O 26 de xaneiro saía á luz a escoberta de 2.000 documentos inéditos de Pessoa, algo que me fixo volver a unha reflexión que garde desde hai anos e que me impulsou a escribir este artigo:
A propósito de textos descubertos
Onte saltaba a nova da descuberta duns dous mil documentos de Fernando Pessoa, dous mil documentos! E volvín facerme as mesmas preguntas de sempre.
Cada vez que se descobre ou usa un texto que o autor ou a autora, falecidos xa, deixaron sen publicar, volvo ao mesmo, volvo lembrar a Rosalía de Castro mandando queimar os textos que quedaban. Por que? Por que eliminar o que queda e xa non estará na man da autora? por que non facelo?. Até que punto poden ou deben ser publicados eses textos se, en vida, a autora non os destinou a ser publicados, con que autoridade actúa a descendencia?. E preciso, os textos que o autor, a autora non destinou a ser publicados, que mantivo, voluntariamente, no ámbito privado.
Despois lembro a mercantilización das lembranzas, esas poxas millonarias en que os sentimentos do autor, da persoa por tanto, quedan expostos, como aquela carta de Joyce á súa muller, o erotismo cuantificado: 210.000 ? en 2004. Esa anécdota fíxome reflexionar, escribir sobre os textos creados para non ser publicados (si, ás veces escribimos sen que o destino da escrita sexa a publicación), alguén tentará editalos un día?
Hai semanas lía a introdución que Marcela Nogueira (sobriña de Pessoa) fai ao libro Cartas de amor de Ofélia a Fernando Pessoa. Comeza lembrando a reacción da súa nai, Teca, a irmá de Pessoa que se carteou co seu biógrafo Hubert Jennings, ante a publicación das Cartas de Amor de Fernando Pessoa pola familia de Ofélia en 1978: ?como é possível publicá-las sem que a familia de Fernando Pessoa seja ouvida??. Unha reflexión que lle serve ao mesmo tempo para xustificar a publicación das cartas de Ofelia, pois parte da base de que tarde ou cedo se publicarán, e prefere estar implicada nesa publicación.
Mais a pregunta permanece. Querería o autor, a autora que eses textos visen a luz?
Non o saberemos máis.
Con todo, algún dos poemas de Pessoa que permanecían ocultos nesa caixa abandonada nun garaxe, prenden novas luces sobre o poeta.
En calquera caso, é outra forma de vivir, de ser inmortal na memoria das lectoras e dos lectores, ansiosos sempre de alimentar a nosa imaxinación.
Artigo publicado en Sermos Galiza, xaneiro 2016.
Poema: "Galería de arte" (2004), sobre a poxa dunha carta de Joyce:
Poxar cartas de amor.
Vender
a sensualidade aniñada nas liñas
das palabras ousadas
con que te convoquei
desde o silencio da carta deslizada
entre as páxinas dun libro.
Esas cartas de amor,
tímidas e procaces,
esa caligrafía inclinada
que debo repetir para que ti entendas,
expresión do meu ser torturado e atento.
As cartas que escribín,
as que vou escribirche
mentres ti non me miras,
mentres eu te contemplo,
espío o teu corpo e os teus ollos,
imaxino que rozo a túa pel escura,
a peluxe que envolve o teu peito.
As cartas que eu escriba,
as que de ti reciba,
estarán entre as páxinas dos libros que gardamos,
sen prezo, nin asedio,
seguras e perdidas.
|