|
|
|
|
Peitieiras |
|
Con motivo da celebración dunha Mesa da oralidade na Semana Cultural do XX Festival Folcórico de Peitieiros, lembrei este texto do ano 2002. Pediumo a Comisión de Festas daquel ano. Eu falei deste lugar, inspirándome nunha lenda que pretende explicar o seu nome, e da festa que máis me gusta, a de San Miguel:
Quizais procedían do mar. Mais sei de certo que perderon o que lles quedaba de peixe, coma os peites de ouro e o espello que tiveron que sustituír polos cardos e o reflexo do río. No canto de seducir, foron elas as seducidas por estas abas sollosas.
Foron as primeiras en peitear a súa longa cabeleira na beira do río, o que baixa por Muíños Novos. Foron as primeiras, as que lle deron uso ás flores e as que aprenderon despois ás súas fillas e netas, ... bisnetas que hoxe lles son as mulleres. E así naceu a lenda e naceu o nome: Peitieiros, aínda que fora mellor dicir Peitieiras, mulleres ao fin, nais e avoas.
Foron as primeiras seducidas mais non as únicas nin derradeiras, aínda hoxe uns tras outros son seducidos novamente e veñen parar a estas terras do Miñor, onde o sol quenta especialmente e xa non nos rodea a néboa do río.
De sempre é Peitieiros lugar obrigado de paso, xa sexa para subir ao curro, ou xa sexa para despedir o verán, na festa de San Miguel, mentres contamos e recontamos se houbo ou non boa colleita de millo, como se deron as rabaquetas e probamos o viño novo.
Xa daquela puxemos as castañas no canizo para que sequen ben e logo poidamos comelas máis adiante, porque as nosas castañas comezan caer en agosto e dar, dánse ben en setembro. Xa se sabe: polo San Miguel castañas asadas e viño con mel. Que o mel tamén se recolleu, despois de afumar convenientemente as abellas para que non nos aguilloen mentres lles tiramos os panais, os que pomos a escorrer nas olas e imos chuchando e roubando sen que ninguén nos vexa.
E antes de que remate a festa, aínda podemos poxar por unha parella de quicos ou uns cazapiños, e se hai unha rosca moito mellor, enchémola despensa e ata o San Martiño, non sen antes botar unha cantadela:
San Migueliño das uvas maduras
que tarde nos vés e que pouco nos duras;
se nos viñeras dúas veces ao ano,
¡Quen nos tusira de gordos e sanos!
E así vén o outono e logo a primavera en que as mulleres volven recoller as flores, flores de todas as clases, hoxe para facer alfombras, noutrora para adornar as beiras dos camiños e os arcos, como o que se colocaba no adro, para pasar por baixo mozos e mozas, para adornar a festa. Arcos que se mantiveron ata hai poucos anos na nosa parroquia, a derradeira do Concello de Gondomar en deixar de facelos.
Por iso non nos estraña que no mencer do mundo foran as sereas as que abandonasen gustosas o mar, remontando a Xunqueira do Miñor e elixindo o río Morgadáns para sentir o sol na súa pel salgada, deixando que se secasen e se perdesen as escamas do seu corpo, dourando os cabelos lasos que peiteaban constantemente, co río como espello, desde o alto das pedras que dan nome a un dos barrios máis grandes desta parroquia.
Peroleira
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|