
Moncho Boán propúxome levar á nosa lingua algúns versos de poetas saharauís, para incluír nun caderno do Sermos Galiza. Foi así como preparei unha pequena escolma de oito voces, un pouco a cegas, mais procurando que o resultado fose o máis polifónico posíbel. E polo que o Moncho Boán consultou despois nos propios Campos de Refuxiados do Sáhara, parece que non errei de todo na selección.
Dicía eu na introdución que preparei e que non puiden evitar que fose algo ?densa? (como dicir moitas cousas en pouco espazo?): ?O conflito do Sáhara está presente nas súas poéticas, mesmo cando estas son profundamente intimistas?. Talvez por iso elixín un breve poema para pechar a selección, un poema de Nanna Labat Rachid:
Saúdos Zammur
Bailamos a pesar das feridas
e o teu saúdo acariña as miñas meixelas
e os abrazos rescátanme da miña febre.
Esta autora, é xustamente unha das que se expresa na lingua propia das xentes do Sáhara: hasanía, e en árabe. Así que accedemos á súa obra a través do francés.
No ano 2008, a editorial L?Harmattan de París publica o libro A pluma prisioneira. No prefacio podemos ler estas palabras de Georges Jean: ?Esta maneira de ver a realidade que emana dos novos creadores, dá lugar a unha innovación literaria que se desmarca das habituais creacións relacionadas coa vida nómada autárquica, para tratar a cuestión da liberdade política e a invención dunha creatividade propia do mundo moderno.?
Nese libro podemos ler este poema:
O día do meu aniversario
coincide coa invasión marroquí
do Sahara Occidental?
E a miña vida está consagrada ao servizo
do meu país espoliado.
Traducir poesía é para min unha forma de aprendizaxe: de poéticas distantes que non só agrandan o noso coñecemento, senón que mesmo nos permiten achegarnos á nosa literatura con maior obxectividade, e da propia lingua, por máis que non queira distanciarme do texto orixinal.
Por iso procuro, de cando en vez, realizar exercicios de tradución. A pesar dos erros que cometo. Disculpádemos.
|