminismo xa non é unha cuestión de tres ou catro, senón que conseguimos que se converta nun movemento global, o que o fai absolutamente imparábel? a partir de agora toca seguir traballando, mais agora resultará máis ?sinxelo?.
Eu non comparto este entusiasmo, creo que avanzamos, mais nesta, como noutras tarefas, imos ao paso de Penélope: un paso adiante e outro atrás, dixo o poeta.
Xusto unha semana despois do 8 de marzo asasinaban a Marielle Franco no Rio de Janeiro. Como interpretamos a sucesión destes dous feitos?
...
Continuar lendo en Terra e tempo. |