acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

A calor da lingua

A cousa foi que tiña que enviar un artigo para a contraportada do Sermos Galiza, para a sección que se edita semana a semana en colaboración coa AELG. E sentín que non ía ser quen, pois non tivera un minuto para pensar. E cando máis preocupada estaba atopei a punta do nobelo, e as palabras comezaron a fluír. Foi así como escribín este texto, o mesmo domingo 8 de febreiro:

A calor da lingua

Este día 8 percorremos con Queremos Galego as rúas de Compostela, a capital dos noso devezos á que quería ir Novoneira desde o Courel pisando terra liberada. 8 de febreiro que é o día en que, cento oitenta anos antes, naceu Pondal, o construtor dunha poesía épica que alimentaba a nación. Outro espírito ousado que creou unha obra literaria para manter a lingua viva e vizosa e enaltecela, como diría antes de partir: " déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro".

Esta idea de reelaboración da lingua, que deixa de ser barro para se converter en ánfora ou vasilla que nos conteña, está presente noutros autores de noso. Así na preocupación de Victoriano Taibo que se consideraba unha "avella escura do cortizo da Terra" porque temía que os seus versos non tivesen o celme necesario, malia deixar todo o que tiña neles. Ou Manuel María, que nunha sorte de homenaxe á nai que lle legou o idioma, como unha sinécdoque que representase a todo o pobo, declara: "... quero voltarche /aquelas verbas doces como o mel /que deprendín dos teus beizos."

E talvez sexa esta a preocupación constante de quen escribe, devolverlle ao pobo unha lingua rica e prezada como un tesouro. Por iso a ansia da paixón da escrita, malia a insatisfacción permanente ante o traballo feito, aqueles versos de Rosalía "Cantei como mal sabía /dándolle reviravoltas". Unha ansia que nos empurra a sermos canteiras que baten na pedra arreo, dando forma aos perpiaños cos que erguer a casa de noso en que nos manteñamos nós, á calor da lingua.


8 de febreiro de 2015.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 16-02-2015 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0