|
|
|
|
Recensión en Caderno da Crítica |
|
Ramón Nicolás publica no seu Caderno da crítica unha recensión sobre Acuática alma.
"E este é, ao meu ver, un dos poemarios máis compactos da autora, mesmo considerando a pluralidade de focos de interese que recrea. Quen a estas páxinas se asome advertirá que Dacosta segue a beber das fontes da mitoloxía clásica -Medusa, Ismene, Antígona, Ofelia?-, figuras que resultan operativas, aínda que non só, para afortalar unha das liñas de sentido que poboan o poemario como é a rexa reivindicación da loita, por veces »invisible e teimuda», que protagoniza a muller en moi diversos ámbitos, convidando a adoptar, por extensión, unha postura que vai máis aló da simple belixerancia. E xa que de ecos clásicos se fala cómpre non esquecer que este é tamén un libro que se achega, aquí e acolá, aos grandes temas da poesía de sempre como son a reflexión sobre o rol da poeta, arredor do paso do tempo ou a asunción da morte como algo ao que se lle ve o rostro, que se singulariza para facela máis real, exhibindo unha recorrente e rendible, mais non exclusiva, simboloxía <> ou mariña, tal e como consta no seu título.
Por outro lado, paréceme que esta Acuática alma alicérzase desde a constatación, dolorosa, de ausencias que provocan cicatrices case tanxibles e dispostas coma se dunha sorte de bitácora ou diario se tratase. Elabórase así un discurso intenso, revelador da intimidade, transparente e con arrecendo a verdade, razón que explica a súa fondura abisal e mesmo esa tonalidade estremecida que percorre algunhas das súas páxinas construídas, como non, a través das palabras: esas palabras tantas veces rebeldes que a voz lírica procura porfiadamente, remoendo nelas unha e outra vez, para rescatalas dese pequeno tesouro que vén sendo unha <> que agora se abre para construír un chanzo máis nesa <>, tal e como se recolle nun poema, reconstruída e exposta limpamente con brillantez e sobriedade."
A recensión comeza lembrando aquel recital de abril de 1987: Na cidade espida. Un día destes poñeremos nesta xanela aquel manifesto. |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|