|
|
|
|
Humildade |
|

Poema publicado na Revista Incomunidade, Edición 17, de novembro de 2013:
humildade
escoita o gurgullar do teu sangue
veloz ou calmo
baixa polos brazos e chega até os máis finos capilares dos dedos
permite que sintas a forma das teclas
que adiviñes a silueta que nelas aparece
que os dedos que non ven
maxicamente acerten coa letra exacta
para darlle forma a isto que estás pensando
considera que un día a calor ou a luz
un lugar, algo que faltaba
tantas cousas que sobraron
moldearon a forma que hoxe te condena
a erguida costa do bípede
tan pesada para a articulación sacroilíaca
e medraches pensando que eras a etapa final
o éxito agardado despois do caos
non
só es outro elo da engrenaxe
podías non ser un ser bípede
ou erguido
podías carecer de extremidades motoras
desa asimétrica recubrición pilosa
manterías o orgullo da especie
esa superioridade vaidosa se camiñases sobre membranas
ou das túas costas nacesen aletas escamosas?
como sería o teu xesto corporal
apoiada nun rabo que te sostivese sen te sentares?
imaxinas acaso como contemplarías as persoas que desexas
se os teus ollos se colocasen a cada lado
dun cranio dividido por un peteiro de rapina?
e por que non
por que non iamos ser tamén a alma que movese
os tentáculos e os brazos cefalopódicos
entre os que cuspir diplomaticamente borra?
escóitate
es sangue que circula
unha articulación que se inflama
ollos que se irritan febrís
a dificultade de respirar
a escordadura
inclinación antinatural
ao fin
unha malformación máis
que soubo adaptarse
que colonizou o espazo
que loita contra o tempo
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|