|
|
|
|
Contra o colonialismo e a explotación |
|
 Onte día 20 de xullo, presentouse en Vigo o libro Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto, publicado por Caldeirón (aí está Paco Souto artífice da iniciativa, quen agradeceu a Elvira Ribeiro o apoio para sacar adiante o libro).
Nesta presentación quixen ler este poema de Argola que está directamente relacionado co tema que levou á edición deste libro: a explotación, o colonialismo. É a miña vinganza poética contra todos os imperialistas que expolian a nosa terra. Por iso imaxeinei unha estadea de afogadas que enganaban os barcos do Imperio e os facían naufragar na súa propia cobiza, ávidos do ouro que nos cumes da Serra da Groba, da que elas descenden, gardaba a nosa terra, pensando na entrada trunfal en Roma, cargados dun botín obtido do exterminio.
FALABAN de afogadas que chegaban do leste
baixando por entre as fentas e os toxos
precedidas pola luz de Iupiter
que se erguía dominador do ceo
até que Luna inundaba as bagoadas da serra
e deixaba entrever
ao fondo de Sagittarius
o centro mesmo da galaxia
a vulva da que nacera a vía láctea
pola que se guiaran nas noites
como as estrelas que atravesan o ceo
as mulleres xurdían do cume da serra
e baixaban cara ao mar
iluminando a beira gorentosamente
apetitosamente para os navíos fatigados
que se lanzaban contra as rochas
ansiosos da calor das femias
coa gula dominando os seus sentidos
bébedos de tesouros brillantes
prometidos na porta do Senado
pago por unha vida de violencia
ao servizo do Imperio
porca retribución orzamentada nos saqueos
mentres deseñan unha longa entrada trunfal
despois de ?pacificar? as terras afastadas
que o sol escolleu para morrer
xusto onde o mundo acaba
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|