|
|
|
|
Segregación para manter a desigualdade. |
|

Este curso escolar iniciábase con nova xurisprudencia sobre a concesión de concertos económicos aos centros privados concertados que segregan o seu alumnado por sexo. Tratábase dunha sentenza do Tribunal Supremo que resolvía un recurso presentado en Andalucía. Naquel momento a organización sindical maioritaria do Ensino, a CIG-Ensino, reclamou xa da Consellaría a rescisión destes concertos, na previsión de que unha futura sentenza confirmase esta ilegalidade para Galiza, pois o sindicato xa presentara recurso ante o propio Supremo.
Antes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditaminara que os concertos educativos con centros que segregan por sexo eran legais. Para fundamentar esta sentenza recorría a unha convención da Unesco do ano 1960 en que se recolle que a separación por sexos no ensino non é discriminatoria sempre que os sistemas sexan equivalentes. Con este argumento o TSXG liquidaba a obriga que a Orde de concertos recolle de que os centros deben cumprir o artigo 84.3 da Lei Orgánica de Educación de 2006 en que se prescribe que o alumnado non pode ser discriminado por razón de sexo. Mais agora o TSXG ten que modificar a súa posición e admitir que a súa ?doutrina fora superada? declarando ilegais tamén en Galiza estes concertos. Loxicamente reclamamos o inmediato cumprimento da sentenza. Mais a Consellaría parece que aínda se vai tomar un tempo e, baixo o pretexto de estudar a sentenza e valorar se presentarán recurso contra dela, deixan que os meses pasen.
Os feitos demóstrannos que este goberno de Feijoo favorece o ensino privado. Este ano comprobamos como os orzamentos destinados a centros privados non descenden na mesma proporción que o fan os destinados ao ensino público, onde a redución de unidades, de profesorado e de dotacións contrasta con que se sigan entregando máis de tres millóns de euros a centros privados, entre eles os cinco centros que segregan o alumnado e que pertencen ao grupo Fomento, que na súa páxina web declara que reciben atención espiritual da Prelatura do Opus Dei, por tanto vinculados ao Opus como algunha das empresas que conseguiu a adxudicación de varias escolas infantís no primeiro trimestre de 2012, cando a Consellaría de Traballo puxo en marcha a xestión privada dalgunhas das antes denominadas Galescolas.
Poderiamos preguntarnos a que obedece o interese da Administración galega por subvencionar con fondos públicos este tipo de centros, para os que en 2009 xa había un informe desfavorábel do goberno saínte, mais formular e responder a esa pregunta interésanos fundamentalmente a quen consideramos que a separación por sexos é unha maiúscula aberración. A quen defende unha ideoloxía neoliberal e goberna para avanzar no camiño desa ideoloxía financiar centros que segregan o alumnado por sexo é unha ferramenta máis para perpetuar unha sociedade patriarcal e desigual (e a LOMCE é outra ferramenta exemplar). Porque é imposíbel que se poida camiñar cara á igualdade de trato e de oportunidades e así eliminar a discriminación contra a muller cando se perpetúan sistemas que impiden a convivencia, que impiden educarse coa outra, comprender, respectar. Impedimentos que desde logo non contribúen a erradicar a violencia de xénero, sustentada no descoñecemento, o desprezo e a incomprensión. Quen defende a educación segregadora invoca, entre outros motivos, que os resultados académicos son superiores, e isto é o mesmo que propor ir separando por grupos homoxéneos en canto ao seu coeficiente intelectual, capacidades, dificultades, facer unha sociedade compartimentada, crear guetos contra elites. Mais é que eles consideran que non todos somos iguais, e moito menos todas.
Mais a cuestión fundamental, desde o noso punto de vista, é salientarmos que eivas introduce o ensino segregado. Xa sinalei que a educación segregadora contribúe a perpetuar unha sociedade inxusta e patriarcal na que a muller segue sendo discriminada e deste xeito é máis difícil erradicar a violencia machista. Estas é a primeira e máis grave consecuencia, tamén porque ten carácter global e afecta ao conxunto da sociedade. Mais hai tamén outras consecuencias, consecuencias a nivel emocional, pois a segregación priva aos nenos e nenas dunha convivencia necesaria a través da cal aprender a compartir as emocións, respectar as diferenzas, amar a outra, o outro. Coeducarse emocionalmente.
A existencia das sentenzas que declaran ilegais estes concertos son un avance. Mais fronte a estas sentenzas o goberno central do Partido Popular xa prepara un cambio de lei para facer legal o inadmisíbel, que este ensino segregador siga recibindo fondos públicos e que así Fomento siga confiando a atención espiritual destas nenas e nenos ao Opus dei. E isto grazas, entre outros motivos, a que a LODE, Lei Orgánica reguladora do Dereito á Educación, do ano 1985 non recolle entre os motivos de discriminación a segregación por sexo.
Isto debe levarnos á reflexión final, como é posíbel que despois de tantos anos loitando pola superación da discriminación da muller e reclamando un ensino coeducativo non contemos co soporte legal, nin con documentos de rango internacional que declaren a segregación por sexos como antipedagóxica? A resposta a esta pregunta pon de relevo a distancia entre a igualdade formal e a igualdade real, unha grande distancia que aínda temos que percorrer.
Artigo publicado no semanario Sermos Galiza o día 22 de marzo de 2013.
|
|
|
|
Francisco de Castro enterrado en Bruxelas |
|
 Nestes días pasados tiven que viaxar a Bruxelas para representar a AELG nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas organizado pola Alianza Libre Europea ? Os verdes, da que o BNG forma parte. A AELG foi convidada pola nosa deputada Ana Miranda para expor ante a comisión a situación da nosa lingua neste momento, en que a maior ameaza procede do propio goberno da Xunta, primeiro, e do Estado, despois, malia ter asinado este a Carta europea das linguas minoritarias, pois se veñen adoptando medidas lexislativas que reducen a presenza da nosa lingua no ensino coa incidencia que isto pode ter na súa pervivencia.
Un amigo da A.C. O Galo, ao saber que debía viaxar a Bruxelas, pediume que visitase Notre Dame du Sablon e que buscase e fotografase a tumba dun nobre galego alí enterrado. Unha tumba sobre a que xa escribiron Pilar García Negro e Xavier Queipo en cadanseu artigo.
Así o fixen e, seguindo as súas indicacións, procurei a tumba do galego sen a atopar. Tiven que preguntar á muller que estaba na entrada da igrexa que ao escoitar "Galice" comprendeu inmediatamente e díxome que ía buscar un traballador da igrexa que sabía do tema. O traballador era Miguel, un home da Coruña que falaba español cun acento estranxeiro propio de quen leva moitos anos fóra do País. El levoume até a tumba que eu pasara por alto, por non ter reparado no chan da igrexa. A tumba está exactamente na nave da dereita e xusto embaixo do coro, confundida a súa cor negra coa cor negra do chan.
A lápida está danada e hoxe xa non se pode ler o nome completo da familia á que se refere nin ver o escudo que a preside. Máis coa fotografía dixital primeiro e atopando despois o libro Inscricións funerarias de Notre-Dame du Sablon en Bruxelas, de Van der Haeghen, publicado en Gand en 1865, podemos comprobar o contido completo, que reproduzo a seguir, mesmo coa incorrección que contén na segunda data, como se pode contrastar coa fotografía da lápida, ao tempo que sabemos que o escudo é o escudo de armas da familia de Castro:
Cy bas est le caveau servant de sepulture a la tres ancienne et noble famille de Castro y Lemos bienfaitrice de cette eglise originaire du royaume de Galice en Espagne posee en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro vivant colonel de cavallerie et brigadiere des armées de sa Maj(te) Cath(que) Charles II lequel est décédé le 26 mars 1709.
O certo é que non é doado traducir completamente o contido da lápida, especialmente no que se refere á parte: "posee en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro vivant..." fundamentalmente porque Mess(re), considerando o criterio de abreviatura seguido na propia lápida, indica o inicio e o final dunha palabra que soamente cabe ser interpretada como messagère, "mensaxeira", en feminino. Por outro feu pode ser o substantivo "lume", que non parece acaer a este contexto, ou o adxectivo "defunto" que ao preceder o substantivo ten forma invariábel. Debemos ler entón o moi literario: "posta en 1708 por defunta mensaxeira "? Realmente debo confesar a miña ignorancia. En todo caso, malia a escuridade desta pasaxe e á espera de que alguén con coñecemento poida facer unha mellor tradución, podemos entender no conxunto da lápida:
"Aquí embaixo está a bóveda que serve de sepultura á moi antiga e nobre familia de Castro e Lemos, benfeitora desta igrexa, orixinaria do Reino de Galiza, en España, colocada en 1708 par feu Mess(re) Don Francisco de Castro, en vida coronel de cabalería e brigadier de armas da súa Maxestade Católica Carlos II, que faleceu o 26 de marzo de 1729."
De onde sabemos que se trata dunha obra da Familia de Castro e Lemos que, segundo consta era benfeitora da igrexa e, como alí di, procedía do Reino de Galiza en España. E foi precisamente esta mención a que chamou poderosamente a miña atención, sorprendida de que a tantos quilómetros do país alguén fose así recoñecido, como orixinario do Reino de Galiza.
Quen era Francisco de Castro e que facía un galego da familia de Castro e Lemos en Flandres, no século XVIII? Sorprende que se referencie a Francisco de Castro como home de armas ao servizo de Carlos II, rei xa morto no momento de ser enterrado o de Castro e Lemos, mais durante cuxo reinado tivo lugar a Guerra de Flandres. En calquera caso os feitos lévannos a pensar que foi unha persoa de recoñecido prestixio para así permanecer entre os monumentos funerarios dunha importante igrexa de Bruxelas.
Procurando información a través da rede chego até o Nobiliario dos Países Baixos e o Condado de Bourgogne, elaborado por R. de Vergiano e publicado na cidade de Gand en 1865, que coincide co texto citado nas Inscricións funerarias, os Fragmentos xenealóxicos, volume III, onde atopamos a referencia a varios membros da familia de Castro, entre eles dous nenos: Jean-François de Castro, morto novo, e Emmanuel François-Joseph de Castro, morto en 1708 á idade de 15 anos, fillos de Jean-François de Castro, edil, burgomestre e que ostenta un cargo no señorío de Oudenarde, morto o 31 de marzo de 1745. Mais non conseguimos atopar ningunha referencia a un Francisco de Castro morto en 1729.
Nada podo achegar, tan só preguntas e unha fotografía que dan conta da morte dun galego en Flandres, enterrado nunha igrexa de Bruxelas. Mañá día 26 cumpriranse douscentos oitenta e catro anos da morte deste galego. Case tres séculos sen saber quen era, por que estaba alí, e que significa para nós. Outra evidencia de que se nos negou, e aínda se nos nega, a nosa historia.
Artigo publicado en Terra e Tempo. |
|
|
|
LITERATURA E COMPROMISO: A MEMORIA. |
|
Recupero este artigo de 2003 publicado en A Nosa Terra. Foi escrito despois da morte de Martí i Pol e da celebración do Galeusca coa Memoria como tema.
Non acredito na arte pola arte. Desde sempre considero e defendo que a arte debe estar intimamente relacionada e comprometida co mundo en que nace. Entre as súas funcións teño para min que a interpretación da realidade e o compromiso coa sociedade á que se dirixe é fundamental, pois é nin máis nin menos que a esencia mesma da comunicación. Mesmo cando elaboramos literatura escapista, estamos a adoptar unha postura concreta no mundo, a da negación.
Valoro inmensamente a literatura comprometida, pola súa carga comunicativa e, especialmente, pola súa dificultade. Se é un misterio como a través da palabra podemos facer vibrar almas e estómagos, como podemos condensar nun conxunto de sons a esencia mesma dos sentimentos, máis inexplicábel é poder conseguir conmover unha muller, un home, un pobo, e suscitar neles a necesidade de pensar, de preguntar, de reaxir. O compromiso en literatura é unha das ferramentas máis difíciles de utilizar, pois entre a literatura e o panfleto pode haber só un paso.
O momento que estamos a vivir demostra até que punto o compromiso é necesario e tamén a extraordinaria recepción entre unha sociedade necesitada de palabras de alento, de solidariedade, de tomar emprestada a expresións dos sentimentos que tamén son seus. Vivimos un tempo neboento en que se meden as palabras, calcúlanse as mensaxes, considéranse as consecuencias, pois estamos sometidos a unha interpretación mediática disposta a levarnos ao paredón da crítica estabelecida, un momento histórico en que a liberdade de expresión xa non significa o mesmo e as ferramentas do sistema para impornos unha determinada realidade están a pleno funcionamento. Son as horas do eufemismo e da revisión da linguaxe, o diccionario perdeu o seu valor.
Por iso nesta néboa determinadas empresas culturais son os fachos que nos abren o camiño, ese camiño que vén do pasado, que nos trae a memoria, elemento fundamental para costruírmos o futuro. A recuperación da memoria foi o tema fundamental do Galeusca, un encontro contra a guerra; a memoria das catástrofes inmediatas está en Salitre, a obra de teatro de Volta e Dálle, ou en Sempremar, a homenaxe que a Plataforma contra a Burla Negra realiza ás xentes da cultura.
Na memoria levaremos a Martí i Pol, poeta do seu país e do seu tempo. E na memoria levamos a Bóveda, sempre, e exerceremos o noso dereito a reclamar que se revise o xuízo ao que foi sometido, que se restaure a súa memoria. É o noso dereito de cidadáns, reivindicar a liberdade de acción e de palabra, a dignidade do noso pobo e dos nosos devanceiros, dos avós e avoas que perseguiron, que prenderon, que nos mataron.
|
|
|
|
Pola lingua que nos une |
|
 A Plataforma Queremos Galego convócanos este domingo 27 en Compostela pola lingua que nos une, para esixir a derrogación do Decreto de Plurilingüismo, denunciar a política lingüística da Xunta e rexeitar o borrador da LOMCE presentado polo ministro Wert.
Desde o primeiro día houbo unha forte oposición a un proxecto de Decreto que evidenciaba a súa intención de reducir a presenza da nosa lingua no ensino. Era a segunda medida de grande calado adoptada polo goberno de Feijoo despois de eliminar o requisito de demostrar a competencia no noso idioma no acceso á función pública e era a constatación final de cal era o seu proxecto para o noso idioma: a redución e a exclusión. Entre os dous feitos, realizaron unha consulta ás familias inzada de polémica. Unha consulta absolutamente tendenciosa, á que non se podía responder, por exemplo, que queriamos para os nosos fillos e fillas unha educación 100% en galego, pois soamente se preguntaba sobre as materias troncais, a metade das materias. As matemáticas dicían que calquera que fose a resposta a nosa lingua sempre sairía prexudicada. E así foi.
Logo viu o Decreto. A norma elaborada pola Xunta recorría a varias argucias para reducir o uso do galego, unha delas consultar os pais e nais, mediante unha enquisa tramposa de carácter vinculante para obter uns resultados que conducisen cara á imposición do español como lingua vehicular. Contra este apartado foi reticente o Consello Consultivo, que citou a xurisprudencia existente, ante o que a Consellaría reduciu a consulta a infantil no texto final do Decreto. O resultado foi que o galego case desapareceu das aulas de EI. Así o denunciou a Mesa pola Normalización, en outubro de 2012 soamente o 3% dos centros das cidades impartían ensino en galego, unha porcentaxe moi afastada da que representa a demanda de galego nos contextos urbanos.
Para completar o proceso fixeran desaparecer as liñas de ensino en galego na Educación Infantil. No seu día puxérase en marcha, en centros con dúas liñas, unha liña en galego que as nais e os pais solicitaban voluntariamente. Esa liña de galego tivo unha importante demanda. A modo de exemplo poderiamos citar o caso de cidades en que o alumnado se desprazaba de zona para poder cursar a Educación Infantil en galego, ou vilas en que a demanda superaba a oferta, e mesmo pais e nais castelán falantes pedían matricular os seus fillos na liña en galego. Mais a Consellaría afogou economicamente esta iniciativa, primeiro, para suprimila despois.
Xustamente a consulta vinculante, como outra das argucias, permitir que o alumnado non usase a nosa lingua nas materias de obrigada impartición en galego, foron as que o TSXG declarou ilegais.
Introducir o ensino en inglés foi a terceira argucia. En virtude desta imposición produciuse un feito inédito: a prohibición expresa de impartir matemáticas, física e química e tecnoloxía na nosa lingua. Non podemos esquecer que historicamente viñamos demandando que matemáticas se impartise en galego, non só para incrementar a presenza da nosa lingua nas aulas, nomeando expresamente unha materia máis a ser impartida en galego, senón tamén para incrementar o prestixio da lingua, converténdoa en lingua da ciencia. Esta demanda foi recollida no Plan Xeral de Normalización (lembremos, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004) e de aí pasou a ser recollida no articulado do Decreto 124 do ano 2007.
En relación con esta prohibición, cómpre lembrar que a Consellaría de Educación, xa coa crise iniciada, non tivo reparo en gastar máis de oito millóns de euros en destruír libros de texto por estaren en galego, tal era a urxencia por erradicar a presenza da nosa lingua, mentres decrecían os orzamentos destinados a actividades de normalización, xa fosen as realizadas polos Equipos que perderon nos últimos tres cursos un 50% dos recursos que viñan percibindo, xa fosen outras partidas como os premios á innovación en normalización, que sufriron unha redución de máis do 63%.
Só estes datos, existen aínda moitos máis, bastan para pór en evidencia que o Partido Popular tiña unha folla de ruta clara para o noso idioma e puxo en marcha a maquinaria para expulsala do ensino. A mesma maquinaria comeza agora rodar coa forma de Lei de Educación da que xa dixo o seu promotor que pretende "españolizar". E os nosos gobernantes avergónzannos cando obedientes e submisos acollen a invasión de competencias que o proxecto lles regala e sobre a regulamentación do idioma din: iso é o que estamos a facer en Galiza e aplauden coas orellas satisfeitos de ver como a nosa lingua é inferiorizada respecto do español, o inglés, a relixión! ou mesmo unha segunda lingua estranxeira. E aínda se atreven a chamarse galegos!
Durante este tempo loitamos con todas as ferramentas que estaban ao noso alcance, incluídas as xurídicas. E o pasado día 22 de novembro facíanse públicas as tres primeiras sentenzas: as motivadas polos recursos presentados pola CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego. Nos días seguintes aínda se fixeron públicas outras cinco, así até oito que repetían reiteradamente as ilegalidades do Decreto. Nesta nova situación, cumpría reclamar a derrogación do Decreto. Ás nosas demandas sumábase agora a decisión do TSXG que anulaba dous dos seus alicerces. Oito sentenzas que non dubidaban en utilizar cualificativos como: baleiro, ilóxico ou ilegal, á hora de valorar estes preceptos do Decreto.
Só lamentamos que as anteditas sentenzas non se adiantasen varias semanas, e así que outubro fose xa o mes da súa celebración; ou o propio informe do Comité de Expertos da Comisión Europea contrario á política lingüística da Xunta. Xa nunca saberemos se estes datos avalados pola xustiza e unha Comisión europea terían incidido na decisión que as galegas e os galegos tomamos o 21 de outubro.
Mais o que si é certo é que esta situación é un éxito colectivo, resultado dos nosos esforzos en prol do idioma durante estes anos. Por iso o 27 de xaneiro ten algo de celebración, de aniversario dunha mobilización histórica que nos levou a todos e todas até o Obradoiro, dando lugar ás imaxes máis fermosas que podíamos imaxinar. Este domingo é unha nova ocasión para celebrar que temos un idioma propio, para declarar que por el estamos no mundo, que existiremos mentres el exista, e que por iso queremos sentilo vizoso en cada recuncho e en cada rúa, e moi especialmente nas nosas escolas, na voz das nenas e os nenos, alí onde é semente e medra botando raíces no futuro.
Artigo pubicado en Terra e tempo |
|
|
|
Os banqueiros están ricos á súa conta |
|
Poderiamos ser nós.
Calquera de nós @ que este Nadal estivese pechad@ no concello de Gondomar, do Rosal, de Moaña, Cangas ou de Boiro. Ser calquera de nós @ que estivese ás portas do Concello de Compostela reclamando estar presente no Pleno, ser recibido polo Alcalde. Calquera de nós @ que decidise participar nunha folga de fame rotatoria en Ferrol.
Porque non son potentados. Son coma nós persoas que aforraron uns cartos e os sacaron da conta corrente, apartándoos para os gastos que viñesen no futuro. Certo que buscaron a maior rendibilidade, e quen non. Ninguén lles falou de riscos, polo menos ninguén lles falou dos riscos que hoxe corren. É máis, na maior parte dos casos explicábanlles que era como ter diñeiro a prazo fixo. E quen llo dicía era unha persoa da súa confianza. A moitos coñeciámolos de todos os días desde había varios anos (vivimos nunha vila ), quen ía pensar que ese director ou esa interventora estivesen metendo gato por lebre.
Podería pasarlle a calquera, se non quen de vós le todas e cada unha das cláusulas dos contratos bancarios e despois de lelas entendeunas todas. Eu non, desde logo. E léoas, abofé que as leo, especialmente nos últimos tempos.
A calquera, mais foilles pasar aos que poden relatar unha vida de traballo e sacrificios, aos que gardaban os cartos para pagar os estudos dos netos, ou para un revés. Eran, son os seus aforros, produto do seu traballo.
Funos coñecendo desde o día en que tiveron a iniciativa de se pechar en Gondomar. Non visten roupa de marca e teñen as mans estragadas. Ao pasar dos días vou sabendo as súas historias. Dalgúns sabía que fixeron uns cartos vendendo algún terreo. Outros simplemente conseguiron aforrar para non pasar unha xubilación tan estreita.
Mais algúns son persoas que hoxe non teñen traballo. Mozas despedidas coas que compartín mobilizacións no seu día, reclamando que se mantivese o seu posto de traballo. Porén acabou no paro e a indemnización foi parar ás preferentes. Ten fillos pequenos.
El loitou durante anos coa multinacional para a que traballaba. Despois de duras negociacións foi despedido sen que a empresa recoñecese a invalidez que lle correspondía. O recoñecemento chegou despois do despido. A xusta indemnización por anos de traballo para un empresario que se fixo rico á súa costa e a doutros foi parar ás preferentes.
Estoutro pasou a vida no mar. Meses e meses sen ver a familia pensando que cando se xubilase podería recuperar o tempo perdido, gozar do diñeiro gañado en horas de illamento e sal. E non, está nas preferentes. Ao igual có seu amigo, aforrando para regresar despois de anos emigrado nun rico país europeo.
Ela pasou meses mobilizándose ante a empresa que lle debía varios salarios. Foi unha dura mobilización con acampada e todo. E por fin, cando lle pagan o que lle corresponde e abre unha conta para gardar os cartos para o que veña, atópase meses despois facendo un novo peche, para que lle devolvan, outra vez, os cartos que lle corresponden polos seus anos de traballo mal pagado.
Esta é a realidade desas persoas que agora saen retratadas nos xornais, que ocupan as portadas coas súas ceas de Nadal na entrada do Concello. Os mesmos xornais nos que len que teñen que asumir a perda do 40% dos seus aforros.
Estas mulleres e estes homes nada teñen que ver cos que se xubilaron no seu día deixando a Caixa en ruína, coas costas dobradas polo peso dos cartos roubados nos seus petos.
Que o goberno que ten que darlles unha solución non o faga, non lle poña as cousas claras aos bancos para que devolvan o roubado, non meta na cadea ás persoas que xogaron impunemente cos aforros acadados coa suor do seu traballo e aínda se atreva a saír coa ladaíña de que foi culpa de ... cando levan máis de tres anos gobernando e nada fixeron para impedir que se chegase a esta situación, ou para que deixasen de se comercializar as preferentes que aínda se vendían a primeiros deste ano, con eles no goberno, é unha monumental burla.
Hoxe quixen falar dos meus veciños e veciñas, traballadoras e traballadores pechados no concello de Gondomar, dos amigos pechados no Rosal, en Moaña ou Compostela, como outros o están en tantos outros lugares do país. Solidarizarme así coa súa loita. Darlles folgos. Desexar que o 2013 traia para eles e elas a devolución dos seus aforros.
Vaise 2012, que con el leve esta desfeita. Mentres, non podo evitar lembrar un poema de Celso Emilio neste ano do seu centenario:
...
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.
Artigo publicado en Sermos Galiza e Valminor.info e que recolle un dos meus desexos para este 2013 que hoxe comeza.
Bo ano teñamos! |
|
|
|
Mente que algo queda |
|
O día 20 almorzamos coa nova de que no vindeiro ano 2013 as persoas que traballan para a Administración pública verían recortadas as súas retribucións nun 7%. A propia Radio Galega citaba como fonte a Consellaría de Facenda. A reacción non se fixo agardar e esa mesma mañá comezaron as mobilizacións nos centros de traballo. Ao mediodía o presidente da Xunta declaraba aos medios que non se ía reducir o 7% e que as e os traballadores ían recuperar unha parte da extra detraída este ano 2012, unha parte variábel que sería superior nos salarios máis baixos.
A confusión estaba servida: baixan ou non baixan s retribucións? Recuperamos ou non a extra que nos sacaron en 2012? Cal é a finalidade práctica de que a mesma Administración envíe informacións contraditorias? Usar unha vez máis a táctica do lanzamento das mensaxes preventivas destinadas a vacinarnos e evitar as nosas mobilizacións, críticas e reclamacións; mensaxes que logo se contradín e así créase unha enleada que ninguén entende, para que reine a confusión. Daquela se a CIG di, por exemplo, que se confirma que haberá un novo e lesivo recorte salarial, coas declaracións de Feijóo na cabeza sempre pode haber quen diga que non é así, que o presidente dixo outra cousa. E ficar inmóbil. Tamén para afondar no desprestixio das e dos traballadores da Administración pública, lanzándolle á sociedade en xeral a mensaxe encuberta de que non temos por que queixarnos tanto, que non nos van baixar tanto como din por aí (eles mesmos, reitero)
O día 21 estaba convocada a Mesa Xeral da Función Pública, a unha hora estraña cando menos: as 13:45 h. Todo apuntaba a que non ía haber negociación ningunha, senón unha simple comunicación para a que tampouco se pretendía que houbese un pequeno debate. De feito nin sequera enviaron documentación, iso si, filtráronlle á prensa o que lle interesaba, nunha calculada manobra de manipulación da opinión pública. Todo o mundo podía ter detalles, aínda que non fosen reais, do que ía facer a Xunta, menos as e os traballadores directamente afectados.
Ante a previsíbel proposta de redución salarial, foi convocada unha concentración de urxencia na que as e os representantes sindicais puideran deixar constancia da súa posición contraria ás pretensións da Administración. Dentro da EGAP os representantes sindicais expresaban a súa oposición e indignación. A resposta foi o desaloxo dos representantes dos traballadores e a contundencia policial na porta do edificio contra delegadas e delegados sindicais que agardaban o resultado da reunión.
De regreso da EGAP repasamos a información, mais as contas non saen. Despois de darlle varias voltas quedo convencida de que, en realidade, en contra do que anunciaran, vannos sacar outra vez unha paga extra, mais desta volta repartida. Iso podemos ler entre liñas nas declaracións aos medios. Din que nos están devolvendo unha parte da extra detraída en 2012 e porén non imos cobrar as extras íntegras, daquela, en realidade, estannos sacando outra vez unha das extras de 2013. Acabáramos! Ou sexa que ademais de todas as mentiras que xa nos contaron agora hai máis: para comezar a ocultación de que en 2013 volven quitarnos a extra de decembro, cando o Real Decreto 20/2012 soamente recollía esa supresión só para 2012. E pretenden facer pasar unha devolución parcial do que nos quitaron como un avance! Era o produto do noso traballo e non nolo devolven! seguen quedándose cunha parte!
Isto non hai quen o entenda.
Ou si. Seguramente o presidente e o seu gabinete si, ao fin e ao cabo fano así para que non entendamos nada e para que o conxunto da sociedade pense que si, que nos devolven unha parte da extra e que si, que cobramos máis que este ano 2012. E non, non é certo, a única realidade é que as nóminas das e dos traballadores da Administración están por debaixo das de 2009 e seguen baixando, e isto en cifras absolutas porque se consideramos o valor real dos soldos e dos prezos estariamos a falar dunha perda salarial moito maior.
Non teñen vergonza. Rinse de nós. De todas e todos, non só dos seus traballadores. Coa mentira e a confusión poñen a andar a súa apisoadora e, pasiño a pasiño, empobrécennos día a día ao conxunto da sociedade, a unhas porque somos as súas traballadoras, a outros porque reducimos a nosa capacidade de gasto, e nesta espiral todo se vai a pique.
Este ano baixará o consumo de Nadal nos fogares galegos, e o comercio e a hostalería incrementarán as súas perdas. Xaneiro será un mes complicado. Mais o presidente e o seu gabinete non van ter ningún deses problemas, nin lles importa que outros os teñan. Así ven eles o Nadal e así nolo desexan.
Artigo publicado en Terra e tempo o día de Nadal, 25 de decembro. |
|
|
|
Parabéns irmás e irmáns! |
|
A tarde do día 22 de novembro tiña unha sorpresa longamente agardada. Desde entón non podo evitar lembrar os anos 2009 e 2010, a creación da Plataforma Queremos Galego, as mobilizacións. Lembro especialmente unha, a do trinta de decembro de 2009. Ao día seguinte escribía na miña xanela virtual:
Mollámonos, con convencemento e decisión.
Fomos miles de voces reclamando os nosos dereitos.
Alí estabamos, convocados dous días antes, sen autobuses, sen grandes anuncios, sen medios que nos apoien..., faltaban os griposos, os que estaban a traballar, os que estaban fóra... porque escolleron a data para apagar a reacción, cambiaron de lugar o Consello (da Xunta) para que os seus oídos non sentisen a voz colectiva que reclamaba o que en xustiza corresponde... E nós fomos quen de ser miles e miles, fomos quen de achegarnos a San Caetano, nin frío, nin auga. Unha calor inmensa moveunos e moveranos no futuro.
Parabéns irmáns e irmás. Temos a forza dos nosos corazóns.
Eran os sentimentos dunha tarde tristeleda, triste pola decisión do Consello da Xunta, leda pola capacidade de reacción de todas e todos os que amamos a nosa lingua. A anotación remataba dando os parabéns ás irmás e aos irmáns que naquela data e malia o mal tempo deran levado a súa voz a Compostela, atravesando o país desde todos os extremos. Tamén facendo un chamamento á folga do 21 de xaneiro de 2010, unha folga que encheu o Obradoiro e mobilizou a moitas persoas por primeira vez, pois a sensación de agresión que sentimos foi ciclópea, incuantificábel.
Aquel 30 de xaneiro estabamos convocados a concentrarnos no Obradoiro porque no Pazo de Raxoi ía ter lugar o Consello da Xunta en que se presentaría o borrador do logo malchamado Decreto de Plurilingüismo. Aos poucos fomos comprobando que eramos moitas e moitos os que alí estabamos e decidimos saír en dirección a San Caetano, a onde se trasladara no último momento o Consello nun intento de apartalo dos berros de "queremos galego!". Fuxiron do pobo, mais o pobo foi por eles, e mentres avanzabamos eramos cada vez máis, máis e máis, aínda que a chuvia caía intensamente.
A mala conciencia do Goberno da Xunta fixo que agardaran ao remate do ano para presentar o borrador do Decreto, e fixérono de noite, agachados nos baixos de San Caetano. Agardaron ao 30 de decembro pensando que nesas datas as galegas e os galegos non seriamos quen de nos mobilizar, e demostrámoslles que si.
Despois veu a folga do 21 de xaneiro e unha mobilización que desbordou a Praza do Obradoiro, algo que só sucedera noutro momento crítico para o país: o 1 de decembro de 2002. Dous momentos en que nos sentimos fortemente agredidos e demos unha lección de dignidade colectiva esixindo responsabilidade aos nosos gobernantes, reclamando a dimisión de quen non ten ningún reparo en deixar que o país afunda e que así desapareza a nosa identidade, asfixiando a nosa lingua baixo o chapapote do plurilingüismo.
Mentres o pobo berraba tupiron os oídos e coas orelleiras postas seguiron avanzando contra a nosa lingua. Pensarían que todo quedaría naquelas mobilizacións (eles din de centos, para negar os miles que eramos realmente) "exaltad@s radicais" que facían desaparecer dos controlados medios de comunicación e denigraban desde os portais informativos da Xunta de Galiza. E non foi así, porque logo veu o informe negativo do Consello Consultivo e despois aínda o voto negativo do Consello Escolar de Galiza, posicionamentos de Concellos, chamamentos diversos a manter o consenso, os obxectivos e as estratexias fixadas polo Plan Xeral de Normalización.
No derradeiro goberno de Manuel Fraga, o Conselleiro de Educación, Celso Currás, recoñecía que o dominio lingüístico do alumnado non era o que se establecía na Lei de Normalización Lingüística e por iso tomaban a decisión de levar ao Parlamento un Plan Xeral de Normalización que fixaba que un mínimo do 50% das materias deberían ser impartidas en galego. Era o ano 2004 e Núñez Feijoo xa era o Vicepresidente primeiro da Xunta. Aquel Plan Xeral, elaborado ao longo de meses, era finalmente aprobado por unanimidade no Parlamento, nun xesto histórico de consenso para a nosa lingua.
Por iso hoxe que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza avala dúas das reclamacións fundamentais que se realizaron en tres dos recursos presentados no seu día (os da Plataforma Queremos Galego, a CIG-Ensino e a A Mesa pola Normalización Lingüística) reclamamos a derrogación dun Decreto que liquidou o consenso do Plan Xeral e volver a esta ferramenta da que nos dotamos porque "Cómpre aumentar esta presenza (a da lingua), facela normal e útil, ou o que é o mesmo, estender o uso da lingua propia de Galicia a todos os niveis da sociedade. Para este labor, a mellor ferramenta é, sen dúbida, a aplicación deste PNL"
A sentenza do TSXG é outra gota para colmar o vaso, unha gota pesada e sonora da que o Goberno da Xunta debe tomar nota e actuar en consecuencia.
E remato como rematei tantas veces artigos e anotacións naqueles meses de intensa mobilización. Parabéns irmás e irmáns, temos tres sentenzas xa, sentenzas que aceptan unha parte importante das nosas demandas, sentenzas que derruban os alicerces en que se sustenta a oposición ao noso idioma. Sentenzas que prenden as almenaras e iluminan este longo camiño que non deixamos de percorrer.
A nosa defensa inquebrantábel dos nosos dereitos, a nosa resistencia ao desalento fai avanzar esta pesada pedra que é o futuro. Continuemos!
Artigo publicado en Terra e Tempo. Parabéns a todas e todos os que nos mobilizamos na defensa da nosa lingua berrando alto e claro que queremos galego!. |
|
|
|
Ilóxico, baleiro, incoherente, ilegal |
|
Estes son algúns dos cualificativos que podemos atopar para o Decreto 79/2010 nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que este xoves se facían públicas. Trátase das sentenzas a tres recursos presentados pola Plataforma Queremos Galego, a CIG-Ensino e a A Mesa pola Normalización Lingüística.
A estas alturas xa todos e todas sabemos que as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulan dous dos piares esenciais do goberno do PP para impor a súa política lingüística: a consulta vinculante aos pais e nais en Infantil e a liberdade de elección de lingua nas aulas por parte do alumnado. Mais tamén é importante a forma en que se argumentan tales anulacións e outras deliberacións que contén a sentenza.
Cando lemos o razoamento que leva á anulación do artigo 5º, o que recolle que a lingua na Educación Infantil se establecerá en base ao que resulte dunha consulta vinculante ás familias, temos a sensación de que, con termos xurídicos, a Consellaría leva co vimbio nas pernas, uns boureazos ben fortes, por certo. O Tribunal elixe a palabra ?abdicar? para cualificar o feito pola Consellaría, sinalando así que foron neglixentes e fixeron deixación das funcións que lles son propias, como é regular o uso da lingua nesta etapa. Algo que outras consideramos que foi intencionado, a escusa perfecta. Denunciamos no seu día, e comprobouse despois, que a consulta, na que por certo se gastaron inxentes cantidades de diñeiro, era a táctica do PP para deixar o galego fóra da aula e manter moitos cativos de contornos castelán falantes sen contacto co noso idioma até os seis anos ou castelanizar os cativos de contornos galego falantes. O TSXG chega dicir que o artigo na redacción imposta pola Consellaría de Educación ?vulnera a configuración do dereito fundamental á educación? posto que os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso educativa, non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua na etapa de educación infantil?
Canto ao artigo 12.3., que recolle que o alumnado poderá usar a lingua da súa preferencia na aula, o TSXG anúlao en base á Lei de Normalización Lingüística e á necesidade de procurar a progresividade no coñecemento do noso idioma, partindo sempre, di a sentenza, de que con carácter xeral a lingua de comunicación no ensino non universitario é o galego: ?Desde o momento en que, segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario, o mencionado artigo 12.3 é ilegal, ao deixar liberdade ao alumnado para utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia?. E o interese desta argumentación non só está no feito de recoller a ilegalidade do artigo, senón en que fixa a interpretación de que o vehículo de comunicación no ensino será con carácter xeral a lingua galega.
E aínda máis, na anulación deste artigo a sentenza considera incoherente o feito de que no parágrafo seguinte se recolla a recomendación de que se procurará que se use a lingua en que a materia é impartida, unha recomendación que, ao non ter carácter imperativo, ?acaba sendo unha proclamación baleira?. Cantas veces non teremos falado de que determinados aspectos da lexislación son papel mollado que acaba por non concretarse nunca.
Ao ler a sentenza cómpre deterse nalgúns parágrafos significativos. Eu elixo concretamente aquel en que se fai referencia a outra sentenza do Tribunal Supremo de outubro de 2010 na que se recolle que lle corresponde ás autoridades educativas fixar a proporción das linguas ?de modo que crese que o obxectivo de normalización lingüística estivese xa conseguido? e se, pola contra, se estimase a existencia dun déficit nese proceso de normalización en detrimento da lingua propia?? da Comunidade Autónoma, deberíase outorgarlle a esta un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable.?
Si, exactamente iso, de apreciar que a nosa lingua ten unha situación deficitaria no seu uso, cumpriría darlle un trato diferenciado. E isto dío unha sentenza do TSXG. Estará o tribunal impoñendo o galego? Que pensará o presidente en funcións cando o lea? Porque debe lelo, lelo máis dunha vez, aprendelo, practicalo (no modelo da escola que eles defenden, copialo mil veces e aprender a sentenza de memoria).
Mais mentres que derroguen o decreto, que recuperen o consenso do Plan Xeral, ese que o que quere ser investido presidente votou favorabelmente e que o TSXG ?comprende? que sexa citado polos recorrentes, malia non ter rango normativo.
23 de novembro de 2012.
Artigo publicado en Sermos Galiza e Valminor.info primeira aproximación á sentenza contra o Decreto 79/2010 |
|
|
|
Contra quen nega |
|
Contra quen nega
A xeración dos nosos pais quéixase da transición. Adoito lembran que non houbo a ruptura necesaria e que iso condicionou os anos que viñeron despois, este presente que vivimos e que tanto nos afoga.
Nós eramos adolescentes, tomamos nota de que cumpría defender os nosos dereitos e mentres os pais atravesaban a cidade en contra da reconversión naval, as fillas saiamos á rúa denunciando o incremento en unha peseta do billete de autobús e reclamando un bono estudantil, que chegaría anos máis tarde. Ao tempo comezabamos desañar os primeiros fanzines cutres dos 80, canalizando a necesidade de contestación a través da creación gráfica e literaria. O caso é que a pesar de predominar a mancha de tinta nas nosas bandas deseñadas, tiñamos unha percepción nítida do que non nos representaba e tomamos o camiño da nosa lingua, entón e sempre signo identitario incuestionábel. Outros estaban máis pendentes de non perder o vagón final e dicían aquilo de que Madrid se escribía con V de Vigo?
A banda sonora da nosa mocidade foi diversa, eran malos tempos para a lírica e trunfaban letras que falaban dunha moza desaparecida no ultramarinos (?horror en el hipermercado?), quen nos diría a nós que a pseudopunki de voz grave que aparecía nos nosos televisores sería co andar do tempo asumida polos herdeiros do réxime que pechaba un capítulo en novembro do 75.
Son as cousas da vida, que anda e desanda, e un día fai que nos paremos ante os anos que pasaron para comprobar que máis alá dos cabelos brancos, tintados ou non, o presente revela a verdadeira faciana de persoas e colectivos.
Así que mentres uns se nos mostran como individuos profundamente conservadores, malia as aparencias estéticas, outros seguen sendo tan centralistas coma sempre. Porque, ao fin e ao cabo, ser antinacionalista non é ser conservador, un pode dar renda solta aos seus delirios oníricos e pasear a súa honra ofendida polos bulevares de Hollywood sen deixar de ser superprogre por asinar contra os cataláns que reclaman o seu dereito a decidir como pobo. Eurocomunistas e liberais conviven sen conflito contra os bárbaros da periferia, eses que desde as súas linguas, ?provincianas?, se dedican a exacerbar o nacionalismo.
Porque o perigo somos nós, as que nos empeñamos en ser. Non houbo ruptura, só un pacto que os reconciliou, mentres coincidían contra os que reclamabamos xa o noso dereito a decidir. E seguen unidos nesa oposición, tamén con tentáculos que se adentran cara a nós para romper o eixo do debate e deixar fóra as nosas lexítimas demandas nacionalistas, porque eles, os progres, din que o urxente é só estar contra a dereita, sen importarlles que a lingua e a identidade lles quede no camiño.
E non. Seguimos empeñadas en ser.
Novembro de 2012.
Este artigo foi publicado en Sermos Galiza e o Portal do Val Miñor.
Imaxe: recital "Na cidade espida" en 1987. |
|
|
|
O fracaso dunha sociedade |
|
O luns día 22 comecei escribir este artigo, unha descrición da xornada electoral que aspira a analizar timidamente o sucedido o día 21 de outubro.
A aldea está no cume da serra -aínda que poderiamos estar a falar dun barrio ou unha rúa céntrica da capital-. Vive na contradición de estar a menos de vinte quilómetros da Cidade e tardar un tempo considerábel en chegar a ela, por mor da estrada estreita e sinuosa que a comunica co concello ao que pertence. É unha aldea afastada, tanto que nin o cura sobe dar misa, máis que de tarde en tarde e a maior parte da xente da aldea, agás os que traballan na cidade ou na capital do concello, comunícase co resto do mundo a través da televisión.
As e os cativos baixan todos os días da aldea percorrendo varios quilómetros até a escola. O autobús malamente pode tomar as curvas, e cando vén de regreso, máis que xantar merendan, de entrada que a tarde vai. A unitaria que houbera na aldea ficou para os pequenos de infantil durante uns anos, houbo que pelexar por ela para que non a pechasen, explicarlle aos representantes de Educación a orografía do lugar para que comprendesen que, malia ter soamente catro nenos, cumpría que a escola ficase aberta. Mais xa non. Xa non o está, é unha das varias unitarias que fecharon, así que mesmo os cativiños de tres anos andan no bus que parece que vai pola montaña rusa.
Esa mesma escola unitaria fai ás veces de local electoral. Un local frío en calquera época do ano, onde pasan as horas lentamente, mentres a xente vén votar cada vez menos. Nestas eleccións, nas que menos. Dos a penas douscentos habitantes votaron uns cen, foi a mesa electoral con menos participación no concello, e iso fixo que o eterno gañador das noites electorais, o PP, desta volta tivese un 40% menos de votos ca na vez anterior, aínda así levou o 60% dos votos recollidos na urna.
Hai un apoderado do BNG que vai sempre a esa mesa, xa lles sabe os nomes ás mozas que forman parte dela (hai unha certa reiteración no sorteo) e tamén ás interventoras do PP que se presentan con absoluta familiaridade, mesmo sen identificarse, total, alí todos son do mesmo, do mesmo partido có ?alcalde de barrio?, con cargo no concello, que reparte prebendas do máis variado xorne. Desta volta o cacique da aldea non pasou polo local electoral, pode que tivese algunha diferenza co seu partido, votar si votou, iso non pode deixar de facelo, mais as funcións de xefe de interventores que fixera outras veces, non as fixo.
As xornadas electorais transcorren lentas e preguiceiras. Entón a conversa xorde. Quen integra a mesa quéixase, quéixase de que fechasen a escola, de que non lles arranxen a estrada, de que non teñen puntos de luz, de que non teñen transporte colectivo, de que o cura se mete no que non lle importa, que lles afea a conduta no medio do sermón sinalando os seus pecados diante de todo o mundo, que non hai traballo, que o fillo da veciña traballaba no naval e tiña un choio boísimo e cobraba case dous mil euros coas veladas, que mesmo comprara un coche na do ex alcalde e comezara arranxar a casa e pedira unha hipoteca e agora non pode seguir coa obra e ten o coche en venta... O apoderado do BNG sempre alimentou a conversa, como quen bota leña ao lume, para mover á reflexión crítica sobre a realidade. E cada vez que chegaba a noite quedaba pampo ante o reconto que non deixaba lugar a dúbidas. Tan contundente, que mesmo non sabe de onde saían os poucos votos para o seu partido, máis alá daqueles poucos que sempre falan con el e mesmo acoden a algún acto, -polo demais nada que non suceda na práctica totalidade das mesas electorais-.
A noite do vinte e un non foi diferente, dos cen votos longos que había na urna, máis de cincuenta eran do PP, chamoulle a atención que houbese 6 votos en branco ou 7 nulos, algúns por levaren papeletas do PP que non daban ocultado a ira coa que foran rachadas, ou escritos con frases como ?votarei cando me devolvan o diñeiro das preferentes?. Con todo eran moitos votos menos ca en anteriores eleccións, como eran menos os votos de PSOE e BNG. Tal vez a indignación fose a razón dos resultados. A realidade é que nin as siglas de AGE conseguiron mobilizar o electorado, nin deron recollido os votos perdidos por PSOE e BNG, nin igualaron os votos que o BNG tivera no seu día, quedando a unha longa distancia do 50%. Así que ao final o resultado era o mesmo de sempre e os que estaban desilusionados dos procesos electorais non converteran a súa indignación en voto construtivo. E os votos perdidos polo PP, quedaran na casa tamén? Tal vez si, tal vez estaban en Suíza, nas mans de varios mozos e mozas que tomaran a decisión de marchar, ao non ver un futuro claro na súa aldea. Ao final unha grande abstención, tamén incrementada pola emigración ?forzosa? da nosa mocidade.
Ben mirado, debaixo das cifras do reconto agóchase un fracaso social, o fracaso dunha sociedade que atende ás mensaxes dos medios sen discutilas, incapaz de se decatar de que a súa propia realidade e a das persoas que a rodean entra en contradición coas mensaxes recibidas. Unha sociedade que permite que unha parte das persoas que votan, que non son a maioría, decida por todos, mentres é permeábel ás mensaxes de que non hai outra solución ou que todos son iguais, a pesar de que, cando ten un problema, acaba acudindo ao apoderado do BNG, pois sabe que será el quen escoite e procure unha solución até debaixo das pedras. Todas e todos perderon porque ninguén acadou os obxectivos, aínda que os que gobernarán teñen ao seu favor unha lei electoral que multiplica a súa representación malia perderen miles de votos.
Non importa o nome da aldea, nin do concello, non importa nin o nome da comarca en que se sitúa. A historia é real, como as eleccións que se celebraron. Os resultados semellantes dos doutros lugares do noso país, un país que as xentes da aldea esqueceron, aínda que o leven na boca e pisen a súa terra a cada hora, sen darse conta de que na súa man está rematar con todo o que as afasta.
Somos discípulas de Castelao. Ás veces estamos cansas, sempre indignadas e dispostas. E nunca perdemos a confianza.
Terra e tempo, 25 de outubro de 2012 |
|
|
|
|
|
|
|
|