acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Cantares para amar a lingua e o pobo
Cantares para amar a lingua e o pobo

Aínda lembro a cara de sorpresa dalgunha das miñas alumnas cando eu remataba a estrofa que ela tentara iniciar. Abraiábanse de que soubese de memoria fragmentos de poemas de Cantares Gallegos. Mais, como non sabelos?
Desde que aproximadamente en 1975 tiven na miña man o libro por primeira vez, ten saído moitas, moitas veces do andel, para ser aberto, lido e recomendado.
Naqueles anos, deume por remexer nun paquete que había no fondo do armario do corredor. Desde que nos trasladáramos a aquela casa, aínda estaba sen desembalar. Cando o abrín atopei unha pila de libros forrados con papel estraza de cor azul, algúns deles rillados polos ratos, síntoma de teren estado aínda máis ocultos á vista.
Foi a miña curiosidade infantil o que sacou aqueles libros do ostracismo do armario, condenados polo seu aspecto feo e suxo, que impedía que puidesen ocupar o lugar de honra da colección forrada en imitación de pel que estaba no moble do salón.
Sen saber o que tiña entre mans dei en retirar o papel que os forraba e fun lendo un a un os títulos: Cousas da vida por Castelao, Prosas gallegas de Cuevillas, O señorito da Reboraina de Otero Pedraio, Si o vello Simbad volvese ás illas de Cunqueiro, etc. E Cantares Gallegos. Todos eran exemplares publicados por Galaxia nos Talleres Gráficos de Faro de Vigo no primeiro lustro dos anos 60 do século XX. E famenta como estaba de ler, boteime a eles, e lin en galego, comezando por Cantares, coa mesma naturalidade ca quen leva lendo toda a vida na lingua de seu, malia ser a miña realidade lingüística ben distinta.
Non foi até cinco ou seis anos despois que coñecín a dimensión real das lecturas que fixera. Xa no instituto, asistindo ás aulas de lingua e literatura galegas aprendín das miñas profesoras de entón quen era Rosalía Castro e coñecín a súa obra.
O meu libro é a edición impresa o primeiro día en que se celebraron as Letras Galegas, o 17 de maio de 1963, un libro editado para conmemorar o centenario da publicación de Cantares e que foi ordenado, prologado e anotado por Fermín Bouza Brey. Ese mesmo día, Bouza Brey publica en La Noche o artigo: ?Libro de fe e espranza. A xénese dos Cantares?, primeiro artigo escrito integramente en galego por Bouza para este xornal. Cómpre sinalar tamén que non foi a única edición realizada con motivo do centenario da publicación. Tamén Carbalho Calero publicaba ese mesmo ano unha edición para Anaya que anos despois sería editada por Cátedra.
Hoxe, cos seus acertos e erros, o libro é para min como unha alfaia, mais entón, cando andaba nos nove ou once anos, non sentía este respecto reverente e atrevinme a escribir nel, a copiar na derradeira páxina en branco fragmentos de varios poemas, ou anotar sobre os versos do poema 18 ?? Hora meu meniño, hora,? os acordes cos que un día quixen cantalo na guitarra. Unha anécdota sen máis importancia cá de indicar que atopei neste poema algo que me prendeu. E non sei se é ese raio de esperanza que Rosa identifica coa imaxe dunha Virxe vinculada á Natureza, ou algo máis inexplicábel, como a comprensión da soidade do neno abandonado na noite.
E esta lectura da infancia condicionoume, pois cando chegou o día en que me correspondeu a min como docente elaborar a miña proposta de lecturas para os diferentes cursos, decidín introducir a lectura da poesía e Cantares Gallegos foi a primeira recomendación.
Eu obriguei o meu alumnado a ler poesía, para garantir que se achegasen a ela, mais procurei que os libros que eu lles pedía que lesen fosen axeitados para a súa idade e debo dicir que a oposición inicial case sempre desaparecía unha vez lidos os libros, cando conversabamos sobre eles e entendían que só lles reclamaba que procurasen gozar coa lectura. A miña obriga de que lesen poesía deu froitos marabillosos, porque houbo quen reclamou ler máis poesía da proposta.
Deste xeito foi como lle propuxen ler Cantares Gallegos ao alumnado da ESO. E lérono. E gustoulles. E aceptaron seguir lendo poesía no futuro.
Eu quería que, como a nena que eu fun, quedasen enredados nos poemas, prendidos na rede do amor á lingua e ao pobo que é este libro. Inesgotábel e imprescindíbel.

Artigo publicado no Sermos Galiza, nº 68, do 9 de outubro de 2013.

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 15-10-2013 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0