|
|
|
|
Atesourando a palabra |
|
O 11 de novembro lembramos a Paco Souto no Teatro Colón da Coruña.
Na súa memoria escribín este poema que resume o que sinto.
Ao poeta de amar non ten laranxas
cada vez que cruzo aquel camiño
volve a imaxe das laranxas
desbocadas coma un río
caendo en fervenza contra o chan
as laranxas rodando
galgando
dis
tan
cias
até chegar ao río
até arribar ao mar
talvez
laranxas extraviadas baixo das abeleiras
desembocando exhaustas entre as dunas
e as humildes laranxas que naceron no bordo do camiño
as laranxas que a dona deixou ir
desprezando a súa carne agre
ocupan a memoria e chaman
a lembranza do poeta
entón imaxino o home alto que foi
cos cabelos crechos e revoltos
termando do froito até o trincar
agarrar contra a lingua a súa carne
e deixar escorrer pola man e o pescozo
a auga que era zume, froita
terra para ser devorada
terra para chantarnos profundos e sentir
para sermos
é verdade que ás veces
o lume nos devora
mais a terra volve aleitarnos
no desexo de virarnos árbores que a suxeiten
cinza ou po que a fagan fértil
esperanza
a esperanza
de que nas laranxas que caian este ano
veña unha gota da túa voz, unha palabra
que enraíce aquí
neste lugar que nunca definimos e sempre reclamamos
aquí
neste lugar en que gardamos
a memoria
as promesas
a esperanza
o amor
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|