acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

A livraria Esperança do Funchal
No ano 2004 descubría na illa da Madeira a libraría Esperança. Copio hoxe, dez anos despois, o artigo que no mes de novembro se publicou no semanario A Nosa Terra e que falaba daquela...

Descuberta

Deixáramos atrás o mercado de Lavradores, o gran mercado de Funchal en que os sentidos se renden ante a exuberancia das cores e os aromas. No andar baixo o sável preto ou branco, o alfonsinho, os enormes atúns, no terceiro andar o exotismo das froitas, os rebuçados e as plantas aromáticas.

Ebrios comezamos o ascenso, a subida da rúa que nos levou á Praça do Município, íamos á procura da letra impresa, cegados polo desexo da palabra, e aquela praça foi o engado perfecto, unha chaira na vertical da illa, un pequeno café en que preguntar o enderezo dunha librería (só librería). A fortuna conduciunos rúa arriba e case por azar, chegamos á Livraria Esperança.

Tras unha porta pequena que non servía de reclamo comercial entramos por un estreito corredor que nos desembocou no medio dunha sala abovedada. Fóra unha rúa calquera, empinada e pouco transitada, dentro, primeiro o corredor escuro, pouco prometedor, estreito.

Mais ante nós xurdiu a descuberta, a vitoria do incríbel. De novo a mesma exuberancia, o trunfo absoluto da cor, o espectáculo de miles e miles de libros ... os tabiques, os teitos eran de libros. A procura era tridimensional, o tesouro podía estar en calquera lugar, perfectamente colocado sobre o andel, a un lado do estreito corredor pechado por outro andel, e outro, e outro e moitos máis. Todos os libros mostrando plenamente a súa capa, a cor, a tipografía, o deseño, perfectamente ordenados. Os libros estaban en todas partes, os andeis non chegaban, nas paredes, suxeitos con pinzas metálicas ocupaban todo o espazo posíbel. Tamén no teito. Si, pendurados de paredes e do teito, formando un inmenso edificio de papel. Unha librería edificada sobre o propios libros

Descubrín que a Livraria Esperança é unha librería de fondos, é dicir, todas as obras escritas en lingua portuguesa e que se distribúan en Portugal están alí, cada vez que un libro falta é reposto, até esgotar a edición.

Foi fundada en 1886 por Jacinto Figueira de Sousa e foi o primeiro estabelecemento da Madeira a vender exclusivamente libros. Jacinto Figueira era un home de ideas avanzadas, tamén fundou unha compañía eléctrica madeirense (competindo cos ingleses) ou creou unha compañía teatral e unha linotipia en que imprimía os seus propios libros.

Eis a nosa descuberta, un regalo para os sentidos e o intelecto digno de figurar en todas e cada unha das guías da Madeira, lugar de visita obrigada para os amantes da palabra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 15-07-2014 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0