acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Eu si, eu vou ir á folga
Será porque son filla dunha redeira e un peón electricista que coñeceron ben a fame da posguerra, será porque lembro con nitidez os rigores económicos das folgas do 72 ou porque aínda resoan nos meus oídos os berros dos traballadores reconvertidos nos 80, será porque traballaba e estudaba e tiña un estrito límite de gasto se quería ir á Universidade, será porque ao meu redor comprobo cada día como se atacan e incumpren os nosos dereitos, será por todo iso polo que me considero unha traballadora, unha muller que cumpre unha xornada laboral de máis de 37 horas e media dando lugar a uns beneficios que se traducen en mozos e mozas, agora adultos, traballadores, pais e nais, futuro. Son unha traballadora, non unha privilexiada como algúns se empeñan en dicir.

Por iso, porque son unha traballadora e como tal teño dereitos, reacciono, discuto e me mobilizo contra os que me rebaixan o salario ou me modifican as condicións de traballo, igual que o faría calquera outro traballador, sexa cal for a súa condición.

Así que o teño clarísimo, voume mobilizar. Esixo que non me modifiquen as condicións de traballo e para facelo vou ir á folga, o salario que me van descontar eses dous días, ese douno eu para que conten con novos fondos contra a crise.

Mais tamén é certo que non traballo en calquera sector, son docente, traballo para que o goberno poida garantir o dereito á Educación, e non a calquera educación, a unha educación pública de calidade, á que todas e todos teñan dereito, unha educación que os forme e lles permita superar as barreiras que as diferenzas xeográficas e económicas se empeñan en manter.

Por iso, unha modificación nas miñas condicións de traballo pode e ten repercusión nun dereito de todas e de todos. A realidade imponse, hoxe no ensino hai menos unidades, menos profesores e profesoras, aulas máis masificadas, alumnos con necesidades educativas específicas aos que non se lle pode prestar a atención necesaria por mor de que está con outros 25 ou 30... unha sucesión de medidas que sempre prexudican o ensino público.

As nais e os pais deben saber que os seus fillos van ter as mesmas horas de clase (e chéganlles), que os profes non imos traballar máis horas tampouco, teremos si máis horas lectivas, máis horas de coidadores, e mentres tanto teremos que abandonar o programa da biblioteca, a preparación de recursos informáticos, o desenvolvemento de estratexias para evitar o fracaso escolar ou axudar á convivencia, etc. Porque educar non debe ser só memorizar listaxes de ríos e montes, preposicións ou a táboa periódica, que tamén.

Alguén dirá, chegados a este punto, que estamos en crise, xa, xa, esa é hoxe a resposta para xustificar calquera desatino. Mais no noso caso o problema non é de cartos, primeiro porque un dereito non debe medirse en cifras económicas, e segundo, e moi importante, porque aquí o problema sería de reparto. Cartos hai para incrementar os concertos a centros privados, porque este curso vai haber máis centros concertados có ano pasado. Cartos hai para, ademais do concerto, darlles unha subvención extraordinaria a 66 centros privados que van poder contar con fisioterapeutas, traballadores sociais, intérpretes de linguaxe de signos e outros profesionais cos que non se pode contar no ensino público... cartos hai para centros que separan o alumnado por sexo, que non aceptan a calquera, que dan un ensino confesional ou que seguen explicando que o mundo foi creado por Deus, ao igual có home, negando a teoría da evolución, e todo iso tamén con aulas abarrotadas. Centros, nos que ás veces imparten docencia relixiosos e relixiosas que fan ostentación das súas crenzas vestidos con veo ou sotana, relixiosos que ás veces non teñen inconveniente en recoñecer que non contan coa titulación axeitada. Para eses centros si hai diñeiro, mentres os centros públicos perden unidades e profesorado.

En realidade o que temos é un problema ideolóxico de concepción do ensino, de tender á privatización en lugar de apostar polo publico.

Así que, eu téñoo claro, este presente necesita unha resposta... eu vou ir á folga.

Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 18-09-2011 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0