|
|
|
|
Parlamento das letras |
|
Este mércores 5 de decembro, Armando Requeixo publicou en Criticalia a entrevista que me fixo para o Parlamento das Letras. Velaquí a introdución:
"A Marta Dacosta sempre lle deberemos ter creado un mar literario en Compostela. A súa voz poética acompáñanos dende hai vinte anos. Dúas décadas nas que foi poallando entre o lectorado un orballar tramadoiro que nos deixou gravada fluencia dos seus sinais: Terra, Muller, Cor, Mar, Tempo.
Poeta de escrita senlleira pero proxección pública gregaria, na década dos noventa revelouse como autora participando en moi diversas empresas colectivas, revistas e fanzines, deixando oír os seus versos en mil e un recitais grupais. Co novo milenio foi afirmando a súa andaina en volumes nos que recuncou na memoria da infancia, o reverso feminino da escrita, o latexo abisal da ánima e aínda as paisaxes interiores de outonal setembrino.
A poética de Marta Dacosta é un Aloia sentimental, subversivo e telúrico. A súa palabra devólvenos sempre a memoria fiel dos días que nos foron facendo, eses dos que aquí fican as cinzas que agora venta para nós."
Grazas Armando, como dicía ao finalizar: quero "Deixar constancia do meu agradecemento a ti e ás persoas que coma ti atendedes, reproducides e falades da nosa literatura, porque iso é o que contribúe a facela visíbel, a proxectala.
Sodes imprescindíbeis. Que así sexa por moitos anos." |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|