|
|
|
|
necesario |
|
Ás veces escribir é como respirar, necesario.
Os días acaban pesando coma o chumbo, a forza de impoñer o seu ritmo sobrenatural, e non hai oco posíbel para a palabra escrita. Entón imponse unha tregua, unha folga, romper os reloxos e abrir un biombo coma un muro que oculte todas as tarefas sempre urxentes para poder coller aire.
Entón, mergullas nas palabras. Palabras coma a auga e o xabón que enchen a bañeira. Mergullas e sentes a calor líquida a destensar os músculos. Aboias deixando que o aroma das palabras penetre nos pulmóns, no corpo todo.
Ás veces escribir é como alimentarse, necesario.
E así descobres as cores das palabras: douradas coma as laranxas agres e doces de grosa tona, verdes coma as ervilles que agardan na súa vaina de auga, vermellas comas os tomates inzados de sementes.
Cores para alimentar iso que non é corpo e sobre o que nos sostemos nese túnel que é a rutina dos días que nunca acaba.
trece de marzo de 2016
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|