|
|
|
|
O polo con ameixas de Marjane Satrapi |
|
Esta semana tocou lectura con imaxes. Botei man dos libros que trouxen de Viñetas desde o Atlántico e as ideas comezaron bulir na miña cabeza... de momento quedan aí, fermentando.
O último que rematei de ler atopeino en Vigo o outro día, é ?Polo con ameixas? de Marjane Satrapi. Esta obra recibiu o premio ao mellor álbum no Salón de Angouleme en 2005 e parece que tamén vai dar lugar a unha película, como xa sucedera con Persépole, que agora podemos ler en galego.
En canto ao seu contido, esta obra é radicalmente diferente das anteriores. Satrapi relátanos a vida do músico Nasser Ali Khan nos días que van desde que o protagonista toma a decisión de morrer até que morre e retrátanos así o seu carácter, deixando ante nós os motivos reais do seu abandono da vida.
O libro leva por título o nome do prato favorito do protagonista que será quen de rexeitalo malia non ter comido nada en días, porque ten decidido morrer.
Graficamente destacaría o procedemento para ilustrar as lembranzas. Nesta historia en branco e negro, Satrapi deseña as viñetas en que as personaxes lembran o pasado en fondo negro, algo que debeu ser evidentemente difícil de realizar.
Particularmente interesoume a personaxe da súa muller, tan ríxida e malencarada como parece ao principio, mais que ao final vexo como unha muller que se entregou ao amor dun home que se deixou levar pola vida, e agora está profundamente doída, sendo esta dor a orixe do conflito.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|