|
|
|
|
1964 Día das letras por Castelao |
|
 Hai uns meses pedíronnos desde a AELG un breve texto, 70 caracteres incluíndo os espazos, para realizar unha colección de carteis ilustrativa e conmemorativa do 50 aniversario do día das Letras Galegas. O proxecto naceu pola colaboración de distintas entidades, entre elas a Academia Galega, a AELG, a asociación de libreiros, deseñadores, etc.
"As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une. Porque somos as letras que lemos e as nosas son as que nos escriben, as que nos describen, as que nos pensan e nos fan pensar; son as que din quen somos, como galegos, tamén como individuos.
Somos o que lemos e estas son as Letras que nos fixeron, as que aínda nos fan."
Este é un fragmento do manifesto As letras que nos fixeron co que se abre esta publicación e que foi escrito conxuntamente por Marcos Dopico, presidente da Asociación Galega de Deseñadores DAG, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Jacobo Bermejo, presidente da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, Xurxo Patiño Pérez, presidente da Federación de Libreiros de Galicia, María Xesús Álvarez, presidenta da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, Olimpia López Rodríguez, presidenta de Anabad-Galicia.
A min correspondeume escribir un texto pequeno sobre Castelao e eu quería condensar nel a obra de quen non pode ser resumido. As frases que escribín teñen esa medida exacta: 70 caracteres con espazos. A penas unha ducia de palabras. Entón pensei en xogar cos significados das palabras procurando que a combinación das súas referencias desen unha imaxe aproximada do que o Irmán Daniel foi para as galegas e os galegos. Foi difícil. Se cadra non o conseguín.
Este foi o resultado. Un cartel deseñado por Javier Pérez López e cinco significados centrais: amor, idea, obra, pobo, Galiza.
Neste enlace pódense descargar os cincuenta carteis.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|