|
|
|
|
Cruzando versos |
|
?Dóeme a terra
porque a levo dentro?
Días atrás, Verónica Martínez Delgado envioume unha imaxe en que Carla e Nicolás, de cinco anos, xunto coa súa profe, pintaban un verso de meu na entrada do Mercado de Ribadeo. Un verso, unha casa e unha flor. Foi por mor da fermosa iniciativa, "Cruzando versos", que se está a desenvolver no Concello de Ribadeo e que a poeta Verónica Martínez Delgado coordina. Grazas inmensas.
É un pracer verse así, convertida en verso pintado nas rúas. Saber que eran tan pequenas as mans que o realizaron. Estar na entrada do mercado. Recibir a quen chega.
Que pensará quen atravese os versos?
O poema pertence a Pel de ameixa (1995) e di así:
Dóeme a terra
porque a levo dentro.
No oco dos osos teño terra negra
e landras de carballo.
Dóeme a terra da alma,
as vísceras, os cogomelos dos ollos
nos outonos perennes,
cando son lebre amedrentada.
A terra da carne dóeme
e as árbores que levo nas entrañas.
Foto: imaxe superior de Verónica Martínez Delgado, inferior do blog ?El toupo que fuza?
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|