acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Para que non existamos
Arquivo de Marta DacostaPara que non existamos.

Invisibilidade: ?relativo á discriminação social das mulheres... aquilo que não se vê não existe.?, Dicionário da crítica feminista de Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral.

As feministas acuñaron o termo. Nomeaban un feito incuestionábel: o traballo desenvolvido polas mulleres, en calquera das súas xornadas, non se vía. Falemos en presente, non se ve, e o que non se ve, non existe. Por tanto, con esta simple operación faise desaparecer o traballo realizado polas mulleres, sexa este doméstico ou non, sexa este máis ou menos fulcral, mesmo para o desenvolvemento histórico, económico ou político dun país.

Falemos en presente. A invisibilidade é un feito tanxíbel aínda hoxe en día. Expor ante un auditorio tres conceptos básicos como son invisibilidade, teito de cristal ou empoderamento fai saír bochas aos que aínda se negan a escoitar que a muller ten dereito, tamén a estar no poder, a acceder e compartir o poder.

Botar man de mitos e personaxes literarias como Penélope para falar da necesaria reacción das mulleres a anos de negación, para dicir o que non debemos seguir facendo, fai saír bochas e descobre o que realmente levan moitas persoas dentro.

Hoxe por hoxe as escritoras danlle a volta ao papel de Penélope, escriben sobre unha muller que xa non se resigna a quedar na casa, que reivindica o seu dereito a viaxar, ou sexa, a formarse e, deste xeito, a acumular o mesmo nivel de coñecemento que até agora acumularon para si os homes. A relatora que bota man desta imaxe ante un auditorio cre que non debería suscitar controversia. Mais non, porque hai na sala quen di: ?Penélope tamén facía o que lle daba a gaña?.

Ese comentario. O mesmo comentario de sempre. Ela facía o que lle daba a gaña. Tan similar do: ?algo faría ela para que el...?.

E nesas estamos, ?ela tamén ...?, ?algo faría ...?. Primeiro invisíbeis, logo insultadas. O mesmo que non nos ve é o que nos sinala. Porque en canto deixamos de ser invisíbeis entón chega o cuestionamento, os reparos, as desconfianzas, un mundo de prexuízos destinados a devolvernos ao lugar no que nos queren desde a idade das cavernas, a escuridade no fondo do habitáculo frío e húmido, alí onde sexamos seres novamente invisíbeis, manipulábeis, en definitiva, obxectos que poden ser posuídos, trocados ou destruídos.

O certo é que se as mulleres non ocupamos o lugar que nos corresponde a sociedade fracasa, tal e como veu fracasando desde hai séculos. E aquí teñen lugar as palabras de Marx: ?pola relación entre o home e a muller pódese avaliar todo o nivel da civilización humana?, daquela non acadaremos o noso obxectivo como sociedade mentres a muller non ocupe o lugar que lle corresponde e ese día aínda non chegou.

Mais non é menos certo que o feminismo nos fornece dun punto de vista que nos permite, non só analizar a situación da muller, senón a da sociedade en xeral. Por exemplo, non só as mulleres sufrimos a invisibilidade, os homes, os pobos sofren igualmente desta estratexia patriarcal e capitalista destinada a manter no poder a quen se considera o único con dereito a ocupalo. As galegas e os galegos sabemos ben como se administra a invisibilidade, ocultándonos, por exemplo, dos medios de comunicación, unha das mellores maneiras que existen no século XXI de facernos desaparecer, porque o que non se ve, non existe.

O libro de estilo sinala como se deben ocultar as palabras e os feitos que non nos interesan, mentres se potencian persoas e posicionamentos acaídos. E así un exército de individuos correctos e diplomáticos ocupan o lugar central. Son colocados diante do foco, no centro do escenario para que todas e todos admiremos as súas palabras, ou o seu bo facer, ou a súa beleza. Rendémonos a eles e como ovelliñas entramos no curro para aplaudir a estes líderes e lideresas carismáticos e non problemáticos para o sistema, que, mentres, segue facendo xirar ao seu gusto a roda do muíño e levando no seu saco toda a fariña que a pedra moe.

Galegas, canto sabemos de como se pode pasar polo escenario sen ser vistas. Somos nós as que facemos posíbel que se levante o pano e que a obra exista, mais os aplausos non son para nós. Alí, ao fondo do escenario non chegan as luces, podemos berrar mesmo, mais a nosa voz non se oirá, pendentes como están todos das palabras dos protagonistas.

E cando non nos ven, non existimos.


Artigo publicado en A Nosa Terra, xullo de 2011.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 29-07-2011 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0