|
|
|
|
Argola |
|
Argola está impreso e á venda.
Sae á luz grazas a que foi merecedor do I premio de poesía O Figurante, xunto co libro de Eli Ríos, María.
Publícao, loxicamente, O Figurante Edicións e o deseño da portada é de Tokio, Alfredo López.
Eu, claro, estou encantada. Así que deixo aquí o primeiro poema, o adro deste libro para que o vaiades coñecendo un pouco máis.
RELEDES o pasado
e cómplices aceptades a mentira
a ocultación de todo o que legamos
dos usos que non puideron derrubar
enraizados na base da vida
nos piares das casas en pé
traduciron ao seu xeito a nosa herdanza
escribiron ao seu modo esta memoria
apropiáronse do que os reforzaba
e fixeron de nós inspiración divina
ferramenta útil para a alienación dos corpos
e así refixeron as noites sen rubor
envolvendo no mesmo relato concupiscente
as horas da vida e o desexo
co insán obxectivo da condena
colgando da historia o sambenito da impudicia
castigando para sempre a carne perfumada
aniquilando a liberdade
construíndo unhas novas argolas
escravos para sempre e por vontade
por amor ao seu único deus
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|