O día 30 de novembro participei no recital de
Homenaxe ao poeta
Miguel González Garcés que organiza Cultura da Deputación da Coruña.
Foi unha honra participar desta volta e ter recibido daquela (1995) o premio.
Dixen alí que estou agradecida de que existan certames que visibilicen a poesía e dean nova vida aos poetas que os nomean. Dixen que estaba agradecida ás institucións que así o fan, aínda que considero que é a súa obriga, mais xa sabemos, que non sempre a asumen. Así que parabéns a quen, coma neste caso, si o fai.
Lembro moitas cousas deste premio. Lembro a conversa con Xabier Baixeras, membro do xurado,sobre o libro. Lembro que o día da recepción (na imaxe de arriba) estaba inqueda porque non estaba co meu bebé, este ser marabilloso que se xestaba en min mentres escribía os poemas do libro e que é o primeiro nome que aparece nel.
Sei que a primeira reacción provócaa o título:
Pel de ameixa, un título que ten a súa interpretación única no poema co que se abre o libro: "Nesta pel de ameixa que me cobre ..." e noutro, o terceiro poema de Setembro, o que fala da ameixeira ao pé da casa, árbore real que foi orixe da imaxe ambivalente. Cóntame Foxo que Manuel María que gustaba do libro, consideraba que o título non era acertado, mais que acabaron entendendo o seu por que.
Curiosidades que rodean a vida dos libros, coma que nesta data en que celebramos a homenaxe do centenario de Garcés, este penúltimo poema do libro que aparece na imaxe teña nova actualidade.
No acto lin o poema "Non magoe", do libro
As faíscas do soño. Del di Eduardo Moreiras: "
a súa poesía vai da sombra ao cintileo, da lama escura orixinaria á pergunta desesperada que lle dá vida. "Lama no niño que de luz creímos", di no poema "Non magoe a azucena os meus ouvidos".