acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

De rabaquetas, calacús e cidras

Nunca para unha de aprender. E no meu caso, se o que aprendo é a nosa lingua, síntome, como dicilo, máis rica, aínda que non saia en listaxes desas que se publican por aí. E non me importa, que a miña fortuna é ben máis grande e inesgotábel, allea á evolución da bolsa e outros pormenores ou pormaiores.

Nesta fortuna miña, hai elementos de especial valor, palabras que non sabemos de onde veñen e que de raras que son pensamos que existían antes do propio Imperio Romano e a súa lingua. Palabras que ao dar a volta ao camiño vén un amigo que non as coñece e que usa outras diferentes e intercambiando as nosas riquezas podemos pasar o día, ou a vida. Palabras que dan nome a cousas que existiron sempre e que talvez sexan a memoria do que somos desde a orixe dos tempos.

Foi o caso que o outro día deunos por falar das cabazas. Ese vexetal que pertence ao xénero Cucúrbita e que recibe tan diferentes nomes. No Val Miñor son RABAQUETAS e en Mondariz BUTEFAS. Pensaba eu que estas palabriñas quedaban nesas lindes xeográfica, e non, estaba enganada.

Resulta que en Coruxo, Vigo, tamén lle din RABAQUETAS, mais ollo que RABAQUETAS son as redondas de cor laranxa, con carne da mesma cor. En Coruxo, como en todo Vigo e mesmo aquí no Val Miñor, nomeamos CIDRA outra variante, a redonda de pelexo verde e branco e carne branca, coa que se elabora o cabelo de anxo. Mais tanto en Coruxo como en Mos chámanlle CALACÚS especificamente á verde de forma alongada, menos aprezada pola súa carne e que adoita servir de comida aos porcos.

E como onte aprendín estes matices da miña lingua nestes lares do sur, son un pouco máis rica ca antonte e o comparto con vós, porque un dos trazos que ten a miña fortuna é que pode ser compartida sen restarme nada a min. Ben ao contrario, que en compartíndoa a nosa fortuna medra.

Na imaxe unha butefa de gran tamaño cultivada en Vilasobroso, Mondariz
Comentarios (2) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 31-10-2013 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Eu tiña un compañeiro de traballo de Arcade que lle chamaba rabaqueta á cabaza típica do peregrino de Santiago. No Porriño chamámo#blgtk08#slle calacú e en Arbo chámanlle coco.
Eu non sabía nada das cidras e butefas pero aínda estamos a tempo de aprender, non ?.
Comentario por paideleo (02-11-2013 00:41)
2 O nome de coco tamén se usa en Mondariz, mais descoñezo que teña algunha especificidade respecto #blgtk08#do de butefa.
Grazas polo teu comentario, con este e outros máis imos ampliar a anotación.
Comentario por Acuática (02-11-2013 19:41)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0