 Onte, Día de Rosalía, publicouse na web da Fundación da escritora o libro dixital que Suso Díaz, un dos artífices de As escollas electivas, promoveu durante o ano pasado: dialogar coas estrofas de Cantares Gallegos
Primeiro quero deixar constancia do meu agradecemento á súa iniciativa e darlle os parabéns polo magnífico resultado. E segundo quero dicir que para min foi especialmente difícil este reto, moi, moi difícil. O resultado, como diría Rosalía: ? Non me espriquéi cal quixera/ pois son de espricansa pouca;/ si grasia en cantar non teño/ o amor da patria me afoga?.
Velaquí o poema que dei escrito para dialogar coa estrofa de Rosalía:
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n?é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que nacéu desdichado.
Malpocada
dona só do seu traballo
das horas e da suor
da roupa por remendar
do lavadoiro, o clareo
do xabón e da auga fría
dona só do seu traballo
por un salario vendido
por un contrato precario
que non contén nin palabra
dos insultos, das mentiras
nin das horas non cobradas
nin do receo ou a náusea
cristais contra o ventre irto
para que sen dar aviso
a porta xa non se abra
nin xornada, nin salario
unha axuda miserábel
expulsada da túa casa
condenada a mendigar
até un anaco de pan
Mais son probe e, malpecado,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.
e agora que nada teño
e que nada xa me ampara
unha gadaña tomara
para xustiza lles dar
aos que nos queren quitar
os dereitos, a esperanza
o acougo, a dignidade
a memoria e até a vida
pois todo debe cambiar
outro futuro ha chegar!
Marzo 2014.
O libro pode descargarse aquí: http://rosaliadecastro.org/wp-content/uploads/2015/02/150_Cantares_para_Rosalia-OK.pdf |