|
|
|
|
Un mar de mulleres |
|
O sábado, nas VI Xornadas de Pesca organizadas pola Confraría do Pindo, presentei e falei do proxecto Un mar de mulleres. Lamentabelmente non estaban Paula e Luz para escoitar os parabéns que moitas traballadoras do mar me trasladaron.
Ao pé da exposición, vimos de novo o vídeo e falamos de como levamos adiante o proxecto e para que: ?visibilizar o traballo das mulleres no mar. Por tanto un chanzo fundamental nesa sucesión de pasos que as mulleres temos que dar para acadar o espazo que nos corresponde.?
Expliquei que a miña era a parte máis pequena do traballo e cales foron as dificultades de me enfrontar a el: ?relatar sucintamente a biografía destas mulleres, mais facelo reinterpretando, manufacturando a través da palabra literaria esa información, coma quen prepara unha patela para presentala ás súas destinatarias?.
E rematei considerando a importancia de feminizar o mundo do traballo, é dicir, xeneralizar a organización e o modelo de traballo artesanal que estas mulleres representan, como o mellor medio para realizarmos unha explotación sustentábel do noso medio. Que o que fagamos non sexa: ?Pan para hoxe e fame para mañá?.
Enriba da mesa quedaron os retos que as entrevistadas deseñaron coas súas propias palabras:
- Rachar o teito de cristal e dirixir as entidades en que nos organizamos, por exemplo incrementando a presenza de patroas maiores, que a súa existencia non sexa unha anécdota.
- Sentirnos acompañadas nas nosas reivindicacións polo conxunto da sociedade e que esta comprenda que é ela mesma a que se beneficia de que as mulleres ocupemos o espazo que nos corresponde.
- Estandarizar os modos das mulleres, unha forma de traballar e de organizar o traballo feminina.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|