|
|
|
|
Cantares para amar a lingua e o pobo |
|
Cantares para amar a lingua e o pobo
Aínda lembro a cara de sorpresa dalgunha das miñas alumnas cando eu remataba a estrofa que ela tentara iniciar. Abraiábanse de que soubese de memoria fragmentos de poemas de Cantares Gallegos. Mais, como non sabelos?
Desde que aproximadamente en 1975 tiven na miña man o libro por primeira vez, ten saído moitas, moitas veces do andel, para ser aberto, lido e recomendado.
Naqueles anos, deume por remexer nun paquete que había no fondo do armario do corredor. Desde que nos trasladáramos a aquela casa, aínda estaba sen desembalar. Cando o abrín atopei unha pila de libros forrados con papel estraza de cor azul, algúns deles rillados polos ratos, síntoma de teren estado aínda máis ocultos á vista.
Foi a miña curiosidade infantil o que sacou aqueles libros do ostracismo do armario, condenados polo seu aspecto feo e suxo, que impedía que puidesen ocupar o lugar de honra da colección forrada en imitación de pel que estaba no moble do salón.
Sen saber o que tiña entre mans dei en retirar o papel que os forraba e fun lendo un a un os títulos: Cousas da vida por Castelao, Prosas gallegas de Cuevillas, O señorito da Reboraina de Otero Pedraio, Si o vello Simbad volvese ás illas de Cunqueiro, etc. E Cantares Gallegos. Todos eran exemplares publicados por Galaxia nos Talleres Gráficos de Faro de Vigo no primeiro lustro dos anos 60 do século XX. E famenta como estaba de ler, boteime a eles, e lin en galego, comezando por Cantares, coa mesma naturalidade ca quen leva lendo toda a vida na lingua de seu, malia ser a miña realidade lingüística ben distinta.
Non foi até cinco ou seis anos despois que coñecín a dimensión real das lecturas que fixera. Xa no instituto, asistindo ás aulas de lingua e literatura galegas aprendín das miñas profesoras de entón quen era Rosalía Castro e coñecín a súa obra.
O meu libro é a edición impresa o primeiro día en que se celebraron as Letras Galegas, o 17 de maio de 1963, un libro editado para conmemorar o centenario da publicación de Cantares e que foi ordenado, prologado e anotado por Fermín Bouza Brey. Ese mesmo día, Bouza Brey publica en La Noche o artigo: ?Libro de fe e espranza. A xénese dos Cantares?, primeiro artigo escrito integramente en galego por Bouza para este xornal. Cómpre sinalar tamén que non foi a única edición realizada con motivo do centenario da publicación. Tamén Carbalho Calero publicaba ese mesmo ano unha edición para Anaya que anos despois sería editada por Cátedra.
Hoxe, cos seus acertos e erros, o libro é para min como unha alfaia, mais entón, cando andaba nos nove ou once anos, non sentía este respecto reverente e atrevinme a escribir nel, a copiar na derradeira páxina en branco fragmentos de varios poemas, ou anotar sobre os versos do poema 18 ?? Hora meu meniño, hora,? os acordes cos que un día quixen cantalo na guitarra. Unha anécdota sen máis importancia cá de indicar que atopei neste poema algo que me prendeu. E non sei se é ese raio de esperanza que Rosa identifica coa imaxe dunha Virxe vinculada á Natureza, ou algo máis inexplicábel, como a comprensión da soidade do neno abandonado na noite.
E esta lectura da infancia condicionoume, pois cando chegou o día en que me correspondeu a min como docente elaborar a miña proposta de lecturas para os diferentes cursos, decidín introducir a lectura da poesía e Cantares Gallegos foi a primeira recomendación.
Eu obriguei o meu alumnado a ler poesía, para garantir que se achegasen a ela, mais procurei que os libros que eu lles pedía que lesen fosen axeitados para a súa idade e debo dicir que a oposición inicial case sempre desaparecía unha vez lidos os libros, cando conversabamos sobre eles e entendían que só lles reclamaba que procurasen gozar coa lectura. A miña obriga de que lesen poesía deu froitos marabillosos, porque houbo quen reclamou ler máis poesía da proposta.
Deste xeito foi como lle propuxen ler Cantares Gallegos ao alumnado da ESO. E lérono. E gustoulles. E aceptaron seguir lendo poesía no futuro.
Eu quería que, como a nena que eu fun, quedasen enredados nos poemas, prendidos na rede do amor á lingua e ao pobo que é este libro. Inesgotábel e imprescindíbel.
Artigo publicado no Sermos Galiza, nº 68, do 9 de outubro de 2013.
|
|
|
|
Marchamos contra a LOMCE |
|
Estamos na recta final da aprobación da LOMCE e temos a responsabilidade de facer visíbel a nosa oposición.
Cheguei á Universidade con escasos coñecementos da historia do meu país, a maior parte deles adquiridos grazas ao traballo realizado polo profesorado de galego, o único que naqueles anos me falaba na miña lingua e da miña realidade.
O mesmo aconteceu coa xeografía de Galiza. Tiven que memorizar até o castigo da copia reiterada os nomes dos afluentes dos ríos do Mediterráneo, ou do centro da Península, mais ninguén me falaba do Umia, Ulla, Sar, Tambre, Xallas, etc. E outros tantos accidentes e lugares deste país noso que non aparecía nos libros.
Foi unha eiva. Durante anos sentinme frustrada polo meu descoñecemento. E aínda hoxe estou segura que son moitas as cousas que aínda teño que aprender.
Lémbrome de todo isto cando vexo cal é a intencionalidade da LOMCE non podo máis que pensar no sistema educativo no que me tocou estudar, un sistema no que a nosa lingua non estaba presente máis alá da materia que a estudaba, e que me formaba ignorando a realidade que me rodeaba, facendo de min unha persoa que non se recoñecía na súa contorna.
Cando leo a LOMCE, penso que xustamente se pretende volver a iso, un sistema educativo uniformizador que desarraiga as nenas e os nenos da súa realidade, converténdoos en recitadores de respostas correctas para superar as reválidas que lles permitan seguir continuando os seus estudos, se a situación económica da familia é axeitada. Unha especie de autómatas memorizadores cegos para o mundo que os rodea.
Robots provistos de calculadora para sumar e restar ingresos e gastos e afanarse o resto da súa vida por ter diñeiro para pagar as facturas do médico e da escola. Seres alienados na súa pobreza destinados a ser man de obra barata. Obreiras e obreiros explotados con salarios cada vez máis baixos e escasos dereitos.
A sociedade perfecta para o capitalismo. Masas de escravos da súa propia miseria incapaces de tomar o poder.
E nós, que vemos con claridade cal é o destino que pretenden darlle ás nosas fillas e fillos, ás nosas netas e netos, ao noso país, temos a responsabilidade de erguer a nosa voz e saír á rúa, para deixar constancia de que rexeitamos esta manipulación legal que pretende afogarnos.
Esta sábado 28 temos unha nova oportunidade para trasladar a nosa oposición a esta proposta de lei. A marcha á que nos convoca a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público permitiranos dicir unha vez máis que estamos en contra da privatización do ensino público, da eliminación da igualdade de oportunidades, de que se ningunee a nosa lingua, de que cada vez estea máis presente a relixión nas aulas ou de que os centros educativos se convirtan en empresas das que se desterrará a xestión democrática.
Eu non pedirei a dimisión do ministro, porque non é unha decisión do ministro, é a decisión dun partido no goberno. Así que lle vou pedir a retirada do anteproxecto da lei, mais voullo pedir a quen me goberna e representa: a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, porque o seu cometido sería escoitarnos e atender as nosas demandas, para logo trasladalas a quen elabora a lei e dicirlle que Galiza non está de acordo, que refuga a súa proposta.
Porque a Consellaría de Educación da Xunta que nos goberna é a responsábel de que este tema non se tratase no Consello Escolar de Galiza e non se puidesen posicionar os distintos sectores que o integran.
Porque a Consellaría é culpábel da situación do idioma aprobando unilateralmente un Decreto, hoxe anulado parcialmente polos tribunais, que servíu de inspiración para a redución por trilingüismo na LOMCE.
Porque a Consellaría de Educación xa está aplicando a LOMCE, antes de que exista mesmo, ao incumprir a sentenza do Supremo e manterlle os concertos educativos aos centros que segregan o alumnado por sexo.
Porque a Consellaría de Educación é quen aumenta o profesorado de relixión, mentres se reduce o resto do profesorado, camiñando xa cara unha maior confesionalidade dos centros.
Porque a Consellaría de Educación é a adiantada do Estado tamén na privatización, concedendo ciclos formativos a centros privados, que segregan o alumnado por sexo, mentres llos negan aos públicos que teñen profesorado e instalacións. Ou introducen empresas privadas para facer actividades de inglés dentro do horario escolar, mentres os profesores especialistas en lingua inglesa engrosan as listaxes do paro.
Porque a Consellaría de Educación recorta os nosos dereitos ao uso do comedor e introduce a arbitrariedade na admisión do alumnado.
Porque a Consellaría de Educación reduce unha vez máis os salarios das súas traballadoras e traballadores, nun alarde de desprezo á súa profesionalidade e aos seus dereitos de representación.
Porque a Consellaría de Educación, a Xunta de Galiza podería estar en contra da aprobación desta lei e deixar constancia desta oposición.
Eu o 28 de setembro marcharei a Compostela desde a Ponte da Rocha, canda as miñas compañeiras e compañeiros do Sur. Porque estou en contra da LOMCE e en contra deste goberno da Xunta que a ampara.
Setembro de 2013
Artigo publicado en Terra e Tempo e valminor.info |
|
|
|
Construírmos a soberanía |
|
"A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos para vivir. Adóroa máis alá da miña morte. Se o tribunal entende que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado..."
Con estas palabras dirixiuse Alexandre Bóveda ao tribunal que indigna e inxustamente o xulgaba, un tribunal que era a escenografía pseudolegal coa que xustificar o asasinato de todos os que se significaran polo seu amor a Galiza, a comezar por aqueles que tiveran un papel preponderante na construción da soberanía, que, sen recibir este nome, comezou naquel primeiro cuarto do século XX e grazas ao cal hoxe estamos aquí, de novo, tentando continuar a súa tarefa.
Tamén nós amamos a nosa terra e ese amor é o que hoxe nos trae aquí, a acender o facho da memoria de Bóveda, porque acreditamos nas palabras de Castelao na Alba de Gloria: "Bóveda terá que ser, nun mañá próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención".
Bóveda formaba parte dunha xeración única para a historia de Galiza. Cada vez que me achego aos seus escritos, cada vez que comprobo a impetuosidade e o radicalismo de Manuel Antonio, a serenidade e a contundencia de Victoriano Taibo, a creatividade e a intelixencia de Castelao, ratifícome na miña admiración por eles. Foron unha xeración non fundamental, imprescindíbel para a nosa existencia. Non seriamos o que somos sen a súa obra e o seu traballo. Por iso considero que temos a responsabilidade de continuar o seu proxecto, a obriga moral de nos entregar como eles se entregaron, antepoñendo sempre o amor a Galiza, para camiñarmos a senda que eles iniciaron.
Pensaron, escribiron, actuaron, entregaron a vida para que nós herdásemos unha terra que comezase a ser recoñecida como nación. Sabía Bóveda cando se entregaba totalmente á campaña en prol do estatuto ou Castelao cando teimou até que foi aprobado polas cortes que eses serían feitos decisivos para recuperarmos a loita polo autogoberno anos despois?
Talvez si, do mesmo xeito que nós seguimos loitando pola soberanía porque sabemos, como sabía Bóveda, que só acadando a soberanía plena poderemos xestionar mellor os nosos recursos financeiros, pesqueiros, enerxéticos, crear traballo no noso país, xerar riqueza para Galiza.
Porque o colonialismo persiste. Porque dous mil anos despois volven os dominadores de sempre e estenden o seu imperio nas nosas terras, como antes fixeron. Até volven aos mesmos lugares que un día explotaron os romanos a trazar cuadrículas mineiras.
A fraude das preferentes, a emigración da mocidade, a explotación dos nosos recursos por empresas estranxeiras, a limitación ou eliminación da nosa capacidade pesqueira son o contexto que nos leva a ratificar a actualidade da obra de Bóveda, que defendía a existencia dunha banca pública galega, ou de Castelao cando denunciaba que as nosas xentes eran enviadas á emigración como paquetes teutóns ou cando simbolicamente afirmaba que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen.
Todas estas lacras foron ideadas fóra do noso país e sonnos imposta desde un goberno alleo e os seus lacaios nas institucións galegas. Son unha mostra máis de que o futuro de Galiza pasa pola soberanía plena e pola autoorganización, como sinalastes xa compañeiras/os nas décadas de 60 e 70: estando o centro de decisión no noso país. Porque ?nunca virá de fóra /remedio ou esperanza? (Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos.)
Por iso en 2013, máis dun cento de persoas demos en pór en marcha a iniciativa Galiza pola Soberanía, porque chegou o momento de pularmos por un estado propio, de crearmos a República de Galiza. Ese será unha parte importante do noso traballo de agora en diante, é a nosa responsabilidade cos devanceiros e coas xeracións futuras.
As galegas e os galegos que puxemos a andar Galiza pola Soberanía aspiramos a levar adiante o dereito a iniciarmos un proceso de construción nacional, que nos leve a unha situación de soberanía plena, á consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república. Por iso o pasado mes de xullo presentamos publicamente esta iniciativa e convocamos a todas e todos os que coma nós consideren que debemos camiñar cara á República da Galiza a traballar canda nós por esta arela. Porque como escribiu Daniel Castelao no Sempre en Galiza: "Galiza é unha nación e como tal é soberana e ten dereito a se organizar sen máis límites que os derivados do respecto ao dereito igual das demais" nacións e, por conseguinte, "non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para vivir con absoluta independencia- sería sempre un acto tiránico".
Como en Quebec, Scotland, Catalunya, Euskal Herria, é o tempo do pobo, é o tempo de erguer a nación e rexer os nosos destinos.
Escoitade, debaixo dos nosos pés estas pedras aínda gardan a calor dos pasos dos camaradas de Bóveda e Castelao, os deles mesmos. Escoitade, entre estes muros ecoan aínda as súas palabras. Foron estadea, foron semente, son labarada que nos ilumina, collede a súa forza. Camiñemos, agárdanos Galiza.
17 de agosto de 2013, Día de Galiza Mártir.
Intervención na Homenaxe a Alexandre Bóveda, publicada en Sermos Galiza.
|
|
|
|
Na miña terra |
|
 Na miña terra
?Tenho visto alguma coisa do mundo, e apontado alguma coisa que vi. De todas quantas viagens porém fiz, as que mais me interessaram sempre foram as viagens na minha terra.? Almeida Garret, Viagens na minha terra, 1846 (citado da edición da Porto Editora de 1982).
Cando comecei pensar neste artigo, foi esta obra de Garret, revolucionadora da prosa portuguesa, unha das primeiras ideas que me viu á cabeza. Certamente teño visto algunha cousa do mundo e a súa pegada quedou no que fun escribindo: a verticalidade do volcán de Pico nos Açores, o arreguizo camiñando os corredores do Coliseo, a lama nos Elíseos, o voo dos pelicanos na baía de La Habana ou a nostalxia camiñando un areal de Lekeitio. Mais non sabería dicir se foron estas as viaxes que deixaron máis pegada.
Tampouco se foron as viaxes ou os libros que elixín para me acompañar, e os que trouxen de volta como trofeos, os que ancoraron na lembranza. Porque mellor que as propias rúas de Río de Janeiro, lembro as páxinas de Voces no deserto de Nélida Piñón ou o Jubiabá de Jorge Amado ás portas do Museo da Baleia na Ilha da Madeira.
Mulher de Porto Pim, de Antonio Tabucci, foi un dos trofeos. O libro atravesou o Atlántico na miña maleta dúas veces, sempre no camiño dos Açores. Apareceume na Feira do libro de Ponta Delgada (Ilha de São Miguel), nesas feiras do libro que en Portugal abren as súas portas contra a noite, alá cando as temperaturas son máis frescas e a xente dá demorados paseos. No ano seguinte, o libro volveu de novo aos Açores, mais agora para acompañar o meu deambular pola Ilha de Faial e a propia praia de Porto Pim. Noutra desas feiras do libro nocturnas fíxenme con Memorial do Convento, foi na praia de Ericeira, na propia cámara municipal de Mafra, alí onde se ergue o convento do que Saramago fala. Esa viaxe precisamente deixou pegada nas miñas palabras, foi por mor dos morcegos conservadores, os gardiáns de libros como Opera Omnia de Homero, ou a 1º edición da Enciclopedia de Diderot e D?Alambert na biblioteca do Convento de Mafra.
Practicamente non nos deixaron entrar, só dar uns pasos dentro da biblioteca que se estendía máis alá do que os nosos ollos acadaban. Foron explicando todos os detalles da construción, os volumes que gardaba. Explicaban que os libros non tocaban o fondo dos andeis para non entrar en contacto coa humidade das paredes e que ás veces a limpeza da sala non era óptima porque nela vivían os morcegos, uns morcegos que acabaran por se demostrar os mellores conservadores posíbeis, pois eran os encargados de exterminar os insectos que ameazaban con devorar os libros. Por iso de regreso escribín sobre os morcegos conservadores desta vila chea de historia, esquecida á sombra de Sintra.
Mais debo volver ao inicio, porque nesta viaxe polos recantos da memoria, deixeime levar pola fascinación lectora e deixei atrás o fío primeiro que me guiaba neste labirinto.
Dicía cando comezaba que ao pensar neste artigo inmediatamente me veu á cabeza Almeida Garret e isto porque na miña escrita as viaxes que máis fondamente influíron foron as feitas na propia terra. Xa teño afirmado, en máis dunha ocasión, que é a paisaxe, a nosa paisaxe, unha das inspiracións fundamentais da miña escrita.
Porque sen a ansia do mar e as fuxidas de Santiago cara á costa talvez non existiría o meu primeiro libro, Crear o mar en Compostela. Mentres me facía adulta e aprendía a gobernar a miña propia vida andei esas praias do norte, praias en que o mar en nada se asemella daquel que me viu nacer na Ría de Vigo. Era como descubrir o mundo: Seaia, Baldaio, Razo, Camelle, Arou, O Trece, Nemiña, Lires, O Rostro, Mar de Fóra, Lagosteira, Caldebarcos, Carnota, Louro, Esteiro, Aguieira, Corrubedo. Praias e mar de Fisterra que se quedaron gravados para sempre na palabra, nos poemas, e acabaron por lle dar corpo ao desexo de que a Compostela chegase o mar. E aínda que cegada polo sal que precisaba, fun descubrindo os ríos que alimentan o océano: Tambre, Sar e Sarela e aldeas de nomes sonorosos: Olveira, Ponte Maceira.
Andei a praia do Trece para subir o Monte Branco de Camariñas, singularidade xeolóxica de duna rampante que coa forza do vento coroa o cume do monte e dálle nome. Monte arriba e monte abaixo. Saltei entre os cons cando a praia se perdía, entrei no cemiterio dos ingleses e imaxinei a historia que oculta, fun até o final do Petón do Boi e seguín camiñando cara ao Cabo Vilán para sentir a forza do vento ao pé do faro. Polo camiño busquei a camariña e atopei herbas de namorar e foxos de lobos.
Sentín o temor vendo unha vella ás crebas no Rostro, temor do que non pode ser racionalizado e aparece e desaparece mentres os ollos se pechan e as areas se cravan igualmente nas pupilas. E unha mágoa fonda, indescritíbel, mortal coma o veleno, cando o bafo negro cubriu de morte o Mar de Fóra, o país enteiro desde Ortegal ao Miño, e deixamos de respirar.
E despois de percorrer todas as distancias que o tempo me deixou medir, aínda quedan camiños e camiños por andar. Camiños aos que volver, recunchos inexplorados que me empurran contra o papel en branco e unen a miña voz á de todas e todos os que se alzan para reclamar máis terra e máis mar. Cantís de Teixido ou cume do Pindo, canóns do Sil e auga a gurgullar en Lobios, miliarios e montes furados. País que nunca rematas de nos sorprender.
Ande a viaxeira camiños do norte e do sur, vaia contra o nacer do sol, ou cara ao ocaso, déixese ir, non repare en reloxos caprichosos que negan as bóvedas feitas polas follas dos carballos, bóvedas que nos levan até as augas ocultas que curan todos os males da alma. Fágalle caso a viaxeira a esa fame inexplicábel que a fai parar á beira da estrada e descubrir un monumento do Románico que non viña nos libros da súa escola, e repare na singularidade da construción en mármore, no cemiterio cuberto do que foron retiradas as tumbas, nas torres defensivas hoxe destinadas a campanario e panteón. O vello de ollos azuis e falar pausado desas terras do Incio virá canda ela para lle explicar que ten ante si unha xoia e mesmo accederá a abrir a igrexa para poder contemplar as esculturas de hai oito séculos ou máis.
As abas dos montes, o mármore negro, o falar do home, a viaxeira non saberá cal é o maior tesouro, mais volverá plena e disposta a se perder outro día, noutro lugar desta terra, recoñecéndose.
Xullo de 2013.
Artigo publicado no suplemento "A Fondo" do Sermos Galiza de 19 de xullo de 2013.
|
|
|
|
Artigo do 25 de xullo |
|
O pasado 25 de xullo correspondíame publicar no Terra e tempo. Así que coa antelacións suficiente enviei o artigo. Desta vez, mesmo fun madrugadora e xa o enviei o día 23, porque o 24 ía ter traballo e non podería envialo en tempo.
O artigo falaba da data que iamos celebrar, contextualizada no momento actual, o nacemento da iniciativa Galiza pola Soberanía.
Mais o caos (non o azar) quixo que o 25 non saíramos á rúa como sempre saímos e que as nosas palabras quedasen afogadas nun lago de dor e de impotencia.
Até hoxe non me atrevín a enlazazr o artigo. Aquí queda a miña reflexión para un día que prevía de emoción e encontros, de celebración. De reivindicación de soberanía plena tamén para sabermos o porqué desta traxedia. Para comprobarmos, outra vez, que o noso pobo é o mellor que temos.
A Nosa Terra é nosa
O pasado 20 de xullo, foi presentada publicamente en Compostela a iniciativa Galiza pola Soberanía. Cunha roda de prensa nacional, en que tres persoas da Coordinadora deron lectura ao manifesto e ás liñas de intervención, e convidaron a expandir esta iniciativa nas celebracións patrióticas do 25 de xullo dando lectura ao manifesto, comezaba a súa posta en marcha. Galiza pola soberanía convidou tamén a facermos visíbeis as bandeiras da patria e a participarmos masivamente nas celebracións patrióticas do 25.
As e os promotores da iniciativa eliximos intencionadamente o mes de xullo para facer esta presentación pública. Porque esta iniciativa vai procurar as súas raíces nos elementos identitarios que nos definen: a bandeira azul e branca de estrela vermella, a celebración do día da patria. Precisamente por iso escollemos tamén os versos de Cabanillas, do poema ?En pé!? (1917): ?berremos alto e forte // a nosa terra e nosa!?. Uns versos pertencentes a Da terra asoballada, obra que se sitúa no que denominamos Segundo Renacemento (1914-1939) período caracterizado pola consolidación da ideoloxía nacionalista e no que conviven diferentes xeracións literarias que nos deixaron un legado que hoxe debemos recuperar.
Á miña memoria acode o traballo ciclópeo dos irmáns entregados á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra, poética ou teatral, narrativa ou ensaística, é a mostra do seu compromiso, de tantos proxectos colectivos que encetaron a empresa da construción nacional. Pensaron, actuaron, escribiron, e unha mordaza fascista silenciounos, mesmo definitivamente, para impedir que a nosa Terra fose nosa. Sinto que lles debemos aos irmáns de entón a responsabilidade de recollermos o seu facho e continuar, alicerzando o noso discurso nas súas palabras. Por iso pronunciamos tamén as palabras de Castelao: Galiza é unha nación e como tal é soberana e ten dereito a se organizar sen máis límites que os derivados do respecto ao dereito igual das demais nacións e, por conseguinte, non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico.
Como escritora, vexo Galiza pola soberanía como a continuidade do proceso iniciado en 1916, cando o 18 de maio, na Coruña, no local social da Academia, fundábase a ?Hirmandá de Amigos da Fala?. Carvalho Calero dá conta deste feito na Historia da Literatura galega contemporánea (Galaxia, 1981): ?Un pulo decisivo neste terreo prodúcese en 1916, cando as campañas de Antonio Villar Ponte ocasionan a fundación das ?Irmandades da Fala?, que, xurdidas na Cruña, esténdese a toda Galicia. Esta organización, conforme indica o seu nome, tiña como finalidade esencial a esaltación e fomento do idioma, combinado con todo un plan de rexeneración do país?.
Idioma e nación, nación e idioma, unidos e indisolúbeis, ?se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma? que dixera Castelao. E sempre a un tempo agroman as dúas reivindicacións. Así tamén cando lemos na Correspondencia de Manuel Antonio unha carta a el dirixida de José Romero Lema en que dá conta dunha Xuntanza escolar nazonalista en Compostela, que tería lugar o 26 de xaneiro de 1919. Relata o acto e sinala que as conclusións foron: ?1ª Pedirlle ó Goberno o creamento d?unha cátedra de Literatura e Língua Gallega. 2ª Pedirlle a Autonomía integral pra Galicia? (Manuel-Antonio, Correspondencia III, Galaxia, 1979).
Hai xustamente cen anos que Cabanillas publicaba o seu primeiro libro, No desterro, un título que dos dá unha clara visión do que foron os anos en Cuba para o poeta, que talvez emigrara á illa non só por motivos económicos, senón tamén para evitar as represalias pola súas posicións anticaciquís. O primeiro poema do libro, ?Camiño adiante...?, describe a partida do labrego, ?o pensamento/na chouza en que viveu seus anos mozos, / o amor á terra en que naceu no peito,?, un poema que remata coa esperanzadora seguridade de que trunfará ?na loita que en si leva?. Esta seguridade daquel 1913, contrasta co poema ?Vía Crucis? publicado na segunda edición de Da terra asoballada, (1926). O poema, dedicado a Castelao, di:
Galicia rube ó Calvario.
Non leva ás costas a cruz do Nazareno:
leva o seu mantelo probe,
leva o seu mantelo vello.
Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secóuse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos.
Non prega nin pon xusticia.
É mal da alma, é mal do desespero.
Batede no corazón;
poñédevos de xoenllos
e perguntái con santo amor de fillos,
alá no fondo, alá dentro
onde resoan cristaíñas, craras,
a voz da Raza, a voz do sentimento,
a voz da nosa Terra
máis forte que a oración, que a lei, que o ferro...
decídelle á vosa sangre
¿Son chegados os tempos?
(citado de Ramón Cabanillas, Obras completas I, 1979, Akal Editor)
Case un século despois, ao pé das escaleiras que de Praterías levan á fachada románica da catedral respondemos nunha soa voz cos versos de Pondal
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as nosas vaguedades
cumprido fin terán;
Nós, a Nazón de Breogán, proclamamos hoxe, no corazón de Galiza, que desexamos iniciar o proceso que nos leve á soberanía plena, a construírmos a casa de noso que é a República de Galiza. Por iso facemos visíbel a nosa bandeira e saímos á rúa convertendo en consignas os versos d@s poetas: ?Berremos alto e forte, a Nosa Terra é Nosa!? |
|
|
|
Se os gobernos quixesen |
|
Estes días as sardiñas chegaron custar 18 euros/kg, din os medios. Así dito, parece caro, mais non tanto como se dicimos 3000 pesetas, na moeda de antes 3000 pesetas.
Calquera o diría!, que a popular sardiña que tantas veces ten andado tirada de prezo, ou tirada literalmente de novo ao mar para que os prezos non seguisen baixando, acadase valor de peixe de luxo. Ironías do destino!
É a época do ano en que a sardiña tiña que saír dos barcos por abundancia, e non, escasea como se non fose agora o seu tempo. Sabemos que isto ten unha explicación científica, pois é unha especie con grandes oscilacións anuais posiblemente influídas pola temperatura das augas que non favorecen a presenza dos grandes cardumes nos lugares habituais de pesca. Mais eu non podo evitar que me veña á cabeza a frase de Castelao, ao pé da imaxe do vello e o neno, representación da miseria contra un mar en calma, como deserto espoliado en beneficio alleo. O avó que lle di ao neno, que mira a lanchiña na súa man: ?as sardiñas volverían se os gobernos quixesen?.
Ben sabemos que literalmente non é así, mais quen pode pensar que esteamos ante unha afirmación literal? Mais ben estamos ante a constatación de que o compromiso dun goberno, a defensa do seu pobo e o seu país pode facer posíbel o imposíbel, mesmo que as sardiñas volvan, malia non ter o mar a temperatura axeitada para que se alimenten e engorden. E se mo permiten, creo que Castelao hoxe retomaría esta afirmación. Pois vendo os tempos que corren, como o goberno botou enriba de nós a pesada lousa do seu concepto de austeridade, como ese mesmo goberno non defende a pesca galega e o marisqueo como corresponde ante as autoridades competentes, como os que debían gardar os nosos aforros roubáronnos, como os que nos roubaron alardean da súa impunidade e bótanlle a culpa a outros, como a liberdade de opinión e información é perseguida e a censura é unha maquinaria activa ou se pretende levar aos tribunais uns rapaces que repartían propaganda... que imos dicir senón que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen!, porque até este manxar dos pobres é agora artigo de luxo.
Tamén Castelao dixo que o peixe é a prata do mar feita carne e que o peixe do Atlántico sabe a sal de vida libre. A vida que nos negan os que non queren que volvan as sardiñas. Porque non nos queren libres, quérennos escravos, sometidos, alienados. Cans de orellas caídas e rabo entre as pernas cada vez que nos rebaixan o salario, cada vez que aceptan outro ERE, cada vez que reducen as bolsas de estudos, cada vez que nos impoñen xornadas superiores ao que marca o convenio, cada vez que nos negan o dereito de nos reunir para falar dos problemas que temos nas empresas, cada vez que nos despiden por estarmos preñadas, cada vez que o empresario foxe co roubado e nós ficamos sen traballo, cada vez que a empresa consegue con trampas e falsas testemuñas que o despido sexa procedente, cada vez que o goberno muda a lexislación e recorta os dereitos do pobo, cada vez que...
Mais aínda que non puidemos probar as sardiñas, ao menos as do Atlántico, este ano, ninguén nos impediu prender a fogueira para curar este mal de ollo que xa dura meses e anos e botar no lume todo o que non desexamos.
Remato coas derradeiras palabras do Libro Primeiro do Sempre en Galiza: ?O día que Galiza sexa nosa, o mariñeiros vivirán na fartura?, unha frase con 76 anos de sabedoría. A chave do futuro.
Artigo publicado en Terra e tempo o 25 de xuño de 2013. |
|
|
|
Estranxeira na súa patria |
|
 Artigo publicado en Terra e Tempo sobre a proposta feita pola CIG-Ensino para que o Día de Rosalía figurase no calendario escolar e a negativa da Consellaría a recollelo:
"Contemprou cal pasaban e pasaban
Collendo hacia o infinito,
Sin que ô fiaren n'ela
Os ollos apagados e afundidos
Deran siñal nin moestra
D'habela n'algun tempo conocido."
No mesmo mes en que celebramos a publicación de Cantares gallegos hai 150 anos, a Consellaría de Cultura e Educación négase un ano máis, e desta volta con especial belixerancia, a acoller a proposta que desde a CIG-Ensino se vén realizando de que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, forme parte do calendario escolar no apartado de conmemoracións, ao lado de datas como o Día de Europa ou o Día da defensa dos dereitos do consumidor.
Se o ano pasado a Consellaría pechou o debate concluíndo que estudaría a proposta, este ano negouse desde o principio, até o extremo de dicir que se se lle dedicaba a Rosalía, habería que llo dedicar tamén a outros autores ou que por que a Rosalía. É posíbel que esta pregunta se faga nun organismo da Consellaría de EDUCACIÓN? De verdade que hai que explicar o que significa Rosalía de Castro para a lingua e a literatura galega? Actitudes como a demostrada este xoves 23 pola Consellaría de Educación son a expresión do seu autoodio e da súa vontade de reducir a nosa lingua e a nosa cultura á mínima expresión.
Non son como aquela procesión de mortos que pasan por ela sen daren mostra de a teren coñecido, senón como un exército de zombis que insisten en negala nun discurso que oculta o esencial e que demostra a consciencia de que as palabras de Rosalía nacen dunha firme vontade identitaria. Por iso pretenden aparentar o recoñecemento á autora, mentres negan por omisión o significado fulcral da súa contribución, reducindo a súa figura a ?... quen levou a través da palabra escrita,.. o noso espírito á mellor lírica da época contemporánea; tamén polo seu pensamento transformador, en prol da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos?. Estes son segundo o Conselleiro de Cultura e Educación os motivos para recoñecer a obra rosaliana, unha nova volta ao parafuso da beatificación confusionista que desde hai décadas pretenden infrinxirlle "os horados na vila" á nosa autora.
Unha vez máis non poden negala en termos absolutos, borrala da memoria colectiva, enterrar a súa obra no esquezo. Por iso renovan a estratexia da manipulación e da redución até a eliminación, impedindo facer do Día de Rosalía un día para que os centros escolares e, por tanto, as nenas e os nenos, as xeracións do futuro, lean, declamen, coñezan a súa obra.
Son os mesmos que concibiron a implantación do terzo en inglés para ir eliminando o galego das aulas.
Contra a súa negación o pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que un 24 de febreiro as escritoras e os escritores lean os seus versos nas rúas das cidades, mentres as persoas que camiñan se deteñen, escoitan, lánzanse a ler tamén.
O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que unha profesora propoña unha actividade escolar da que as pequenas e os pequenos falen cando cheguen á casa. O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que en calquera momento e lugar unha nena declame os seus versos, e diga alto e forte: que así mo pediron, que así mo mandaron que cante e que cante na lingua que eu falo.
O pobo galego erguerá a voz de Rosalía aínda que teimen en evitalo. |
|
|
|
Letras galegas |
|
Estes días fálase de en quen poderá recaer o día das Letras Galegas de 2014. Lembro entón este artigo que escribín en xuño de 2004. Nel falo de Carvalho Calero, aínda non homenaxeado. Cando será o día das letras de Carvalho?
Letras galegas
Recentemente o día das Letras Galegas volve estar de actualidade, desta volta pola decisión de lle adicar as letras do 2005 a Lorenzo Varela, decisión que non recibiu o apoio unánime da Academia. O outro motivo que lle confere actualidade é o debate sobre a súa utilidade, sobre a súa hipotética crise.
Certamente no contexto actual faise necesario recorrer á alquimia, inventar novas fórmulas, atopar a pedra fiosofal que arraigue na sociedade a nosa identidade. A celebración das letras galegas debe ser unha festa, a festa da nosa identidade cultural, mais unha festa que non ignore a problematica actual, nin renuncie a reclamar as medidas necesarias para a normalización plena da nosa cultura e da nosa lingua. Debemos, ademais, desterrar o carácter litúrxico, ritual desta data instituída para manter e recuperar a nosa identidade.
Con respecto á escolla de Lorenzo Varela reaxín con sorpresa, abraioume a escolla deste autor fronte a outros cun obra máis extensa e importante e cunha contribución máis destacábel a prol da nosa cultura. Tanto como a elección abraioume que, segundo informaba a prensa escrita, non houbese candidato alternativo e comecei considerar algúns dos autores que eu achegaría.
Cinxíndome ao criterio de ter morto hai dez anos, criterio que podería ser revisado, penso fundamentalmente nos seguintes escritores:
O profesor Carvalho Calero, destacábel pola súa aportación creativa e ensaística, un dos grandes investigadores da nosa literatura, Eusebio Lorenzo Baleirón, ou os irmáns Alvarez Blazquez, nomeadamente Xosé María quen, tamén nos duros anos do franquismo, contribuíu á nosa historia cultural non só mediante a creación literaria, senón tamén mediante o activismo coa creación de selos editoriais e coleccións. Un Xosé María Alvarez Blázquez que entre outras cuestións tería ao seu favor o feito de ter sido membro da Academia.
E un nome máis, o nome dunha muller, tan raras nesta lista de escritores homenaxeados, fiel reflexo da súa presencia no mundo das letras, mais aínda así, merecedoras dun pequeno lugar. Refírome, naturalmente, a María Mariño.
Por que non se barallan estes nomes? Non nego con isto que Lorenzo Varela non poida recibir esta homenaxe, mais tamén é certo que non está, en canto á súa aportación creadora, á altura dalgún dos nomes citados.
Artigo publicado en A Nosa Terra
|
|
|
|
Pola retirada da LOMCE, folga!! |
|
Este xoves 9 de maio a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por máis de 11 entidades representantivas de toda a comunidade educativa, nais e pais, alumnado e profesorado, convoca folga no Ensino público contra a LOMCE.
A mal chamada Lei para a mellora da calidade educativa é unha verdadeira agresión ao ensino público, unha involución de máis de 50 anos que nos leva a antes de 1970 coa imposición das reválidas, o desprezo á nosa lingua, a potenciación da relixión, a dirección unipersoal dos centros (até o extremo de poder rexeitar profesorado), o modelo da empresa privada ou o incremento dos concertos ao ensino privado, mesmo aínda que discriminen o alumnado por razón de xénero. A LOMCE é unha lei que aposta pola privatización do ensino, mercantilista, españolizadora, centralista, antidemocrática, antipedagóxica, confesional...
Desde que en outubro se fixo público o primeiro borrador, a Plataforma considerou a necesidade de realizar un labor de concienciación e difusión do que este borrador significaba. Ao tempo iniciaba as mobilizacións necesarias coas que facer efectiva a nosa oposición nas distintas cidades galegas e outras localidades.
Durante o mes de marzo preparouse a seguinte mobilización, os peches que tiveron lugar no mes de abril en máis de 15 localidades galegas, que se iniciaron o 9 de abril en Compostela e remataron o 26 en Pontevedra e nos que participaron máis de 3000 persoas que acudiron aos peches para manifestar a súa oposición á LOMCE.
As entidades que compoñen a Plataforma realizaron tamén outras accións, como as intervencións nos Consellos Escolares de Galiza e do Estado (que abandonaron), a manifestación estudantil de 6 de febreiro ou a recollida de sinaturas contra a LOMCE entre o profesorado realizada pola CIG-Ensino e que superou as 10.120.
A folga do día 9 é un paso máis neste calendario de mobilizacións. Con todo debemos manifestar a nosa desconformidade co feito de que non se contase con esta Plataforma nin coas entidades que dela forman parte para consensuar a data, deixando á marxe ás galegas e aos galegos, até o extremo de propor unha data que é festivo en varias localidades, entre elas Compostela.
Máis de seis meses traballando para esixir a retirada da LOMCE. Estes días fanse os últimos esforzos, volvendo realizar charlas e falando cos sectores implicados, nomeadamente facendo asembleas co profesorado que está chamado a apoiar a folga ese día.
E ademais a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca manifestacións para nos facermos visíbeis. Estar nas rúas ás 11:30 h. este xoves día 9 vai ser a nosa forma de dicir que SI estamos en folga, como alí se pode ver, e SI saímos á rúa para demostralo. A nosa presenza nas rúas será a máis contundente contestación a unha Consellaría de Educación que non quererá aceptar os datos de participación.
Convócase a folga para pechar as aulas e estar na rúa e algunhas sabemos que até as nais e os pais virán canda nós para se deixaren ver nas rúas das vilas e cidades e deixaren claro que non, que non estamos de acordo e por iso
Esiximos a retirada da LOMCE! |
|
|
|
Diversidade lingüística e linguas ameazadas en Europa. |
|
Crónica da participación da AELG no Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, publicada en Sermos Galiza.
O pasado 20 de marzo, véspera do Día Internacional da Poesía, participei nun Grupo de Traballo sobre linguas ameazadas e diversidade lingüística na sede do Parlamento europeo, como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG. Fomos convidados a participar neste grupo de traballo por Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento europeo, integrante da Alianza Libre Europea (ALE)-Os Verdes, formación organizadora do Grupo de traballo.
O presentador e moderador da actividade foi o deputado da ALE François Alfonsi, do Partido da Nación Corsa, quen visitou recentemente o noso País. A sesión comezou coa intervención de varios expertos.
"Fomos convidados a participar neste grupo de traballo por Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento europeo"
Moseley Christopher, da Unesco, falou da categorización dos diferentes graos de ameaza dunha lingua, indicando que as linguas chegan á fase crítica no momento en que soamente son empregadas por persoas de idade. Mostrou imaxes do Atlas das linguas ameazadas realizado pola Unesco, indicando que está en período de elaboración e por tanto recibindo información. Nas imaxes mostradas, na Península só figuraba o euskera e como vulnerábel, o que logo foi cuestionado polo representante basco (cabe sinalar que a Unesco recolle na Península o euskera e o asturiano, aragonés e aranés como linguas en situación de seria ameaza e o guanche como extinguida).
Fernand de Varennes, experto en dereitos lingüísticos, deixou datos como que cada dúas semanas desaparece un idioma ou que en catro xeracións desaparecerán moitos, sinalando que o número de linguas ameazadas desde o seu punto de vista era superior ao que sinalaba a Unesco. Incidiu que actualmente a novidade radica fundamentalmente na velocidade á que desaparece unha lingua e no incremento da presión en moitos países cara ao monolingüísmo. Entre outras afirmacións sinalou que unha lingua que non ten prestixio fóra do ámbito escolar non ten futuro.
Meirion Prys Jones, da NPLD, sinalou a redución de orzamentos para a protección das linguas. Jonathan Hill, da Comisión Europea, falou entre outras cuestións da importancia das políticas de tradución e Adina Nichifor, do Consello de Europa, manifestou que a Carta europea de linguas minorizadas (CELRM) require políticas activas dos gobernos.
"Un comunicado de Régions et peuples solidaires denunciaba que Hollande viña de se negar a subscribir a CELRM, en contra do que prometera na campaña electoral"
A parte expositiva rematou coa intervención de Markus Osterlund que falou do caso do sueco en Finlandia, lingua falada polo 5,9% da poboación e sobre a que adoptaron medidas de normalización, como a publicación de documentación bilingüe, moi recentemente.
Rematadas as intervencións iniciais chegou a quenda dos representantes das diferentes linguas europeas, deputados e convidados que trasladaron as diferentes situacións. Desde a situación do piamontés, que mesmo a Unesco declara de ?definitivamente en perigo? e do que se expuxo que os últimos falantes están nos centros da Terceira idade, ao Ladino, para o que se sinalou que a súa situación mellorara respecto a hai trinta anos ao adoptarse medidas favorábeis.
A situación actual das linguas minorizadas do Estado francés pairou sobre o desenvolvemento do encontro. Ese mesmo día publicábase un comunicado de Régions et peuples solidaires denunciando que Hollande viña de se negar a subscribir a CELRM, en contra do que prometera na campaña electoral. O comunicado comeza dicindo que o bipartidismo á francesa fai que no relativo ás linguas a canción sexa sempre a mesma ?Palabras, palabras? podería ser o título.? O convidado basco falou da situación en Iparralde, da actitude do subprefecto de Baiona que se dirixira ao municipio de Hendaia para lembrarlle que o Estado francés non permite subvencionar con diñeiro público a construción dunha ikastola ou de que se están pechando, por falta de apoio, as radios comunitarias. Os corsos denunciaban que a súa lingua non tiña espazo nos medios de comunicación, a penas segundos. A estas denuncias sumábase as do deputado alsaciano ou o de Guyana e o convidado bretón, quen informou da coordinación entre as linguas de Francia para procurar a ratificación da CELRM, mentres que o occitano informaba de que neste momento a lingua está presente nas escolas, mais contan só cuns 1000 falantes, cada vez de maior idade.
Os corsos denunciaban que a súa lingua non tiña espazo nos medios de comunicación, a penas segundos
Fronte a estas intervencións manifestei que a lingua galega, malia non se atopar na situación dalgunha das linguas referenciadas, tiña hoxe o seu maior nivel de ameaza no goberno. No goberno galego e no español, ambos os dous responsábeis dunha lexislación restritiva especialmente no ensino, nun contexto social en que se xeralizou a rutura da transmisión interxeracional e a nosa lingua é cada vez menos falada entre os máis novos, situación que, analizada á luz das intervencións realizadas polos expertos na primeira parte do encontro, poñía moitas incógnitas sobre o futuro. E isto, malia ser o Estado español un dos asinantes da CELRM que incumpre sistematicamente.
Do goberno español e do aragonés, tamén do PP, falou o convidado do CHA, quen tamén incidiu no incumprimento da CELRM e sinalou a última aberración: confeccionar unha única normativa para o aragonés e o catalán de Aragón.
Ao remate da sesión, e despois da intervención das diferentes linguas presentes (mesmo un convidado que falou da situación do esloveno en Italia) as conclusións foron, como cabía agardar, que para o sobrevivencia das diferentes linguas europeas, e do mundo, cómpre o apoio dos gobernos, a súa presenza no ensino e na administración, de tal xeito que todas as persoas poidan usala, incrementar os recursos, apoiar a tradución, o cine, os medios de comunicación, etc. Puntos en común para linguas minorizadas en diferentes situacións e que vén o seu futuro desde diferentes prismas.
Foi un encontro enriquecedor que a bo seguro terá o seu reflexo no informe europeo que se elabore para a protección das linguas.
25 de marzo de 2013.
|
|
|
|
|
|
|
|
|