|
|
|
|
Entrevista para o blog Galego en Cork |
|
Despois da estadía en Cork, a lectora de galego Laura Liñares fíxome esta entevista para o blog Galego en Cork.
Agora compártoa con vós, e aproveito para agradecer o traballo de persoas como Martín Veiga e Laura Liñares na difusión do noso idioma alén das nosas fronteiras.
Pregunta: Harkaitz Cano falounos do decálogo do escritor vasco. Poderías comentarnos un par de cousas que poderían valer para comezar a crear o decálogo do escritor galego?
Eran moitos os puntos tocados no decálogo de Harkaitz Cano que teñen a ver coa realidade actual da escritora e do escritor galegos.
En canto a que dous puntos sinalaría eu para comezarmos construír ese decálogo, diría os seguintes:
1.- A escritora, o escritor galegos son escritores en dobre xornada. Como a maior parte dos escritores do mundo deben compatibilizar a súa xornada literaria (calquera que esta sexa, diaria, sistemática, discontinua, ocasional) co desenvolvemento da súa actividade profesional. Isto, que por un lado limita a capacidade de produción literaria en tanto en canto a escritora non pode botar man de todas as horas que precisa para crear a obra que desexa, podemos considerar que enriquece esa obra ao fornecerlle á escritora e ao escritor unha experiencia literaturizábel e darlle a liberdade de non se ver sometido á presión de depender economicamente de que o que escribe sexa aceptado ou non, cando se ofrece para ser publicado. Mais a contrapartida é que esta situación non é unha opción, senón a única posíbel. Mais este xa é outro tema.
2.- Galegas e galegos que escribimos sentimos ante o papel en branco unha dobre responsabilidade: a de crear unha obra literaria que sexa atractiva para a lectora e o lector, pois iso é a literatura á fin e ao cabo, e a través dela seguir construíndo a casa nosa do idioma, facéndoa a cada pouco máis grande para acoller nela a novos falantes que prendan na lingua a través das palabras que enfiamos, mentres mantemos con nós a todos e todas os que xa a levan canda si. |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|