|
|
|
|
Falándolle a Xela |
|
fálame do equilibrio
agora que non estás
desde a intocábel distancia
da morte
como acadar
o centro da ingravidez
e ignorar o desalento
tal vez coñezas a fórmula
da paz
os seus contornos ásperos
non me importaría tremer
ante o abecedario
se as túas palabras nacen
e deseñan para min
o alento cálido e lento
co que termar das horas
e poñer proa ao pánico
mentres o tempo avanza
cara ao inverno
Escribín este poema o 30 de setembro do ano 2008 (máis tarde formaría parte do libro Acuiática alma). Gardo a memoria do lugar en que estaba, sentada no meu coche, de libreta na man agarrando aquel instante, en Goián. Sei que tiña a Xela na memoria. Que mentres escribía, era con ela con quen dialogaba.
Lembrei onte este poema, na súa casa, rodeada dos seus. Agora déixoo aquí, como pretexto para dicir que hoxe, en tempo de entroido como cando naceu, cumpriría 52 anos.
A imaxe, foi feita por Lois Arias, en Oia, en 2003.
O vindeiro 11 de marzo a AELG organiza unha homenaxe a Xela Arias en Vigo, ás 19:00 horas no IES Álvaro Cunqueiro. |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|