acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez
Velaquí o texto que preparei para a

Presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón

EOI de Vigo, 16 de decembro de 2013

Un día do outono de 2012 Carlos Callón chamoume para me dicir que me deixaba un exemplar do seu Como falar... no local da CIG en Compostela. Eu fiquei sorprendida polo agasallo, mais aínda me sorprendín máis cando me dixo que me citaba no libro. Quedei intrigada pois non me teño eu, neofalante viguesa, por un modelo de corrección lingüística, máis alá do meu afán de saber e mellorar a miña lingua como for.

Así que, unha vez que recollín o libro procurei o motivo de me citar nel e levei outra grande sorpresa. Carlos recollían unha anotación do meu caderno na rede, unha desas que etiqueto como ?cousas da lingua? e na que daba conta do uso sintáctico do verbo gustar. Servía para exemplificar que este verbo en galego, igual ca no portugués, ten tamén réxime preposicional, e polo tanto tan correcto como dicir gústame o galego é dicir gusto do galego, tal e como di a Tía Rosa, unha tía por afinidade que vive na parroquia de Vilasobroso, en Mondariz.

Vaia, a Tía Rosa non sabe que a citan nun libro, aínda máis, un libro que fala da corrección na escrita e na fala. E tampouco sabe que eu sigo anotando todo canto sae da súa boca e a min me parece curioso. Porque cando estou con ela, en moitas ocasións acabo por tirar de libreta e comezo anotar palabras que non sabemos, como butefa, para as cabazas, ou aínda estes días porco lañés, para os que habitualmente denominamos porcos celtas. E deixádeme que aproveite a presentación deste libro, para recomedarvos que tamén vós levedes a vosa libretiña e tiredes dela neses momentos en que persoas de idade regálannos palabras que non usamos diariamente, e que cómpre anotar para que sigan vivas, como as bolachas de que Callón fala neste mesmo libro.

Nese mesmo outono de 2012 un día, pola curiosidade do título, abrín xustamente por ?as bolachas e o pobo? e comecei ler. Cando me dei conta ía varias páxinas máis adiante, e xa lera sobre a colocación do pronome ou as sete vocais do galego. E é que o libro engancha, quen o diría, non? Que un libro que sen chamarse gramática, nin estruturarse nos clásicos capítulos de semántica, fonética, morfoloxía e sintaxe, xustamente vai repasándoos todos ao falarnos das palabras perdidas e inventadas, de como se xuntan as vocais cando falamos e o galego cerrado (moi común entre as/os filólogas/os, por certo) das diferenzas entre cantara e cantase e mesmo da construción de gustar con suplemento, como pode enganchar? Porque se fai de maneira amena e, por veces, até divertida. E, sen saber se a Carlos Callón lle parece ben, para min o seu libro é: unha gramática divertida.

O caso é que lin o libro de cabo a rabo, aínda que xa me sabía todos os puntos dos que vai tratando. Ben, todos non que algunhas cousas tamén aprendín eu, por suposto, que nin o sei todo, nin lembro a totalidade do que aprendín.

Cando o inverno ía rematando atopeime un día coa escritora e profesora Marga do Val. Marga carrexaba sobre o brazo varios libros. O que estaba por riba de todos era Como falar... E puxémonos falar del. Marga recomendárallo ao seu alumnado de Bacharelato e pareceume un grande acerto, pois é unha lectura axeitada para eles. Entón anotei para min que en canto volva ás aulas e teña alumnado de bacharelato farei outro tanto.
Este persoal percorrido a través do libro de Carlos Callón quería pór de manifesto o que pensei o primeiro día que me puxen a lelo: estamos ante un acerto, o acerto de tratar temas que adoitamos dicir que nos aborrecen de xeito atractivo e así aprendermos máis sobre o noso idioma propio animándonos a que sexa o idioma en que vivimos.

O libro ábrese cunha afirmación rotunda e certa: sabemos máis galego do que pensamos, pois claro que si. As que somos neofalantes temos comprobado en persoa esta afirmación de Pilar García Negro, unha realidade que é como o trampolín desde o que lanzarnos á piscina do idioma, sen medo e sen pausa, aprendendo cada día un pouco máis.

Carlos Callón remata este capítulo 0 que serve de introdución ao libro falando da importancia de coidarmos a linga e sermos esixentes coa nosa fala e a nosa escrita. E así debe ser, pensemos que así actuamos en xeral na nosa vida, procurando facer ben as cousas: no ámbito laboral, no doméstico, esixíndonos cada día máis a nós mesmas. Por que non ser igualmente esixentes no plano do idioma? Debemos selo e podemos selo, hoxe temos nas mans unha ferramenta para acadar ese obxectivo, acheguémonos á súa lectura e atoparemos exemplos prácticos de moita utilidade para mellorarmos os nosos usos lingüísticos.

Se aínda non o lestes, non sei a que agardades, estades tardando.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 26-12-2013 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0